Skip to Content

Actividades

O CPI DE VEDRA PREMIO DE INNOVACIÓN EDUCATIVA EN DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O proxecto titulado "A PALABRA É VIDA E VAI AO LONXE" presentado pola profesora XULIA MARQUÉS acadou un Premio de Innovación Educativa en Dinamización Lingüística, segundo aparace publicado na Resolución da Xunta deste xoves pasado.

O proxecto céntrase na toponimia, conxunto das denominacións propias dos lugares, que é un tesouro para un país e peza fundamental para entender o desenvolvemento da historia e cultura do noso pobo. Vai dirixido a todas as etapas educativas do centro e conta con dous eixes de actuación: no propio centro e na contorna do mesmo. Conta coa colaboración do Equipo de Dinamización de Lingua Galega e dos equipos docentes de Infantil, Primaria e Secundaria, así como do Concello de Vedra e Asociacións Culturais da contorna do centro.

Este proxecto entronca tamén co programa VEDRA MEDRA, que se vén desenvolvendo ao longo do curso por esta mesma profesora, que acadou o Premio Antonio Fraguas como proxecto didáctico durante este curso 2016/17. Os materiais deste programa serán expostos no Museo do Pobo Galego a partir do mes de setembro.

CELEBRACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Este martes 16 de maio, o CPI de Vedra sumouse ao festexo das Letras nunha sesión de festa e xogos.

A rapazada de educación infantil comezou con canto e baile. A peza elixida foi “Pingacho”.

A continuación, xa todo o alumnado de educación primaria e ESO e o profesorado, honrou a Carlos Casares interpretando, en primeiro termo, o himno galego.

Tamén se aproveitou esta xornada de celebración para entregar os premios do certame de declaracións de amor que convoca cada curso o Departamento de Lingua Galega para alumnos/as de ESO. Os gañadores foron, por categorías, Ángel Mouro e Lucía Castro (1.º ESO), Paula Vázquez e Abraham Raviña (3.º ESO) e Cristina Santalla (4.º ESO).

A xornada rematou cunha sesión de xogos tradicionais que todos os rapaces tiveron ocasión de practicar a súa destreza coa estornela, os bólos celtas, a corda, as chapas, o tres en raia…

Esta semana podemos contemplar, así mesmo, nos corredores do centro máis dun cento de fotografías das distintas actividades que se fixeron ao longo deste curso dentro do proxecto de dinamización Vedra Medra.

Ver fotos +  

Actividades Letras Galegas: CORRELINGUA e EXPOSICIÓN "As caras dos libros"

O luns día 8 de maio o alumnado de 1º e 2º de ESO, coma en anos anteriores, participou no "Correlingua", en defensa da Lingua Galega, que este ano levaba o lema: "O galego, sen cancelas".

Ler máis +

Ver fotos +

Estes mesmos grupos de ESO visitaron a exposición "As caras dos libros. Os deseños das portadas nas obras de Carlos Casares", instalada na biblioteca municipal. Esta exposición, cedida temporalmente pola Asociación Cultural Rocha Forte de Santiago de Compostela, púdose visitiar esta semana no referido espazo.

Ler máis +

Ver fotos +

 

PREMIADOS NO CONCURSO DE TARXETAS

O EDLG do CPI Plurilingüe de Vedra deu a coñecer os galadores do Concurso de Postais de Nadal.

Foi un labor ben difícil para os membros do xurado porque eran moitas e de moi alta calidade as propostas que os rapaces fixeron para esta convocatoria. 

Coñecer os gañadores +

Ver fotos +

LUIS BALLESTEROS VISITA O CENTRO

O fotógrafo Luis Ballesteros visitou o CPI Plurilingüe de Vedra, co gallo da inauguración no centro da exposición de fotos do mesmo organizada pola ASsociación Racieiros, en colaboración co programa Vedra Medra do EDLG.

Ler máis +

VER FOTOS:  https://goo.gl/photos/WZbDM3FgvxEjAkSJ6

CONCURSO DE MICRORRELATOS DE MEDO "Arrepíos e outros medos"

Entrega de premios do concurso de microrrelatos de medo Arrepíos e outros medos

O xoves pasado, aproveitando que estabamos a celebrar o Magosto, todos xuntos e de festa, entregamos os galardóns aos mellores escritores de relatos breves que participaron no concurso.

Estes foron os gañadores:

1.º ESO.CLAUDIA GUIANCE -"Silencio"

2.º ESO.MARIÑA CORTÉS- “Cando cae a noite”

3.º ESO. DAVID FREIRE- "Rutinas"

4.º ESO. LAURA CERNADAS "O xogo"

O EDLG, que promove o certame, quere felicitar aos alumnos premiados e animalos a seguir escribindo na nosa lingua. Unha maneira de honrala e de honrarnos.

OBRADOIRO DE COCIÑA TERRORÍFICA

O alumnado de 1.º de ESO desenvolveu na materia de Lingua Galega con ocasión do Samaín un OBRADOIRO DE COCIÑA TERRORÍFICA.

A partir do libro de lectura desta 1.ª avaliación Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas os rapaces fixeron...

Ler máis +

ACTIVIDADE: NATURE TRAIL

ACTIVIDADE: NATURE TRAIL

O pasado venres 28 de outubro, os/as alumnos/as de 1º ESO fixeron unha ruta por Vedra e a súa contorna, á beira do Ulla.

Esta saída " Nature Trail", organizada polo Departamento de Inglés, contou coa colaboración do Departamento de Bioloxía e o EDLG, que aproveitou para facer unha breve incursión nalgúns dos aspectos do proxecto Vedra medra.

 Acompañaron o alumnado os profesores M.ª Xosé Brey, Pepe Palacio e Xulia Marqués e dous monitores.

 Ver fotos premendo neste enlace:

https://goo.gl/photos/v3xNmwUhq8Avhktb7

SOMOS VEDRA

Catorce rapaces e rapazas de 1º, 2º e 3º de ESO participaron nun obradoiro de radio que se desenvolveu no centro  educativo entre o 27 de setembro  e o 6 de outubro.

O proxecto de radio Somos Vedra do que o alumnado foi protagonista incluíu entre as súas actividades  a realización de dúas reportaxes. Na primeira, a de rúa e coa cabeceira ORGULLOSOS DE VEDRA, recolleuse a opinión da veciñanza  e na segunda, sobre o Río Ulla, Manuel Suárez deu a coñecer a pesca tradicional no Río Grande.

Os rapaces tamén tiveron a ocasión de elaborar  diferentes cuñas publicitarias con base en elementos singulares do concello, rexistrar sons propios de Vedra, informar sobre festas e festexos que se celebran ao longo do ano, así como da axenda cultural vedresa.

A entrevista xirou arredor do proxecto Vedra medr@. Catro alumnos de  de ESO foron os encargados de preguntar  á coordinadora  do proxecto gañador do Premio Proxecto Didáctico A. Fraguas 2016-17,  Xulia Marqués, sobre as liñas de actuación e programación prevista para este curso no CPI de Vedra.

O galardoado Vedra medr@ é un proxecto de valorización do patrimonio inmaterial de Vedra que ten como obxectivo prioritario dar a coñecer os nomes de lugar e as lendas da contorna.

Co proxecto preténdese que o alumnado coñeza o patrimonio que alberga o seu concello, que o recoñeza como propio e que desfrutándoo no presente  cheque a comprometerse  na súa defensa e conservación para o futuro.


16:53 minutes (38.67 MB)

FELICITACIÓN DE NADAL

Felices Festas a todas e todos.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut