Skip to Content

4 anos

DÍA 2

Estimadas familias.

Neste segundo día de escola dende o blogue, queremos falarvos da importancia de manter unha certa rutina, flexible e adaptada á situación e ás necesidades que vos xurdan en cada familia ao longo da mañá.

Para nós, non se trata de facer como se fósemos ao cole, xa que tamén ten que haber tempo para que os nenos e nenas vivan algo divertido do feito de estar na casa con vós. Ademais é unha oportunidade para descansar un pouco máis. Pero si cremos que manter unha certa estabilidade e rutina fará que os nenos e nenas se sintan máis seguros e seguras e tamén nos facilitará ás persoas maiores estar máis estables emocionalmente. Valorade se crear uns horarios de “traballo” máis curtos que a xornada escolar e que se poidan manter estables, pode axudarvos á vosa familia. A continuación, enviámosvos unha proposta para que a adaptedes á vosa situación: 

1. REUNIÓN FAMILIAR OU MINIASEMBLEA.

É importante crear un entorno de calma e tranquilidade. Tamén é recomendable crear un espazo onde os máis pequenos e pequenas poidan expresar as súas preocupación, para nós como persoas adultas poder atendelas, sen alarmismos e usando unha linguaxe simple e esperanzadora, que eles e elas entendan. Lembrando que é unha situación temporal e que na casa estamos nun contexto de seguridade. Por iso, tras un momento de almorzo e aseo pode ser unha boa idea ter un momento de asemblea ou reunión familiar para falar dalgún tema. Pode estar directamente relacionado coa situación que estamos vivindo ou non, xa que de forma indirecta seguro que saen as súas preocupacións. Lembrade que tamén é un momento que nos serve a nós para expresar as nosas emocións de forma tranquila. A través do modelado eles aprenderán a estar en calma. Nesta asemblea tamén podedes facer o plan do día, organizando con eles e elas as diferentes tarefas a realizar durante a mañá.

2. TEMPO DE RESPONSABILIDADES.

Seguramente as persoas maiores teñades moito que facer en relación ás tarefas de casa ou incluso teletraballo se é o voso caso. Facer partícipes ás nenas e nenos destas tarefas é unha oportunidade para fomentar a súa autonomía. Pode ser unha boa idea que lle asignedes algunha tarefa como: regar as plantas, emparellar os calcetíns, vestirse sós, ordenar xoguetes ou contos, sacar punta aos lapis,...  e que a teña que realizar durante este tempo. Esta tarefa debe ser sinxela e adecuada para el ou ela.

3. TEMPO DE TRABALLO EN CALMA. 

Un tempo para a concentración a atención e o traballo en silencio. Aquí pode haber moitas actividades diversas. Iremos facendo propostas nestes días. 

A proposta que vos facemos hoxe, é a seguinte: Un dos movementos que se está a realizar nestes días, de xeito conxunto, é a realización de debuxos e mensaxes para colocar nas fiestras, feitos polos nenos e nenas, aquí vos deixamos un enlace explicándoo: 

https://elpais.com/elpais/2020/03/16/mamas_papas/1584370584_057284.html

Se queredes, unha vez feito, podedes mandarnos unha foto do debuxo ao noso correo (deliavv@edu.xunta.es e lediciasolla@edu.xunta.es)  e compartirémolo nos vindeiros días.

4. XOGOS EN MOVEMENTO. 

O movemento nestas idades é fundamental para a aprendizaxe. Tamén iremos colgando propostas que nós facemos na aula e que vós podedes facer na casa. Pode ser algo tan simple como baile libre con música ou imitar os movementos de animais. 

A proposta de hoxe é… unha rima con movemento que xa coñecen: 

https://www.youtube.com/watch?v=UJjE3biof6g

5. TEMPO DE MERENDA.

Lembrade as indicacións sanitarias de tratar de manter unha alimentación saudable nestes días. Tamén pode ser un momento para asignar tarefas e responsabilidades aos máis pequenos.

6. TEMPO DE CONTO.

Hoxe, deixámosvos un enlace a un conto que cremos que lles gustará: https://www.youtube.com/watch?v=wuTZX3uIWg8

Lembrade que tamén podededes contarlles vós o voso preferido ou incluso deixar que sexan eles os protagonistas cun conto do que xa coñecen a historia! 

7. TEMPO DE XOGO LIBRE. 

Este tempo é unha oportunidade para compartir xogo coas persoas adultas. Pero tamén pode ser interesante explicarlles que durante un breve tempo deben de xogar un rato sós. Xa que nós temos que facer algún traballo ou, simplemente, desconectar un pouco.

RECOMENDACIÓNS PARA OS DÍAS NON LECTIVOS

Estimadas familias!

Ante a situación excepcional que estamos a vivir, as titoras de 5º nivel de EI, queriámosvos transmitir algunhas recomendacións. 

Pensade no noso día a día frenético...ese que volverá. Ese ao que volveremos con máis ganas e con aprendizaxes novas. O primeiro día de escola, estaremos contentas e contentos de reencontrarnos...gozaremos aínda máis do estar xuntos e do compartir, do areeiro, do galiñeiro, dos recantos, do conto e as cancións, de investigar, de crecer, de convivir, ...

Esta crise é unha oportunidade para ensinarlles aos nenos e nenas, a ter comportamentos cívicos, a pensar nos demais e a construír unha sociedade máis xusta e solidaria. Polo que, ensinemos a seguir as recomendacións de saúde e a mostrar interese por como están os demais.

 Ademais, é un tempo para traballar áreas do currículo de infantil tan importantes como:

          -  A autonomía (momento ideal para asignar responsabilidades e tarefas...no cole.... peléxanse para ser bibliotecarias de aula!!).

          - A expresión de emocións e o aprender a volver á calma ante situacións de estrés.

          - Aprender a esperar e a repartir o tempo entre todos os membros da familias. Todos temos necesidades e todas deben de ser cubertas!!

          - Valorar o traballo de todos e todas as profesionais que están traballando a diario para que esteamos mellor.

Por outra banda, é tamén un tempo que nos permite compartir actividades cos nosos fillos e fillas.... facer ese biscoito que levamos tempo adiando ou escoitar con eles e elas esas cancións que os acompañan no día a día da escola. Polo que vos deixamos este enlace con diferentes actividades que pode ser do voso interese: https://estacionbambalina.com/70-ideas-faciles-para-jugar-con-ninos-dentro-de-casa/

Finalmente, queriámosvos transmitir que como titoras pensamos que o importante é que os nenos e nenas saiban que nós seguimos pensando neles e que estamos desexando volver a vernos. Cada día, estaremos traballando dende as nosas casas para facilitarvos ás familias que o desexedes, ter actividades axeitadas para eles e elas e que os conecten coa normalidade. Así que estade atentos e atentas ao blogue porque iremos colgando diferentes actividades para axudarvos a manter unha certa rutina e que este tempo na casa pase da mellor forma. Este é o único obxectivo, non se trata de dar contidos escolares, simplemente de manter unha certa actividade na casa.

Mandámosvos unha aperta e moita enerxía. Lembrade que nos veremos pronto.

As titoras.

 PD: Por favor, avisade como poidades ao resto de familias de que manteremos certa actividade no blogue para que quen queira estea ao tanto!

ANIVERSARIOS FEBREIRO

No mes de febreiro, celebramos os aniversarios de Penny, Sabela, Gabriel, Candela e Mario. Como podedes ver no vídeo, foron variadas as merendas que nos trouxeron: biscoitos, galletas e, incluso, chocolate con churros feitos por eles.

Como sabedes, estamos traballando a concienciación sobre a cantidade de plástico que nos rodea e usamos, especialmente os plásticos dun só uso, polo que grazas aos bulbos de narciso que nos trouxo a familia de Mario polo seu aniversario, puidemos darlle unha segunda vida aos vasos usándoos de testos.

Proxecto O mar

A aula dos Amorodos segue a investigar sobre o mar e os moi diversos animais mariños que viven nel. Xa son numerosas as actividades realizadas sobre esta temática, as familias que participaron cos seus coñecementos, os ´pequenos expertos´ que investigaron moitas das dúbidas que tiñamos, así como as aportacións de libros, contos, animais mariños de xoguete,.. pero non queremos que o deixedes de facer porque están desfrutando e aprendendo moito. Ollade!

 Grazas familias por participar tan activamente!

Aniversarios de xaneiro!

No mes de xaneiro comezamos o ano celebrando os aniversarios de Noa, Iria, Ariadna, Mireya e Vera.

Parabéns e a gozar dos 5 anos!!!

Visita ao Museo de Belas Artes

No día de onte tivemos a oportunidade de acudir ao Museo de Belas Artes da Coruña. Neste, fixemos unha visita- taller  titulada ¨Un museo para os cinco sentidos¨.

 

E finalmente, fixemos este taller:

ANIVERSARIOS DE DECEMBRO

Neste mes de decembro temos que felicitar a Adrián e a Vera porque cumplen 4 anos. Parabéns!!

Aniversarios novembro

No mes de novembro celebramos os aniversarios de Inés, Anna e Stela. Parabéns!

 

ANIVERSARIOS DE OUTUBRO

Xa rematou outubro e con el os aniversarios de Antía, Antón, Ténéré e Miguel. Aquí vos deixamos mostra destes días. Parabéns!

ANIVERSARIOS DE SETEMBRO

Estes foron os aniversarios do mes de setembro. Parabéns a Valentina, Valeria, Sammira, Raúl e Alan.

Distribuir contido


by Dr. Radut