Skip to Content

DÍA 2

Estimadas familias.

Neste segundo día de escola dende o blogue, queremos falarvos da importancia de manter unha certa rutina, flexible e adaptada á situación e ás necesidades que vos xurdan en cada familia ao longo da mañá.

Para nós, non se trata de facer como se fósemos ao cole, xa que tamén ten que haber tempo para que os nenos e nenas vivan algo divertido do feito de estar na casa con vós. Ademais é unha oportunidade para descansar un pouco máis. Pero si cremos que manter unha certa estabilidade e rutina fará que os nenos e nenas se sintan máis seguros e seguras e tamén nos facilitará ás persoas maiores estar máis estables emocionalmente. Valorade se crear uns horarios de “traballo” máis curtos que a xornada escolar e que se poidan manter estables, pode axudarvos á vosa familia. A continuación, enviámosvos unha proposta para que a adaptedes á vosa situación: 

1. REUNIÓN FAMILIAR OU MINIASEMBLEA.

É importante crear un entorno de calma e tranquilidade. Tamén é recomendable crear un espazo onde os máis pequenos e pequenas poidan expresar as súas preocupación, para nós como persoas adultas poder atendelas, sen alarmismos e usando unha linguaxe simple e esperanzadora, que eles e elas entendan. Lembrando que é unha situación temporal e que na casa estamos nun contexto de seguridade. Por iso, tras un momento de almorzo e aseo pode ser unha boa idea ter un momento de asemblea ou reunión familiar para falar dalgún tema. Pode estar directamente relacionado coa situación que estamos vivindo ou non, xa que de forma indirecta seguro que saen as súas preocupacións. Lembrade que tamén é un momento que nos serve a nós para expresar as nosas emocións de forma tranquila. A través do modelado eles aprenderán a estar en calma. Nesta asemblea tamén podedes facer o plan do día, organizando con eles e elas as diferentes tarefas a realizar durante a mañá.

2. TEMPO DE RESPONSABILIDADES.

Seguramente as persoas maiores teñades moito que facer en relación ás tarefas de casa ou incluso teletraballo se é o voso caso. Facer partícipes ás nenas e nenos destas tarefas é unha oportunidade para fomentar a súa autonomía. Pode ser unha boa idea que lle asignedes algunha tarefa como: regar as plantas, emparellar os calcetíns, vestirse sós, ordenar xoguetes ou contos, sacar punta aos lapis,...  e que a teña que realizar durante este tempo. Esta tarefa debe ser sinxela e adecuada para el ou ela.

3. TEMPO DE TRABALLO EN CALMA. 

Un tempo para a concentración a atención e o traballo en silencio. Aquí pode haber moitas actividades diversas. Iremos facendo propostas nestes días. 

A proposta que vos facemos hoxe, é a seguinte: Un dos movementos que se está a realizar nestes días, de xeito conxunto, é a realización de debuxos e mensaxes para colocar nas fiestras, feitos polos nenos e nenas, aquí vos deixamos un enlace explicándoo: 

https://elpais.com/elpais/2020/03/16/mamas_papas/1584370584_057284.html

Se queredes, unha vez feito, podedes mandarnos unha foto do debuxo ao noso correo (deliavv@edu.xunta.es e lediciasolla@edu.xunta.es)  e compartirémolo nos vindeiros días.

4. XOGOS EN MOVEMENTO. 

O movemento nestas idades é fundamental para a aprendizaxe. Tamén iremos colgando propostas que nós facemos na aula e que vós podedes facer na casa. Pode ser algo tan simple como baile libre con música ou imitar os movementos de animais. 

A proposta de hoxe é… unha rima con movemento que xa coñecen: 

https://www.youtube.com/watch?v=UJjE3biof6g

5. TEMPO DE MERENDA.

Lembrade as indicacións sanitarias de tratar de manter unha alimentación saudable nestes días. Tamén pode ser un momento para asignar tarefas e responsabilidades aos máis pequenos.

6. TEMPO DE CONTO.

Hoxe, deixámosvos un enlace a un conto que cremos que lles gustará: https://www.youtube.com/watch?v=wuTZX3uIWg8

Lembrade que tamén podededes contarlles vós o voso preferido ou incluso deixar que sexan eles os protagonistas cun conto do que xa coñecen a historia! 

7. TEMPO DE XOGO LIBRE. 

Este tempo é unha oportunidade para compartir xogo coas persoas adultas. Pero tamén pode ser interesante explicarlles que durante un breve tempo deben de xogar un rato sós. Xa que nós temos que facer algún traballo ou, simplemente, desconectar un pouco.



page | by Dr. Radut