Cursos anteriores

Obradoiros de habilidades sociais

Durante o primeiro e segundo trimestre do curso, o alumnado de 1º e 2º ESO participou en diversos obradoiros de habilidades sociais organizados polo departamento de orientación.

Estes obradoiros son moi ben acollidos pola rapazada e neles aprenden estratexias que melloran a relación entre eles e elas e favorecen a convivencia entre iguais.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Obradoiros de habilidades sociais

Visita ao CUVI

O pasado 9 de marzo o departamento de orientación organizou unha saída para o alumnado de 2º de bacharetao para coñecer a oferta formativa que ofrece o campus de Vigo.

A visita consistiu en tres percorridos diferentes (humanístico-jurídico, tecnolóxico e científico) en función das inquedanzas e itinerarios escollidos no bacharelato e os estudos ofertados pola universidade.

 

Álbum: Curso 2021/2022 -> Visita ao CUVI de 2º bacharelato

Formación do equipo de mediación

Durante o mes de marzo alumnado de 2º e 3º ESO estiveron tomando formación para unirse ao equipo de mediación do centro. Os rapaces e rapazas adquiriron novas habilidades para acompañar ao alumnado que precise dar solución aos conflitos que lles xurdan.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Mediación

Premios de "Ponlles cara!"

          Congratulámonos da alta participación, voluntaria ou incentivada polo profesorado -o cal desde aquí agradecemos- no concurso convocado desde a biblioteca para celebrarmos o Día Internacional de Muller.

          Entre os 99 participantes, moitos deles atinaron a relacionar imaxe-feito-identidade das mulleres propostas nesta primeira entrega dunha actividade coa que pretendemos visibilizar algunhas das mulleres que van facendo historia.

          Por sorteo entre os acertantes, resultaron gañadores, na quenda de adultos, Olga Pérez Rodríguez (da ESA) e, en diúrno, Paula Estévez Arias (de 1º Bac-E). Recibirán cadanseu vale de 25€ para libros.

          Parabéns a tódolos participantes, que seguramente coñecen agora algunha muller que antes lles era totalmente allea!

Álbum: Curso 2021/2022 -> Ponlles Cara resolución

Un mundo en movemento

     Ao longo do primeiro e segundo trimestre Médicos do Mundo veu traballando co alumnado de 1º e 3º ESO os dereitos humanos, a igualdade das persoas e a deconstrución de estereotipos, desenvolvendo diversas actividades de sensibilización e concienciación. Clica nas fotos para ver máis imaxes:

21 de marzo: Día da Poesía. 27 de marzo: Día do Teatro

          Con motivo destas celebracións, no comezo da primavera, convidamos e animamos a todo o mundo a ler poesía e teatro. Unha pequena mostra de poesía amósase no vestíbulo do instituto, agarimosamente colocada -coa axuda de Chus Ferrín- repousando sobre flores inmarcescibles para que poidamos ollala, saboreala, gozala... Non perdades a ocasión!

          Algúns grupos de alumnado da ESO acoden estes días á biblioteca para alí leren textos poéticos e fragmentos teatrais para así celebrarmos estas importantes efemérides.

          Nunca máis necesario que nestes tempos intentar amosar e facer valer e apreciar o poder da palabra.

Felices Días da Poesía e do Teatro!

Álbum: Curso 2021/2022 -> Día da Poesía e do Teatro

Sorteo do segundo trimestre entre os lectores da biblioteca

          No sorteo celebrado o luns posterior á entrega das notas do segundo trimestre, resultou gañador do VALE de 25€ para libros o alumno de 1º BAC E

Nicolás Rodríguez Álvarez

          Correspondíalle a el como lector a ficha de préstamo escollida por unha man inocente -como testemuñan as fotos- entre as depositadas na urna, dun libro que foi devolto no prazo establecido.

          Animádevos a seguir lendo e devolvendo os libros en tempo!!

Álbum: Curso 2021/2022 -> Sorteo 2 trimestre lectores biblioteca

Programa educativo EduReferentes

O alumnado de 3º ESO participou nas charlas impartidas por Elba Pedrosa e Ana María Castro Antonio, referentes galegas en distintos ámbitos laborais, o 18 de febreiro.

As referentes galegas dan a coñecer o seu ámbito laboral e a súa experiencia persoal para unha orientación vocacional libre de estereotipos de xénero.

Álbum: Curso 2021/2022 -> EduReferentes

Exposición 8M

Para conmemorar o 8M o alumnado de 4º ESO de Plástica e de 1º e 2º de Bacharelato de Debuxo Artístico participaron na elaboración dunha fermosa exposición que ten coma temática o tratamento do corpo feminino e a arte.

A continuación podedes ver unha escolma dos seus traballos.

Álbum: Curso 2021/2022 -> 8M

Obradoiro de xinecoloxía natural

O pasado 10 de marzo dentro das actividades programadas en conmemoración do 8M Nuria Pahino realizou un obradoiro de xinecoloxía natural co alumnado de 1º de bacharelato.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Nuria Pahino
Distribuir contido