O pasado 14 de setembro concluíu o noso proxecto KA102 - Mobilidade de Estudantes e Persoal de FP correspondente ao curso 2018/2019 que permitiu realizar prácticas formativas aos estudantes e períodos de observación aos docentes.
Neste curso 2018/2019 o IES A Sangriña modificou a súa oferta educativa, substituíu o CM de Carrocería ordinario por outro de persoas adultas na modalidade de FP Dual e impartiuse un curso de Capacitación Profesional de Nivel 2 de “Embellecemento e Decoración de Superficies de Vehículos”.
O programa desenvolveuse en Portugal, concretamente en Lisboa e Oporto. Dada a situación fronteiriza da nosa localidade, estas Mobilidades propician a posibilidade de abrir un novo e amplo mercado laboral, ademais de reforzar os vínculos entre Galicia e Portugal promovendo a circulación e o intercambio de traballadores e traballadoras entre as nosas comunidades.
O alumnado seleccionado recibiu previamente formación cultural e lingüística cunha profesora nativa. Realizáronse 6 Mobilidades de alumnado de ciclos medios, 2 Mobilidades de alumnado de FP básica, 4 de estudantes titulados do curso de Capacitación Profesional. Tamén 4 docentes realizaron un “Job shadowing” en centros de FP da zona de Lisboa.