Skip to Content

Día 4. Semana 3.

 

Bo día, familias! 

 

Como vos dixemos a semana pasada, tódolos venres ían ser venres científicos, pero a falta de venres lectivo, esta semana celebraremos o XOVES CIENTÍFICO. Esta semana, tendo en conta que temos unha fin de semana longa, propoñemos un experimento e….un truco de maxia. Pero...atención: é maxia...ou é ciencia?

 

Lembrámosvos que teñades en conta que a estas idades o prioritario é só a propia experimentación: manipular, observar.  O apartado de “explicación” é para que vós saibades cal é a explicación científica que hai detrás de cada experimento,  en ningún caso será para trasladárllelo aos nenos e nenas. A idea é que pouco a pouco eles vaian chegando a conclusións. Coma sempre en infantil o importante é o proceso que facemos. Non o resultado final (que pode ser unha ficha, unha manualidade…)

 

O experimento científico, que lles permitirá lembrar o traballado no proxecto do curso pasado sobre os INSECTOS, é o seguinte: MOSQUITO-CLIP.

- Material: bandexa ou bol, auga, clip.

- Proceso: Este xogo trata de emular aos zapateiros que adoitan desprazarse pola superficie da auga (ríos, pías das fontes...). É importante ter constancia, tranquilidade e precisión para poñer a “flotar” aos nosos “zapateiros”.

Previamente, temos que sacar cara arriba un pequeno gancho do clip por onde o manipularemos. Debemos deixar que proben libremente, ata que descubran cal é a mellor maneira de poñelos a flotar. Descubrirán que, ademais de facelo con moito tento, terá que estar o clip, en perfecta posición horizontal, totalmente pegado á superficie da auga. 

NOTA: Pódese facer facilitar a actividade se previamente os clips están encerados (axudádevos dunha candea).

Coma outras veces, imos facendo preguntas aos nenos e nenas para que elas vaian razoando en que postura do clip conseguen que flote mellor: “Así flota?” “Proba colocando o clip noutra postura, flota mellor ou pior?” . O importante non é que dean a resposta correcta, senón axudarlles a que observen e que razoen en función do momento madurativo no que se atopan e, sobre todo, que nos vaian contando o que elas e eles ven. Lembrade que así estamos traballando a linguaxe oral e a relación entre linguaxe e pensamento….un dos obxectivos fundamentais en Educación Infantil e fundamentais para a lectoescritura ou o pensamento lóxico matemático!

- Explicación: Isto ocorre por TENSIÓN SUPERFICIAL (forza intermolecular dos líquidos -sobre todo na auga- que vai dirixida ao interior. Para romper ditas forzas intermoleculares na superficie da auga precísanse substancias tensoactivas como os deterxentes ou xabóns.

 

E, tras o experimento,  compartimos con vós o seguinte truco de maxia: 

https://www.youtube.com/watch?v=cg3wlFbUk3g



O que queremos é que observedes moi ben cal é o truco. Se o descubrides, invitámosvos a gravarvos reproducindo o truco e mandarnos o video (a través do correo ou do Telegram). Podedes usar outros elementos diferentes da mazá e observar se sae igual. 

 



blog | by Dr. Radut