Skip to Content

4 anos

PROXECTO DINOSAURIOS

Ola familias!

Do ovo que trouxo Clotilde saiu ¡UN DINOSAURIO!

Os nosos equipos de mesa xa son nome de dinosaurios e temos na aula un recanto con material para investigar. Comezamos a decorar a porta da aula, a realizar un mural...

Moitas grazas pola vosa colaboración e grazas tamén a profe de prácticas Andrea pola súa implicacióne dedicación.

Aniversario de Lía

E pasiño a pasiño... topamos con outro aniversario no camiño. Hoxe temos de celebración, polo seu quinto aniversario, a... Lía! 

Aniversario de Gianfranco

Xa estamos na conta a atrás para ese merecido verán pero no camiño atopamos un anivervario... Moitísimos parabéns, Gian! Espero que sexa un gran día e que desfrutes moito deses 5 anos.

Última semana de escola

 

No día de hoxe damos comezo ao que sería a última semana de colexio,  polo que esta será a última semana de propostas de actividades. O verán está á volta da esquina e nuns meses xa nos volvemos ver!

 

Aquí tendes as propostas desta última semana deste curso:

 

Luns, 15 de xuño.

Onte foi 14 de xuño, Día Nacional das linguas de signos españolas. De parte de Paula, a Intérprete de Lingua de Signos que temos no cole, deixámosvos o seguinte vídeo cos dereitos das nenas e dos nenos contado en lingua de signos:

https://www.youtube.com/watch?v=ZyYNhmhD37g

 

E coma tódolos luns, compartimos o vídeo coas actividades realizadas na semana pasada:


Este será o último vídeo que colguemos este curso, xa que para a semana xa non haberá entradas no blog. As fotos e vídeos desta semana compartirémolas directamente no grupo de Telegram.



Martes, 16 de xuño

Para o martes traémosvos unha proposta de conto que moitos dos nenos e das nenas xa coñecen, trátase de Elmer:

https://www.youtube.com/watch?v=T3u0AoA-E-s

 

E velaquí temos a última actividade de grafismos ou grafoarte: a proposta é que fagan o Día de Elmer: 

O primeiro paso sería que debuxaran o seu elefante ou elefanta, polo que o ideal sería que fosen eles e elas os que debuxasen o elefante, porque como di no conto, no lugar no que Elmer vivía, había elefantes altos, baixos, delgados, gordos,... pero se non lles apetece podedes imprimilo, copialo ou calcalo dunha imaxe da internet.

Unha vez realizado o elefante xa poden enchelo cos grafismos e cores que máis lle gusten de forma creativa. Seguro que saen propostas diferentes!

 

Mércores, 17 de xuño

Para o mércores traemos dúas propostas, unha que implica movemento e o outro que require bastante concentración:

O primeiro é un xogo de encestar moi sinxelo, que o podedes facer nas vosas casas e se o tempo o permite podedes facelo na praia, xardín,... con cubos da praia e unha pelota: https://aulasgalegas.org/cantos-puntos-sacas/

 

O outro xogo co que podemos voltar á calma é este: https://conpequesnacasa.blogspot.com/2020/06/xogos-de-movemento-para-crianzas_9.html

É unha proposta dunha mestra á que lle queremos agradecer todo o que estivo a compartir nestes meses con todos nós. Grazas, María!



Xoves, 18 de xuño

Para este día queremos proporvos unhas actividades moi sinxelas para traballar as matemáticas e a psicomotricidade

 

A TORRE DOS NÚMEROS: 

Con esta actividade repasarán de forma manipulativa a noción de cantidade dos números así como a iniciación á suma. Ademais de traballar a psicomotricidade fina. Consiste en ir apilando tapóns ou outro tipo de material de refugallo en función das cantidades que nos saian nun dado. A ver se conseguen facer unha torre alta. Imos pedíndolles que verbalicen que vai pasando: se temos 2 taṕons e engadimos 3, que pasa? o máis importante é que vaian asociando o concepto de que sumar sempre implica engadir algo máis. 

A continuación deixamos o vídeo de onde sacamos esta proposta: 

 

https://www.instagram.com/p/CBLXktkHt_4/?igshid=wfdwjjm2tzxa

 

O COMECOCOS: 

A proposta está no seguinte vídeo: 

https://www.instagram.com/p/CBQRgyvCIEf/?igshid=9rmcb7facfzb

 

En primeiro lugar teremos que facer o noso xogo. A continuación collemos un dado… e a xogar!!! 

 

Venres, 19 de xuño

E hoxe é venres, polo tanto, tócanos VENRES CIENTÍFICO co seguinte experimento:

 

https://trasteandoados.wordpress.com/2019/11/13/colores-que-suben/

 

Lembrade non contar a explicación e guiar o proceso para que pensen de forma científica facendo preguntas para que vaian facendo hipóteses sobre o que vai a pasar e que poidan ir comprobando o que sucede e iniciándose así en facer deducións. 

 

Bó verán!

Semana 9

 

Bo día, familias!

Aquí vos deixamos tódalas propostas diarias desta semana:

 

Luns, 8 de xuño.

Coma tódolos luns, hoxe toca compartir con vós o vídeo con tódalas actividades realizadas na semana pasada:

 

Martes, 9 de xuño

 Como sabedes os martes son martes de grafismos de forma creativa, ou grafoarte. Esta vez presentamos unha actividade presentada por Hervé Tullet. É unha actividade presentada en francés e máis libre que anteriores propostas pero a creatividade e o arte non entenden de idiomas ou idades: 

https://www.youtube.com/watch?v=ujJ4F0--9TM

 

E xunto coa grafoarte tamén un  pouco de movemento con esta actividade de ritmo con vasos:

https://www.youtube.com/watch?v=mpyE_oJh98o&feature=youtu.be



Mércores, 10 de xuño

E hoxe mércores presentamos esta actividade que entre outras cousas nos permite traballar o sopro, fundamental para o desenvolvemento da linguaxe oral e que tamén nos permite traballar a psicomotricidade fina e a creatividade á hora de construír os circuítos. 

https://aulasgalegas.org/soprando-entre-labirintos/

 

Xoves, 11 de xuño

Para o mércores recordamos a actividade que realizaron tan ben nas últimas semanas como foi a das series e nesta ocasión traémos unha de facer simetrías

A realización dunha simetría é facer a correspondencia exacta en tamaño, forma e posición das partes dun todo. Para poder realizala nas vosas casas podedes pegar un anaco de cinta adhesiva e dispoñer os obxectos nunha das partes. As crianzas deberán realizalo na outra parte de xeito simétrico. Aquí vos deixamos dous exemplos:

Extraído de: https://cierzodeilusiones.blogspot.com/2019/01/jugando-con-las-matematicas-simetria.html

Extraído de: https://educacioninfantiloutes.blogspot.com/2020/04/series-e-simetrias.html?m=1



E facendo as simetrías da casiña recordamos un conto moi fermoso como é ´A casa da mosca chosca¨:

 

Venres, 12 de xuño

E hoxe é venres, polo tanto, tócanos: VENRES CIENTÍFICO cos seguintes experimentos, que teñen relación entre si: 

 

https://youtu.be/WydgOH3TwfE

 

https://youtu.be/tzYE1L_n308

 

Lembrade non contar a explicación e guiar o proceso para que pensen de forma científica facendo preguntar para que vaian facendo hipóteses sobre o que vai a pasar e que poidan ir comprobando o que sucede e iniciándose así en facer deducións. 

Aniversario de Martina

Bo día!

No día de hoxe temos de aniversario a Martina, que xa cumple 5 anos! Seguro que hoxe tes un sorriso igual de grande e bonito coma o deste día:

Por sorte, nun ratiño poderemos verte aínda que sexa por videoconferencia! 

Unha aperta!

Semana 8.

SEMANA 8

 

Luns, 1 de xuño.

Bo día, familias!

En base á vosa opinión, nas semanas vindeiras compartiremos con vós, cada luns, tódalas propostas de actividades da semana, así as familias que preferides ter unha idea de tódalas actividades teredes esta opción e as que preferides velo diariamente tamén o tedes distribuido por días.

Coma tódolos luns, hoxe toca compartir con vós o vídeo con tódalas actividades realizadas na semana pasada:





Martes, 2 de xuño

Hoxe de novo toca martes de grafismos de forma creativa, ou grafoarte. Esta vez presentamos a seguinte actividade: Camiños. 

A actividade consiste en que inicialmente realizan un punto groso de cor negra no centro do folio. A continuación, realizan varios puntos esparcidos polo resto do folio de tamaño mái pequeno que serán os obstáculos.E xa está listo para facer os camiños: deben saír do punto groso do centro e non tocar nos obstáculos. 

 

Extraído de: http://creciendofelicescampanar.blogspot.com/2019/06/grafismo-creativo-programacion-de-4-anos.html

E despois disto, suxerímosvos esta actividade de movemento que nos comparte Fabián:

https://www.youtube.com/watch?v=z6DoPp-LkTA

 

Animádevos a bailar con elas e eles!



Mércores, 3 de xuño

 

Bo día, hoxe decidimos traer unha actividade diferente na que reforzaremos a orientación espacial mediante a fotografía.

 

Para a realización desta actividade os adultos debemos dispoñer unha serie de elementos nun espazo e a continuación sacarlle fotos dende diferentes perspectivas. 

 

A actividade consiste en presentarlle unha serie de fotografías e os nenos e nenas deberán averiguar dende que punto foron sacadas as fotos. O ideal sería que unha vez atopado o punto lle sacaran eles unha foto para poder comparala coa fotografía dada previamente.

 

Esta actividade podedes facela nun primeiro momento a gran escala, sacando fotos a espazos da casa e que busquen o punto dende o que foi sacada. E cando xa teñan dominado isto podedes realizalo a pequena escala, sacándolle fotos a obxectos nunha mesa. Incluso lle podemos dar os obxectos sen colocar e en función da foto deberán dispoñer os obxectos e averiguar o punto dende o que foi sacada.

 

Deixámosvos un exemplo do que sería a pequena escala:

                  

 

Finalmente, para o día de hoxe tedes un conto con LSE

https://www.youtube.com/watch?v=PKutLk_PHpw&feature=youtu.be



Xoves, 4 de xuño

Bo día, no día de hoxe deixámosvos unha actividade do equipo de Educación Física de creación de pelotas de malabares

https://www.youtube.com/watch?v=q1Az9fBiflc

 

Unha vez construída xa podedes practicar os malabares, Rubén explícavos como:

https://www.youtube.com/watch?v=z7siZmeMUbY&feature=youtu.be




Venres, 5 de xuño
 

E hoxe é venres, polo tanto, tócanos: VENRES CIENTÍFICO co seguinte experimento: https://aulasgalegas.org/un-pouquino-de-ciencia/



Lembrade non contar a explicación e guiar o proceso para que pensen de forma científica facendo preguntar para que vaian facendo hipóteses sobre o que vai a pasar e que poidan ir comprobando o que sucede e iniciándose así en facer deducións. 

 

 

Día 5. Semana 7.

 

E hoxe é venres, polo tanto, tócanos: VENRES CIENTÍFICO co seguinte experimento: EMBOTELLAMENTO 



- Materiais: botella de plástico, berbequí ou similar (parafuso, “cutter”...) e auga.

Proceso: Fai un burato nunha parte próxima á base da botella. Tapa este burato co dedo e enche a botella de auga e enrosca o tapón. Retira devagar o dedo do burato e procura non apertar a botella, ocorre algo? Agora, para facer que a auga saia polo burato, desenrosca o tapón, ves o que pasa?

 



- Explicación: Experimentamos coa PRESIÓN. Cando a botella está tapada, a presión do aire non pode presionar cara abaixo a auga da botella, así que esta non se escapa. Pero ao desenroscarmos o tapón, o aire presiona dende dentro da botella e a auga se verte polo burato. 

 

Lembrade non contar a explicación e guiar o proceso para que pensen de forma científica facendo preguntar para que vaian facendo hipóteses sobre o que vai a pasar e que poidan ir comprobando o que sucede e iniciándose así en facer deducións. 

 

Día 4. Semana 7

Bo día, 

hoxe queremos invitarvos a facer unha roda de cores con obxectos que teñades por casa, traballando así a clasificación. En primeiro lugar deben de procurar obxectos de diferentes cores. Despois, terán que clasificalos para a continuación colocalos en circunferencia. Podedes sacarlles unha foto e compartila nos grupos de Telegram!!

A continuación tedes un exemplo extraído da conta de IG de batecsdemestre:



E despois de esta actividade, podedes gozar do conto interactivo “Colores” de Hervé Tullet: 

 https://www.youtube.com/watch?v=lnDzm-maqxQ

 

Día 3. Semana 7.

 

Bo día, familias!

Hoxe propoñemos unha actividade que xa temos feito: debuxar a portada ou o personaxe dun conto. Para iso cada neno ou nena ten que escoller un dos contos que máis lle guste dos que tedes en casa. En primeiro lugar, pedídelle que vos conte o argumento: “De que iba este conto?”. A continuación, lede o conto para revisar se o recordo do argumento era correcto. Tratade de que sexa o neno ou nena quen complete ou corrixa o argumento inicial. De esta forma traballamos memoria e linguaxe comprensiva. A continuación tócanos analizar a portada: “Reflexa ben o argumento do conto? Poderíamos pensar outra forma de facelo?”. Tamén procuramos as imaxes dos personaxes do conto e lle pedimos ao neno ou nena que nolos describan. Para finalizar, pedímoslle que debuxen ou ben a portada ou un ou varios dos personaxes nun folio. Unha vez debuxado, toca darlle cor. Finalmente poden escribir o título do conto ou o nome dos personaxes. 

A continuación presentamos unha foto traballando este aspecto na escola, neste caso concreto, usando a técnica da acuarela, pero vós podedes usar calquera. 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut