Skip to Content

Normalización Lingüística

PREPARÁMONOS PARA O DÍA DE CASTELAO

Para conmemorar o día de Castelao, que se celebra o próximo 15 de xaneiro, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES A Sangriña organizará un programa de Radio Trega.

A actividade consistirá na elaboración, por parte do alumnado, dun audiolibro que axudará a coñecer e divulgar "Retrincos"; unha das colectáneas de relatos deste autor fundamental na historia da literatura e da cultura galegas. Coa finalidade de organizar o proxecto, o alumnado que queira participar está convocado, o venres día 14 no primeiro recreo, a unha reunión na Bibliotrega.

Aqueles alumnos e alumnas que non poidan asistir á reunión poderán solicitar información para participar na actividade escribindo ao correo electrónico asangrinha.edlg@gmail.com

CONCURSO DE NADAL

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega quere que o alumnado da Sangriña celebre o Nadal da maneira máis artística. Para iso, convocamos un concurso no que debuxar o Apalpador, o personaxe protagonista do Nadal galego, e ademais, as persoas participantes tamén poderán escoller crear a imaxe da Apalpadora. O premio consistirá nun vale de 30€ en material de debuxo, libros ou material escolar.

Os orixinais deberán enviarse por correo electrónico, antes do 10 de xaneiro, a asangrinha.edlg@gmail.com

LECTURA COLECTIVA DE “MEMORIAS DUN NENO LABREGO”

No IES A SANGRIÑA celebramos o día das lectoras e dos lectores deste 2021 cunha actividade moi especial, unha lectura colectiva de Memorias dun neno labrego. Desta maneira, a conmemoración estendeuse tamén á celebración do aniversario de Xosé Neira Vilas, autor dun libro internacionalmente recoñecido e imprescindible na historia da nosa literatura.

Alumnas e alumnos de todos os niveis, desde 1º de ESO a 2º de Bacharelato participaron nesta intensa actividade de lectura sucesiva tanto nas súas aulas como nas instalacións da biblioteca do centro.

Agora, queremos sacar esta lectura fóra das paredes do instituto con dous vídeos que recollen unha xornada que deixou un grato recordo a todas as persoas participantes. Para isto, publicamos un vídeo resumo da mesma e un segundo vídeo máis completo onde todo o alumnado poderá ver tanto a súa propia lectura como a dos seus compañeiros e compañeiras.

VÍDEO RESUMO:

VÍDEO COMPLETO:

EN LOITA POR TODAS!

Hoxe publicamos un breve vídeo co obxectivo de resumir algunhas das actividades que realizamos no IES A Sangriña para conmemorar o 25N. Nesta xornada, reclamamos o fin da violencia machista e reivindicamos a necesidade de crear unha sociedade máis xusta, na que non exista a discriminiación de xénero que historicamente sofren as mulleres.

No vídeo podedes escoitar o noso manifesto e ver mostras doutras actividades realizadas, como o mural de consignas ou o espectáculo de danza no que participou o Centro Deportivo Baixo Miño. Na xornada tamén estivo presente a poesía e creamos e imprimimos un tríptico sobre a violencia de xénero dirixido á nosa comunidade educativa.

Distribuir contido


by Dr. Radut