Na tarde do xoves 7 de outubro tivo lugar a sesión inaugural do Club de lectura para adultos deste curso académico 2021-2022. Nesta ocasión, os asistentes tiveron ocasión de ter un encontro co escritor vigués Álex Alonso arredor da súa novela "Granito". O autor disertou sobre a súa obra e respondeu ás preguntas das ávidas lectoras que pertencen a noso Club de lectura de adultos.
En palabras do responsable do Club de lectura, o profesor Víctor González: "Aí tedes a foto. Fixádevos ben nela. Non terá cabida posiblemente nos arquivos da historia, non importa. que é a historia, despois de todo? Pasado. Na foto hai un autor para o futuro, é Alex Alonso, que visitou o IES da Valga invitado polo club de lectura "Veigas de Campaña". Mirádeo, posa no centro da foto xunto co agasallo que recibiu -un dos trovadores de Sargadelos-. Logo, seguindo o surco das agullas do reloxo, Susana, Elena, Rosa, outra Elena, Mª Xosé, un servidor e Lorena. Spiderman, Mafalda eo David de Miguel Ángel, testemuñas mudas da xuntanza, tamén saen retratados. Gañas de saír do marco no que están instalados, saltar ao chan da biblioteca e participar da tertulia non lles faltan. Claro. Eles si que saben, saben o que é bo, porque boa foi a tarde, as raiolas de sol entrando pola dereita, a leria que fumos artellando, o humor, as pastas que comimos. Todo. A foto débese a xenerosidade de Óscar, que a fixo. Ata outra. Será o xoves 4 de novembro . "Panza de burro", de Andrea Abreu nos espera".