Na tarde do xoves 9 de marzo, tivo lugar unha nova sesión do Club de lectura de adultos do noso centro, para conversar sobre o libro "Azucre", da escritora e xornalista galega, Bibiana Candía. En palabras do coordinador do Club de lectura, o profesor Víctor González: "Estamos ante unha nova sesión do Club de Lectura "Veigas de Campaña". A charla xirou en torno a "Azucre", de Bibiana Candía, unha obra breve, non moi extensa en número de páxinas, pero inmensa en calidade. Moi ben escrita, unha obra dura de contidos pero escrita cunha delicadeza que endulza, e nunca mellor dito, a lectura, non en vano a prosa da narración foi vertida por mans poéticas, as de Bibiana Candía. Parabéns!
Galegos escravos na Cuba de mediados do século XIX, colonia española entón, ... século XIX? Unha lectura atenta demostrou, e así quedou de manifesto na charla que tivemos, que os galegos escravos entón son os inmigrantes de hoxe, tratados en réxime de escravitude ou semiescravitude, da igual, en calquera caso, en condicións infames nos mares de plástico de Almeria e noutros lares. Non hai dereito. Non hai progreso, nin progreso nin retroceso, mais ben voltas e revoltas sobre o mesmo, un eterno retorno tráxico do que xa nos falou o filósofo Nietzsche. Así non hai remedio; se cremos co filósofo que todo volve, que a historia non é lineal, senón circular, por que non a enchemos de vida e solidariedade para que sexa a vida e a solidariedade a que retorne e non mortos, morto e mais mortos?, .... ben, si, hai unha diferencia, os galegos viaxaron a Cuba en condicións infames, certo, pero foron en barco, os inmigrantes veñen en pateras e caiucos... se chegan. Ao final, retroceso, logo.
En fin, sobre a mesa veredes libros, papeis, doces, amor pola lectura, afán por saber e alegría polo encontro; pouco máis se pode pedir. Saúde para tod@s".