Hoxe, 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, unha delegación do Grupo da Igualdade do IES A Sangriña acudiu á convocatoria do Concello da Guarda para reivindicar un mundo máis xusto e igualitario para as mulleres, as mozas e as nenas.
Deixámosvos a continuación o manifesto que alí leron as nosas alumnas:
MANIFESTO 8M 2024
IES A SANGRIÑA
Como diciamos o ano pasado, neste 8 de marzo, día da muller, o alumnado do instituto A Sangriña decidimos seguir erguendo a voz, polas que foron, polas que están e polas que aínda nos queda moito que loitar.
Este ano presenciamos situacións que non son dignas do tempo que vivimos. Un bico indigno e roubado a unha das nosas referentes no deporte, puxo de manifesto que a loita continúa e que non podemos darnos por vencidas. Que temos que seguir reivindicando a igualdade de dereitos e oportunidades.
O machismo e o sistema patriarcal está presente no noso día a día. Nas aulas seguimos observando que se presta máis atención á palabra deles que á delas. Os rapaces que sacan boas notas é porque son intelixentes, mentres que as nenas sacan boas notas porque son traballadoras. Eles sempre teñen o protagonismo con machiruladas porque se senten cheos de razón e de forza, aínda que o que estean a dicir sexan discursos carentes de toda lóxica ou fundamento. Eses eles dos que falamos non son todos, claro. Avanzamos aínda que haxa unha minoría ruidosa que se faga coa palabra e tente anular o pensamento e o discurso libre e formado.
E nós, as mozas e mozos que estamos hoxe aquí, somos as mulleres e homes do mañá. E isto ten que mudar xa! Acabouse!, dixemos no verán. Porque xa chegou a hora de vivirmos en igualdade, sen estereotipos nin prexuízos, cun reparto equitativo do diñeiro, do traballo e das oportunidades. Porque, compañeiras, nais, avoas... xa chegou a hora de rachar co establecido e sermos dunha vez persoas libres en pé de igualdade.
Acabouse!
Porque o futuro será feminista ou non será!