Skip to Content

III Concurso de lettering Rosalía de Castro

Imaxe web IES A Sangriña Lettering Rosalía

Para celebrar a nosa autora máis universal e para que a vosa habilidade co lettering saia ao mundo máis alá dos vosos cadernos de apuntamentos e exercicios... o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto organiza novamente o Concurso de lettering Rosalía de Castro, que vai xa pola súa terceira edición.

Normas de participación:

  1. Escolle un poema de Rosalía de Castro.
  2. Selecciona con que parte del queres traballar.
  3. Fai un lettering nun folio en branco co texto escollido.
  4. Envía o teu traballo ao seguinte e-mail: asangrinha.edlg@gmail.com
  5. Data límite de recepción de traballos: 1 de marzo de 2023.

O premio do concurso consistirá nun vale de 30 € en material de debuxo, escolar, deportivo ou libros que escollerá a persoa gañadora.

 

Ama coa túa lingua no IES A Sangriña

14 de febreiro Sangriña 2024

Hoxe é 14 de febreiro, día dos namorados... e na Sangriña queremos que no que resta de semana ames na nosa lingua. Para isto, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega instalará mañá no hall o photocall e o taboleiro dos post-it do amor en galego.

QUE IMOS FACER?

  • O día 15 instalaremos un photocall no vestíbulo para facermos fotos de grupo ou en parella e celebrar o noso amor! 
  • Haberá tamén un taboleiro do amor onde poderedes deixar post-it coas vosas mensaxes de amor e amizade en galego!  

Non deixes de participar. As mostras de amor e amizade constrúen un mundo mellor!

Apúntate nas estadías lingüísticas de verán

Estadías bacharelato

Recentemente veñen de se convocar 648 prazas de estadías lingüísticas de verán no estranxeiro para o alumnado de Bacharelato.

O alumnado que resulte seleccionado disporá de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal, Canadá e Alemaña no período estival, entre xullo e agosto. As axudas poden chegar a cubrir entre o 92% e o 62% dos gastos derivados da actividade e poden solicitarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Requisitos e baremación

Para obter as bolsas os candidatos terán que estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de Bacharelato, en centros de Galicia sostidos con fondos públicos, durante o curso 2023-2024; ter acadado unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía de 6 no curso 2022/23, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico.

Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a nota media do expediente académico no curso 2022/23 (ata dez puntos) e a renda per cápita da unidade familiar (ata 20 puntos). Ademais, terase en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa (dous puntos), contar cun membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez (dous puntos), ou non ter sido beneficiario dunha axuda destas características na convocatoria do ano pasado (un punto).

Podes ver toda a información completa premendo nesta ligazón.

A Sangriña cumpre até a derradeira orde do meco!

 entroido Sangriña 2024

Hoxe vivimos un entroido moi movido no IES A Sangriña. Foron moitos e moitas os alumnos e profesores que viñeron disfrazados ao centro. Variadas fantasías encheron os nosos corredores e aulas: un Castelao, científicos tolos, peluches e animais de diferentes especies e tamaños, deportistas, extraterrestres, bruxas, hippies... e até un Xesús de Nazaret!

Mais houbo dúas comparsas organizadas que, pola súa entrega e ilusión, non podemos deixar de mencionar dunha maneira especial.  A comparsa AS BICHEIRAS, en homenaxe ás xa míticas personaxes de Davila, O Bichero, púxolle un tinte enxebre, rocanroleiro e reivindicativo ao entroido da Sangriña. A comparsa O XABARÍN CLUB, do Departamento de Lingua Galega (e Portuguesa), encheu de música e barullo os corredores. Risas e fotos cos máis peques (e algúns vellotes) para un entroido noso e en galego.

Do bacharelato á universidade

universidade sangriña exalumnos

Esta mañá, no IES A Sangriña, tivemos a grande fortuna de contar co retorno de dous fantásticos exalumnos do centro para lle falar ao noso estudantado de 1º e 2º de bacharelato sobre os retos que implica o camiño á universidade.

Rafael González compartiu con nós a súa experiencia no tránsito do bacharelato a unha vida universitaria que o levou a vivir en diferentes países, até que a obtención da bolsa “Ramón y Cajal”  lle abriu as portas para volver e traballar na Universidade de Vigo

Andrea  Maquieira, tamén destacada exalumna da Sangriña,  compartiu como foi ese camiño co alumnado de Humanidades de Ciencias Sociais, profundizando nas vantaxes e esixencias da realización dun dobre grado e na importancia da formación posgrao para acceder a un posto de traballo no ámbito profesional desexado.

Charla sobre acoso escolar e ciberacoso

acoso ies a sangriña

O alumnado de 2º de ESO participou hoxe nunha charla sobre acoso escolar e ciberacoso organizada no ámbito do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos.

Os obxectivos que se pretenden acadar coas actuacións recollidas no Plan Director, son todos aqueles que procuran dar respostas coordinadas e eficaces a todas as cuestións relacionadas coa seguridade do alumnado nos centros educativos e os seus arredores, os que fortalecen a cooperación policial coas autoridades educativas, os que pretenden mellorar o coñecemento que a poboación escolar posúe sobre os recursos policiais ou os que fomentan nos rapaces o respecto polos dereitos fundamentais.

Obradoiro Conectad@s

conectados a sangriña

Onte, día 8 de febreiro, o CIM da Guarda desenvolveu no IES A Sangriña a actividade “Conectad@s, relacionándonos na contorna virtual”. Un obradoiro sobre as relacións persoais e os novos xeitos de captación e riscos a través das app e das redes sociais.

Cando os consultamos, os nosos alumnos e alumnas coincidiron, de maneira maioritaria, en que esta foi unha formación interesante e útil. Que non deben comunicarse nin fiarse de descoñecidos en Internet e que non deben compartir fotos nin datos persoais foron algúns dos consellos recibidosmáis valorados polo noso estudantado.

Dez días de almorzos saudábeis

froita sangriña

Nestes días vimos de concluír co reparto de froita a través do programa de axudas para a distribución de froita fresca ao alumnado dos centros escolares.

Nesta publicación queremos compartir con toda a comunidade educativa do IES A Sangriña algunhas fotografías desta actividade encamiñada a promover hábitos de alimentación saudábeis. A distribución de leite extenderase aínda durante oito días lectivos. O reparto da froita realizouse coa colaboración dun equipo integrado por alumnos e alumnas moi traballadores. A partir de agora, como o reparto se simplifica moito, o leite será recollido directamente polos estudantes interesados na cafetaría do centro.

O meco manda no entroido da Sangriña!

Entroido 24 ies a sangriña

O meco manda no entroido do IES A Sangriña 2024. Cada día desta semana daranos unha orde que todos e todas temos que acatar para comezar ben o entroido!

O martes viremos tod@s cos calcetíns desparellados:

Un calcetín teño sen par

e outro para o remendar,

reciclémolos mañá

para o entroido comezar!

 O mércores con algo na cabeza:

Este meco non descansa

haille que seguir a bóla

mira ti o que se lle ocorre

poñer algo na cachola! 

O xoves en pixama:

Mañá é o día que esperabas

ti que ao insti vés durmir!

deixa o pixama posto

antes da casa saír!

E o venres disfrazad@s:

A semana xa remata

xa podemos descansar

pero antes de ir para casa

tes que lucir un disfraz!

E no segundo recreo do venres queimaremos o meco no xardín!!!

Obradoiro “Identidade Dixital e Xestión Segura das Redes Sociais”

Manuel Rivas AMTEGA A Sangriña

A pasada semana, a vicedirección do IES A Sangriña organizou un obradoiro baixo o título “Identidade Dixital e Xestión Segura das Redes Sociais”. Impartida por Manuel Rivas, especialista da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), esta formación tivo como destinatarios aos alumnos de 4º de ESO non matriculados en Educación Dixital.

Tanto para os e as asistentes, como para todas aquelas persoas que non participáchedes no evento, Manuel deixounos estes sete importantes consellos sobre como empregar Internet dun modo máis seguro e responsábel:

  1. Pensa antes de compartir.
  2. Pide permiso se a información non é túa, ten coidado con adhesivos desagradables ou fotos cargadas sen consentimento.
  3. Se algo che molesta, pídelle a quen o comparta que o borre, se non o fai, denúnciao.
  4. Protexe as túas redes sociais con contrasinais fortes que só ti coñeces e modifícaas periodicamente.
  5. Xestiona as opcións de privacidade e seguridade de forma restritiva en cada rede social, privatiza as túas redes.
  6. Limita a túa lista de contactos: un estraño no mundo real tamén é un estraño no virtual.
  7. Ti decides a información que das e compartes en internet.
Distribuir contido


by Dr. Radut