Preme na imaxe para ver o vídeo.
Entre o 24 de abril e o 1 de maio, dez alumnas e dous alumnos de 1° de Bacharelato participaron nun intercambio con “Aarhus Gymnasium” (Dinamarca). Nesa semana recibimos ao alumnado dinamarqués e na maioría das ocasións, xunto cos seus correspondentes, participaron das actividades previstas no noso centro para esa semana que foron moitas e moi diversas:
O luns 25 de abril, dirixido a 1°Bach A e B: Itinerario xeolóxico pola contorna da Guarda”, organizado polo departamento de Bioloxía e enmarcada no ámbito dos Contratos-programa (liña Inclúe ámbito da Educación para a Convivencia).
O mércores 27 de abril, a rapazada de 1º de Bacharelato asistiu ao relatorio de Amelia Tiganus: “Conexións entre a violencia sexual, a pornografía e a prostitución: propostas éticas para vivir unha sexulidade saudable”. Esta charla foi organizada pola Comisión de Igualdade en colaboración co CIM da Guarda.
Asistiron tamén a un obradoiro de Técnicas básicas de primeiros auxilios: cadena de supervivencia, RCP básica, uso do desfibrilador e actuación ante obstrucción de vía aérea, con Pepe Palacios, organizado no ámbito dos Contratos-programa (liña INNOVA: ámbito de Educación para a Saúde), dirixido a 1° curso de todos os Ciclos formativos.
O xoves 28 de abril, alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato baixaron ata o río para participar no obradoiro “Prevención de afogamento en ríos, organizado de novo no ámbito dos Contratos-programa (liña INNOVA: ámbito de Educación para a Saúde), tamén con Pepe Palacios.
Ademáis, este alumnado dinamarqués tamén participou na inmersión nalgunhas das clases do mércores, xoves e venres e puido gozar dunha visita a Santiago de Compostela o martes 26 de abril, así como unha andaina polos Muíños do Folón e do Picón, o venres 29 de abril.
O bo tempo facilitou moitísimo o desenvolvemento de todo o previsto.
Mención especial merece a colaboración das familias do alumnado participante, así como todo o profesorado implicado. Gustaríanos felicitalos e agradecer a súa magnífica disposición en todo momento.
Repetiremos!