Cursos anteriores

A evolución do corpo feminino

Dentro do Proxecta de Igualdade o alumnado de 1º ESO realizou un traballo sobre a evolución do corpo das mulleres. Neste caso a actividade xurdiu da colaboración dos Departamentos de Bioloxía, Lingua Castelá, Debuxo e Inglés.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Evolución corpo feminino

Debatemos no proxecta

Dentro do programa de actividades para o Proxecta de Igualdade o alumnado de 4º ESO A estivo preparando e levando a cabo uns debates centrados na temática do corpo, a imaxe e a igualdade. En primeiro lugar traballaron o tema da influencia dos filtros e a cirurxía estética sobre a visión do propio corpo. En segundo lugar discutiron se hai prendas opresoras do corpo feminino, que discriminan ou sexualizan a quen as leva (por exemplo, o burka ou o tanga). O último debate tratou os pros e contras da abolición da prostitución, polémica que nos levou a pensar na libertade que cada individuo ten de decidir sobre o seu propio corpo.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Debate proxecta

Graduación de 4º ESO

Onte rematou o curso 2021/2022 e con el tamén pecharon a súa etapa educativa en Secundaria os alumnos e alumnas de 4º ESO. Para despedilos coma é debido fixemos unha celebración todos xuntos onde houbo discursos da man de Raúl Alonso (4º ESO A), Gabriel Agustí (4º ESO B) e Jonathan Mariño (4º ESO C), vídeos do profesorado e do alumnado recordando os anos pasados no instituto, moitas risas e algunha bágoa tamén.

Foi un pracer, rapazada! Os mellores desexos!

Álbum: Curso 2021/2022 -> Graduación 4º

Excursión ás illas Cíes

O luns 20 de xuño o alumnado de 1º ESO foi de excursión ás illas Cíes. Fixeron o roteiro ao Faro, disfrutaron da famosa praia de Rodas, xogaron, bañáronse, tamén se mollaron un pouquiño pola chuvia... En conclusión: chegaron malladiños a casa.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Cíes

Excursión ás dunas de Corrubedo e o castro de Baroña

O pasado xoves 16 de xuño o alumnado de 3º ESO foi de excursión ás dunas de Corrubedo co seu profesorado de Bioloxía. De tarde puideron visitar o impoñente castro de Baroña. O día rematou cun baño na praia que sempre ven ben.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Corrubedo

Obradoiro de Marisqueo

O 1 e 2 de xuño o alumnado de 1º ESO asistiu a unhas xornadas marineras impartidas por "Bluscus. Galicia Marinera". Concretamente a actividade consistiu nun percorrido pola lonxa e porto de Cesantes e unha sesión coas propias mariscadoras que lles ensinaron á rapazada as artes do marisqueo.

Coma podedes ver nas fotos, o alumnado pasouno en grande descubrindo polo miúdo este histórico oficio.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Marisqueo

Divulgación científica. Bicentenario de Mendel

Neste ano 2022 cúmprense 200 anos do nacemento de Gregor Mendel, pai da xenética.

As investigadoras Paloma Morán e Diana Valverde da UVigo imparten uns obradoiros ao alumnado de 1º ESO sobre "a importancia da mosca da froita nos estudos xenéticos".

Álbum: Curso 2021/2022 -> Bicentenario Mendel

As Letras Galegas

Neste mes que acaba celebramos as Letras Galegas.

Durante dúas semanas puidemos ver no vestíbulo carteis informativos sobre a vida e a obra do poeta valdeorrés homenaxeado este ano, Florencio Delgado Gurriarán. Tamén acompañamos esa mostra cunha referencia a todos os autores aos que se lles dedicou a festa desde o seu inicio no ano 1963, centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro.

Os homenaxeados dos últimos dez anos foron retratados polo alumnado de 1º de bacharelato, baixo a dirección das súas profesoras de Lingua Galega, Helena e Vera.

O martes día 18 celebrouse no Paraninfo do instituto un acto no que alumnos de 1º de ESO recitaron varios poemas de Florencio Delgado Gurriarán e foron entregados os premios do concurso literario convocado polo departamento de Galego e o Equipo de Dinamización Lingüística. A parte musical correu a cargo do grupo de Pandeireteiras do IES Castelao.

Aínda poderemos ver axiña algunha outra mostra relacionada coa festa das Letras Galegas deste ano.

Estade atentos que vai pagar a pena!

¿Deben as prendas deportivas responder a cuestións distintas da optimización para o desempeño da actividade física?

Esta é unha das cuestións plantexadas polo Departamento de Educación Física para reflexión do alumnado de 4º ESO dentro do Proxecta de Igualdade.

Con este traballo, intentamos que o noso alumnado reflexione sobre o sexismo na vestimenta deportiva das mulleres. Dita vestimenta pode ser asociada a unha sexualización da muller ou a un contexto cultural. A base esencial non é a vestimenta en sí, senón a incapacidade de elixir libremente entre diferentes opcións. En países islámicos as deportistas teñen a obriga de levar burka. Nalgúns deportes teñen a obriga de levar determinadas prendas.

Women who made a difference

A continuación podedes ver os traballos feitos en 4º ESO A para o Proxecta de Igualdade desde o Departamento de Lingua Inglesa. A temática enmárcase dentro das mulleres que tiveron que loitar para poder desenvolver tarefas propias de homes segundo a sociedade da súa época.

Todas elas son mostra da superación e afouteza das mulleres ao longo da historia.

Distribuir contido