A escritora Arantza Portabales clausura as actividades do Clube de Lectura do IES de Valga, participando neste xoves, ás 16h30, nun encontro onde se vai comentar o seu libro Deixe a súa mensaxe despois do sinal, que fora gañador do Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas.
Arantza Portabales (Donostia, 1973) é unha escritora galega filla de emigrantes no País Basco que regresou coa súa familia a Marín en 1985. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e traballa como funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia.
Comezou a escribir en 2013, no xénero do microrrelato. Mantén activo o blog de microficción Una nube de historias onde que publica regularmente microfición. Con Deixe a súa mensaxe despois do sinal (2017) foi tamén finalista do Premio San Clemente e do Premio Novela Europea Casino de Santiago. A novela foi traducida ao castelán, ao italiano e ao hebreo. En 2019 publicou a novela negra Beleza Vermella ao mesmo tempo en galego (Galaxia) e castelán (Lumen).
Nesta sesión, tamén se vai realizar unha lectura solidaria de No camiño do vento, poemario escrito por Sesé Mateo. Esta autora Chapela (1965-2017), foi unha traballadora do social, feminista e poeta, asasinada pola súa parella nun crime de violencia de xénero. A recadación polas vendas deste libro, publicado postumamente, vai destinada para a Fundación Mujeres.
O Clube de Lectura
O Clube de lectura quere facer un convite especial a todas as persoas da zona interesadas nas súas actividades –mesmo sen teren relación directa co centro- para formaren parte del. A única condición é ter interese e gusto pola lectura. Portabales súmase, e é a última das autora convidadas durante este ano lectivo, engadíndose a unha lista composta por Inma López Silva, Marcos Calveiro e Rosalía Rial.