Skip to Content

4 anos

Día 5. Semana 4.

 

Bo día, familias!

E chegamos de novos ao último día da semana, polo que nos toca un VENRES CIENTÍFICO. 

Coma sempre lembrámosvos que o máis importante é a propia experimentación: manipular, observar.  O apartado de “explicación” é para que vós saibades cal é a explicación científica que hai detrás de cada experimento,  en ningún caso será para trasladárllelo aos nenos e nenas. Como xa sabedes, o que pretendemos é que pouco a pouco eles vaian chegando a conclusións, desenvolvendo así o pensamento científico, evidentemente adaptado a estas idades. Coma sempre en infantil o importante é o proceso que facemos e non tanto o resultado final (que pode ser unha ficha, unha manualidade…).

 

O experimento científico, é o seguinte: O BAILE DOS PALILLOS/PEMENTA

- Materiais : bandexas de plástico ou pratos fondos, palillos planos e xabón/antigraxa (tipo Fairy).

- Proceso: Poñemos a flotar os palillos planos na auga, deben facelo con moitísimo coidado. Axudándonos doutro palillo podemos tentar construír algunha forma estrelada, e así, cando lles digamos que boten unha pinguiña de xabón no medio, todos os palillos sairán correndo en sentido oposto, alonxándose da gota de xabón (onde rompeu a tensión superficial).

Isto mesmo podemos facelo cubrindo a superficie da auga con pementa negra (queda flotando na superficie da auga). Posteriormente introducimos no medio da bandexa un dedo manchado de xabón e observamos o que ocorre.

Coma sempre, lembrade de ir facéndolles preguntas que lles axuden a ir razoando: “Os palillos, flotan?”, “Que pasa ao botar a gota de xabrón?”, “E cando usamos tamén pimenta, e igual ou diferente?”. Lembrade que o importante non é que dean a resposta correcta, senón axudarlles a que observen e que razoen en función do momento madurativo no que se atopan e, sobre todo, que nos vaian contando o que elas e eles ven. 

Explicación: Como no experimento da semana pasada, isto ocorre por TENSIÓN SUPERFICIAL (forza intermolecular dos líquidos -sobre todo na auga- que vai dirixida ao interior. Para romper ditas forzas intermoleculares na superficie da auga precísanse substancias tensoactivas como os deterxentes ou xabóns).

Día 4. Semana 4

 

Bo día, familias!

Hoxe é o aniversario de Amaia, da aula dos Millos, así que en primeiro lugar queremos felicitala. PARABÉNS, AMAIA!! HOXE XA CUMPLES 5 ANOS!!!

E hoxe como proposta traemos un OBRADOIRO DE RECORTADO: “A perruquería de papel”. 

A idea é que cada neno e nena se converta nun perruqueiro. En primeiro lugar terán que debuxar as caras da súa clientela, deixándolles uns pelos moi longos, como na seguinte foto: 

laportablanca Instagram posts, stories and followers - Gramho.com

Para facer o cabelo de cada cliente, unha persoa adulta pode recortalo directamente ou debuxar liñas rectas para que sexan eles mesmos quenes os recorten. E despois….a xogar! lembrade facer peiteados diferentes, tinguir o pelo de cores, poñer mechas…. sede creativos e creativas!!!

 

E como queremos insistir na  importancia das ACTIVIDADES DE MOVEMENTO, queremos lembrar que no apartado de Educación física do blog, Fabián e Rubén seguen a colgar propostas. E nós, a maiores propoñemos a seguinte: CAMAREIRO, PRECISO UN SALEIRO!

 

Definide un percorrido pola casa: ao comezo do percorrido se sitúa o/a camareiro/a xunto con diferentes obxectos e unha bandexa, ao final do percorrido outra persoa que demanda a axuda dese/a camareiro/a. Ao ritmo de “camareiro/a, por favor, un saleiro!”, a crianza collerá un obxecto e pousarao na bandexa. Despois, paseniño para que non caia, levará o obxecto na bandexa ata o outro lado, para entregarllo ao cliente que o solicitou. Para traballar a atención debedes de dicir o nome do obxecto que o camareiro/a ten que poñer na bandexa. De vez en cando dicide algún obxecto que non estea, xa que así o nivel de atención aumenta ao mesmo tempo que traballamos outros aspectos da lóxica matemática (negación) e da linguaxe comprensiva. 

Día 3. Semana 4.

 

Bo día, familias!

Hoxe queremos pedirvos colaboración para entre todos e todas facer un material para o recanto das letras que estrenaremos en canto poidamos volver á escola. Esta actividade está relacionada coa actividade da semana pasada de construir letras con diferentes materiais da casa. Queremos ter o noso ABECEDARIO DE AULA, do estilo do seguinte: 

 

O que queremos é ter fotos das letras do abecedario pero feita de diferentes materiais. Valen tanto elementos naturais (cunchas, pedras, follas…) coma artificiais (pezas de lego, plastilina, tornillos…). Unha das ideas é que sexades creativos e creativas!!!. Pero ademais, tamén queremos que os nenos e nenas traballen a conciencia fonolóxica. Así que a proposta é que cada quen pode xogar coas letras do seu nome. Terá que procurar distintos elementos para cada letra. E...ATENCIÓN! O máis dificil todavía…. o elemento a usar ten que ter un nome que comece coa mesma letra que a que queremos construír. Por exemplo: Se me chamo AMPARO… podo facer o “P” de plastilina, ou de pompóns,... Poderedes facer todas as letras do voso nome? Que difícil!!

 

A continuación sacades fotos a cada letra por separado e nola mandades. En canto volvamos á aula veredes para cantas actividades diferentes serven as vosas letras construídas!!!

Día 2. Semana 4

 

Bo día, familias!

A poposta de hoxe é a creación de quebracabezas de xeito moi económico e sen saír da casa. A actividade consiste en coller un dos moitos cartóns que envolven os produtos que mercamos (caixas de cereais, galletas, xeados,...) e cortalo da forma que nos guste. Dende o máis sinxelo (2,3 anacos) ata o número de anacos que queiramos. Podemos cortalos en liña recta, curva ou facendo outras formas,... e por suposto, poden ser elas e eles os que corten os anacos, con supervisión.

 

Hoxe tamén vos traemos este audioconto, que nos permite lembrar o importante que é nas nosas aulas tratarnos ben e a inclusión: 

 https://youtu.be/DYU0kDgSmNs


Aproveitando que o conto está signado en LSE, queremos recordarvos aquelas cancións que usamos na aula nas rutinas que tamén están signadas: 

https://youtu.be/hlPQjJB9B_Y

 https://youtu.be/pQNXoASTSow

https://www.youtube.com/watch?v=IphCl_cdAYc

 

Día 1. Semana 4

 

Bo día familias!

 

As semanas pasan e imos pola cuarta semana deste terceiro trimestre. Hoxe, compartimos con vós o vídeo coas imaxes e vídeos das actividades que fixestedes a semana pasada, tanto dentro da casa coma fóra:

 

Día 4. Semana 3.

 

Bo día, familias! 

 

Como vos dixemos a semana pasada, tódolos venres ían ser venres científicos, pero a falta de venres lectivo, esta semana celebraremos o XOVES CIENTÍFICO. Esta semana, tendo en conta que temos unha fin de semana longa, propoñemos un experimento e….un truco de maxia. Pero...atención: é maxia...ou é ciencia?

 

Lembrámosvos que teñades en conta que a estas idades o prioritario é só a propia experimentación: manipular, observar.  O apartado de “explicación” é para que vós saibades cal é a explicación científica que hai detrás de cada experimento,  en ningún caso será para trasladárllelo aos nenos e nenas. A idea é que pouco a pouco eles vaian chegando a conclusións. Coma sempre en infantil o importante é o proceso que facemos. Non o resultado final (que pode ser unha ficha, unha manualidade…)

 

O experimento científico, que lles permitirá lembrar o traballado no proxecto do curso pasado sobre os INSECTOS, é o seguinte: MOSQUITO-CLIP.

- Material: bandexa ou bol, auga, clip.

- Proceso: Este xogo trata de emular aos zapateiros que adoitan desprazarse pola superficie da auga (ríos, pías das fontes...). É importante ter constancia, tranquilidade e precisión para poñer a “flotar” aos nosos “zapateiros”.

Previamente, temos que sacar cara arriba un pequeno gancho do clip por onde o manipularemos. Debemos deixar que proben libremente, ata que descubran cal é a mellor maneira de poñelos a flotar. Descubrirán que, ademais de facelo con moito tento, terá que estar o clip, en perfecta posición horizontal, totalmente pegado á superficie da auga. 

NOTA: Pódese facer facilitar a actividade se previamente os clips están encerados (axudádevos dunha candea).

Coma outras veces, imos facendo preguntas aos nenos e nenas para que elas vaian razoando en que postura do clip conseguen que flote mellor: “Así flota?” “Proba colocando o clip noutra postura, flota mellor ou pior?” . O importante non é que dean a resposta correcta, senón axudarlles a que observen e que razoen en función do momento madurativo no que se atopan e, sobre todo, que nos vaian contando o que elas e eles ven. Lembrade que así estamos traballando a linguaxe oral e a relación entre linguaxe e pensamento….un dos obxectivos fundamentais en Educación Infantil e fundamentais para a lectoescritura ou o pensamento lóxico matemático!

- Explicación: Isto ocorre por TENSIÓN SUPERFICIAL (forza intermolecular dos líquidos -sobre todo na auga- que vai dirixida ao interior. Para romper ditas forzas intermoleculares na superficie da auga precísanse substancias tensoactivas como os deterxentes ou xabóns.

 

E, tras o experimento,  compartimos con vós o seguinte truco de maxia: 

https://www.youtube.com/watch?v=cg3wlFbUk3g



O que queremos é que observedes moi ben cal é o truco. Se o descubrides, invitámosvos a gravarvos reproducindo o truco e mandarnos o video (a través do correo ou do Telegram). Podedes usar outros elementos diferentes da mazá e observar se sae igual. 

 

Día 3. Semana 3

 

Bo día, familias! 

Hoxe deixámosvos o conto Despois da chuvia, contado e musicado por Paco Nogueiras:

http://kalandraka.tv/gl/seccion2.php?id=33&pagina=4#PD_Paco%20Nogueiras%20-%20Despois%20da%20chuvia

 

A percusión que fai Paco na chuvia do conto, recordounos a actividades coma esta:

https://www.youtube.com/watch?v=UQ34zIP3gsE

 A practicar! 

 

Un saúdo.

Día 2. Semana 3

 

Bo día, familias!

Neste día, de primeiras temos que felicitar a Alisha, que está hoxe de aniversario. Parabéns, Alisha!

E a continuación, hoxe traémos unha proposta para estimular a psicomotricidade fina que poden facer eles e elas de xeito individual. Está extraída das actividades que están subindo estos días as Escolas infantís da Xunta:

https://www.youtube.com/watch?v=8j2c8XIrl2g&feature=youtu.be

 

Ademais, a actividade anterior pode ser complementada co obxectivo de recordar a lectoescritura: poden facer letras, o seu nome, o nome dos compis, o nome de diferentes membros da familia, os seus apelidos,...

 

 

A crear! 

 

Dia 1. Semana 3

 

Bo día familias!

Comezamos nova semana e con ela enviámosvos o resumo das actividades que nos fostedes enviando a semana pasada:

Día 5. Semana 2

 

Bo día familias! 

Hoxe propoñemos os VENRES CIENTÍFICOS!! A partir de agora todos os venres proporemos un experimento. É moi IMPORTANTE que teñades en conta que o experimento en si é o importante. A estas idades o importante é só a propia experimentación: manipular, observar.  O apartado de “explicación” é para que vós saibades cal é a explicación científica que hai detrás de cada experimento,  en ningún caso será para trasladárllelo aos nenos e nenas. A idea é que pouco a pouco eles vaian chegando a conclusións. Coma sempre en infantil o importante é o proceso que facemos. Non o resultado final (que pode ser unha ficha, unha manualidade…)

 

O primeiro experimento que vos presentamos é: EXPERIMENTAMOS CO TACTO

- Materiais: caixa de cartón, camiseta, diferentes obxectos.

- Proceso: Empregamos unha caixa de cartón e quitámoslle unha das súas caras. Ademais, aos lados, abrimos dous pequenos buratos para meter as mans. Despois metemos a caixa dentro dunha camiseta facendo coincidir os buratos pequenos coas mangas. Dentro da caixa introducimos diferentes obxectos e tentamos, só co tacto, adiviñar de que obxectos se trata. 

Imos facendo preguntas aos nenos e nenas para que elas vaian razoando como funciona o sentido do tacto. O importante non é que dean a respostas correcta, senón axudarlles a razoar en función do momento madurativo no que se atopan e, sobre todo, que nos vaian contando o que elas e eles ven. Así estamos traballando a linguaxe oral e a relación entre linguaxe e pensamento….un dos obxectivos fundamentis en Educación Infantil e fundamentais para a lectoescritura ou o pensamento lóxico matemático!

Explicación: O sentido do tacto é unha das canles polas que recibimos unha importante cantidade de información. Nos primeiros anos de vida é moi importante favorecer o traballo deste sentido xa que é indispensable para desenvolver todas as capacidades relacionadas co seu propio corpo, autonomía, movemento, entorno e propiedades dos obxectos...

- Podedes sacar fotos ao proceso e enviárnolas. Ou grabar un vídeo do neno ou nena contando o experimento ou explicándonos unha foto. Tamén poden debuxar o experimento. Lembrade que esta parte final, non é o máis importante!. O importante é disfrutar co proceso do experimento e que eles estean cunha actitude axeitada para facelo: tranquilos, concentrandos, atentos…. 

  

Un saúdo. 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut