Día Escolar pola Paz e a Non Violencia 2013 celebrado no CPI Virxe da Saleta. Celebramos a alegría. A alegría de estar xuntos, de compartir a nosa vida neste centro escolar. Coa forza da felicidade pódense derrubar os muros das inxustizas e da pobreza. A nosa ledicia pode cambiar o mundo. E que mellor xeito de amosalo que cantando todos xuntos esta canción tan bonita do brasilego Sergio Tannus. A canción aparece no disco María Fumaça editado por Galaxia.
É teatro, é un conto, é maxia... é a ilusión de escoitar unha historia máxica. A historia de Brancaflor. Ou era a historia de Xan? Ou quizais a historia de Xan e Brancaflor. Ben, o que conta é o ben que o pasamos con Fran Rei e os seus trucos sorprendentes. Foi unha tarde espectacular dentro da semana grande das Letras Galegas.
Hoxe estivemos grandoleando cos nosos amigos Joao Afonso e Uxía no Auditorio de Ourense. Coñecedes a bonita historia desta canción? E o seu significado para a historia de Portugal?
Temos unha boa nova que vos dar, unha árbore agromou no noso corredor. É unha especie singular, case única. Trátase dun raro exemplar de quercus literarus. Por flores ten as portadas dos nosos libros favoritos e as súas follas animan á lectura con frases famosas.
A banda deseñada é unha arte autónoma con máis de cen anos de vida e abondosos precedentes, que nos últimos tempos asiste ao auxe do seu recoñecemento como parte lexítima da cultura internacional. A maiores, en Galicia, unha destaca fornada de autores e autoras está a levar esta arte a límites creativos e de éxito nunca vistos no país. Dentro deste contexto, a Asociación Cultural BD Banda en colaboración coa Associaçom Galega de Lingua promoven a exposición: As Cantigas de Santa María, arte Bdieval, que poderedes gozar a partir de hoxe na biblioteca do centro.
Velaquí un primeiro exemplo do proxecto CONTO CONTIGO. Alumnado da ESO que, no marco dunha unidade didáctica que desenvolve as Competencias Básicas, realizan unha lectra dramatizada para o alumnado de Educación Infantil do centro. Trátase da Galiña Roxa, conto editado por Kalandraka, que Andrea, Alba, Carlota e Yuli poñen en escena utilizando recursos teatrais e poñendo en práctica a súa Competencia Lingüística diante dun público ben esixente. A actividade levouse a cabo o día da muller, 8 de marzo de 2013. O conto foi escollido por contar a historia dunha galiña traballadora e ao mesmo tempo nai, que se esforza por levar adiante as súas tarefas a pesares da pouca colaboración dos outros animais.
Trátase dun proxecto piloto para o curso 2012-2013 proposto polo seminario “As compentencias básicas como eixo vertebrador do proceso comunicativo”. Os alumnos de educación secundaria, preferentemente de 2º ESO de forma voluntaria farán unha lectura dramatizada de contos aos alumnos de infantil e primaria. Durante 15-20 minutos lerán contos en galego e castelán. A actividade levarase a cabo os mércores, xoves ou venres de 16:00 a 16-30 horas, durante o recreo de mediodía dos alumnos de secundaria e coincidindo coa hora de ler dos de infantil e primaria unha vez ao mes, coincidindo con algunha celebración escolar. O calendario é o seguinte: Xoves 14 febreiro San Valentín Conto contigo para o amor Literatura de temática amorosa (cartas, poemas, contos...) Venres 8 de marzo Día da muller Conto contigo para a igualdade Contos para a igualdade Mércores 24 de abril Semana do día do libro Conto contigo para ler Clásicos universais Xoves 16 de maio Día das letras galegas O galego conta contigo Clásicos galegos 5 de xuño Día do medio ambiente O planeta conta contigo Contos de temática ambiental
Alegría! Felicidade! Cando estamos coa nosa familia, cando xogamos cos amigos, cando rimos, cando bailamos, cando cantamos. Cando temos boa saúde. Cando a xente ao noso redor é feliz nós somos felices. Este foi o obxectivo principal da actividade celebrada este curso no noso centro o Día Escolar Pola Paz e a Non Violencia, unha reflexión colectiva de toda a comunidade educativa ao redor da nosa felicidade. E a manifestación artística consistiu na elaboración entre todos dun mural con origami onde compuxemos a palabra ALEGRÍA e a interpretación dunha canción chamada Alegría do compositor brasilego Sergio Tannus. Pronto estrearemos o videoclip, así que estade atentos nos vindeios días.
A Revista da Tarde, programa da TVG emitido o luns 17 de decembro recolleu a nova da publicación do noso libro Cántame e Cóntame Avoa. Na noticia podedes escoitar aos profes e aos alumnos falando e tamén ao señor Eladio de Confurco abraiado coa repercusión mediática das súas cantigas. Picade directamente no minuto 19:37
A quen non lle ten pasado voltar á casa onde viviu de pequeno, á escola onde estudou, ao parque onde xogou... e lembrar. Decatarse de que todo é máis pequeno, activar os pequenos recordos, os sons, os cheiros, as cores, as formas. Descubrir como detrás dese recanto segue estando aquelo que ten que estar. Así lle aconteceu á xornalista e ex-alumna do noso centro Fátima Fernández o pasado 15 de novembro cando acudiu como representante da xeración de alumnado que recolleu as cantigas do noso libro. E de regalo deixounos este marabilloso e emocionante texto. Para todos os que non puidestes estar e máis para todos os que o queredes ler de novo, aquí vos vai.