AXUDAS PARA ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO, MATERIAL ESCOLAR, FONDO SOLIDARIO E BANCO DE LIBROS DA ANPA
Enviado por admin o Mér, 18/05/2022 - 20:44No DOG de 18 de maio de 2022 publicouse a Orde pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e educación especial en centros sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2022/2023.
No curso 2022/2023 o Fondo solidario de libros de texto estará accesible para o alumnado matriculado en 3º e 4º de Primaria. O alumnado matriculado no curso 2022/23 en 5º e 6º de EP no noso centro, ao formar parte do Proxecto E-DIXGAL, está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, poderán solicitar a axuda para adquirir material escolar cando reúnan os requisitos establecidos na orde.
En 1º e 2º de educación primaria haberá as axudas para a adquisición de libros de texto. No caso do material escolar, convócanse axudas para a súa compra destinadas ao alumnado matriculado en toda a Educación Primaria.
Os requisitos e termos da convocatoria poden consultarse no taboleiro de anuncios da entrada do colexio, na páxina web do centro e no portal da Consellería de Educación http://www.edu.xunta.gal/portal/fondolibros
O prazo para a presentación das solicitudes remata o 22 de xuño de 2022, inclusive.
Para presentar a solicitude presencialmente no centro é preciso concertar cita previa (881880022 – ceip.sada@edu.xunta.gal).
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (ED330B-anexos I e II) dispoñible na aplicación «fondolibros» https://www.edu.xunta.es/fondolibros a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal . Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente no centro ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. O formulario tamén estará dispoñible no centro.
No caso das axudas para a adquisición de libros de texto, os tramos de renda e as súas correspondentes axudas son as seguintes para 1º e 2º cursos de Educación Primaria:
- Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros: 210 euros.
- Renda per cápita familiar superior a 6.000 ata 10.000euros: 140 euros
No caso das axudas para a compra de material escolar destinado a alumnado matriculado en Educación Primaria, o umbral é a renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, e a contía da axuda será de 50 euros.
Para os efectos de renda terase en conta o exercicio fiscal do ano 2020 e para as circunstancias familiares a alegar serán a composición familiar a 31 de decembro de 2020, agás cando unha sentencia de separación ou divorcio posterior a esta data atribúa a custodia a un dos dous proxenitores e nos casos de violencia de xénero que se aplicará o disposto na súa lexislación específica.
Cando se presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas no exercicio fiscal 2020, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 435) e a base impoñible do aforro (recadro 460); cando non se presentase, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.
Fondo público solidario. Será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario, ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros de texto. A asignación de libros de texto correspondente aos cursos de 3º e 4º de Primaria, de non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario, o centro adquirirá os libros complementarios necesarios.
Banco de libros da Asociación de Nais e Pais.
- En 3º de EP corresponde cambiar os libros de texto para vincular o mesmo ao proceso de implantación da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica de educación (LOMLOE). Por isto a ANPA, en principio, no contaría cun banco de libros. Pero está estudando a maneira de, unha vez publicada a listaxe definitiva de admitidos/as no fondo libros, cubrir as necesidades das familias do centro non admitidas nel.
- 4º de EP: Para aquelas familias que non se lles concedan libros a través do Fondo solidario (por superar os límites de renda) hai libros da ANPA que seguramente sexan suficientes.
A ANPA comunicará más adiante como acollerse ao Banco de libros (para facelo é preciso ser socio/a).
Día das Letras Galegas: Concerto Queiroa e entrega de premios
Enviado por admin o Mér, 18/05/2022 - 16:38Para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicadas este ano ao poeta Florencio Delgado Gurriarán, realizamos un concerto didáctico a cargo da Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa.
A concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Sada, Marisa Rúa, realizou a entrega de premios aos gañadores/as do concurso de marcapáxinas organizado polo Concello de Sada. Vera, de 2º A; Breixo, de 3º; Gonzalo, de 4º e Nerea, de 6º, foron os gañadores/as.
Programa especial do Tarabelo nas Ondas.
Aquí tedes dispoñibles fotos e vídeos desta xornada.
Congreso Nacional TEI en Sada
Enviado por admin o Dom, 08/05/2022 - 16:21Durante esta fin de semana celebrouse en Sada o Congreso Nacional TEI que contou coa participación de psicólogos, terapéutas, filósofos e centros educativos de toda España.
O noso centro participou contando a nosa experiencia desde a implantación deste programa no ano 2018 ata o de agora. Os encargados de facer esta presentación foron Nerea e Jorge, de 6º de Educación Primaria.
Parabéns a ambos por representar tan ben á nosa escola e a todos/as os que participaron durante estes anos neste programa que busca mellorar a convivencia nos centros educativos e prevenir o acoso escolar.
Aquí podedes ver algunhas imaxes e o vídeo da presentación.
Vídeo resumo das actividades
2 de maio: Día Internacional contra o Acoso Escolar
Enviado por admin o Sáb, 30/04/2022 - 18:43Hoxe celébrase o Día Internacional contra o Bulling ou Acoso Escolar co obxectivo de erradicar a violencia e o acoso entre os estudantes de todo o mundo para conseguir escolar seguras nas que todos e todas podar crecer nun clima de respecto e tolerancia.
Celebramos o concerto A voar! de Cé Orquestra Pantasma para que todas as emocións positivas que xera a música sexan as que empreguemos á hora de relacionarnos na nosa escola.
Aquí podedes ver algunhas imaxes e vídeos
Compartimos un Genially no que atoparedes información sobre o acoso, vídeos, libros e un xogo elaborado por Oliva e a aula de 3º de Educación Primaria sobre os valores contra o Acoso Escolar. Tamén un vídeo resumo das actividades TEI realizadas.
Día do Libro: Obradoiros de reciclado de papel
Enviado por admin o Xov, 21/04/2022 - 08:21Para conmemorar o Día do Libro, que se celebra o 23 de abril, todo o alumnado do centro participou nuns obradoiros de reciclado de papel da man do persoal de Matrácala Actividades lúdicas e educativas.
Cada neno/a elaborou persoalmente a súa peza, recolleron na súa composición o que lle transmite a lectura ou os libros co obxectivo de decorar o noso recuncho de resolución de conflitos e de Paz. Fabricaron papeis a partir de desfeitos de cartón, papel reciclado e tintas naturais. O remate da tarefa consistiu nun lacrado do realizado.
Aquí podedes ver algunhas das imaxes da actividade (nos blogues dos diferentes cursos hai máis dispoñibles).
ADMISIÓN DE ALUMNADO PARA O CURSO 2022-2023. RESOLUCIÓN PROVISIONAL DE ADMITIDOS E NON ADMITIDOS
Enviado por admin o Mér, 20/04/2022 - 09:21Procédese á admisión provisonal de todas as solicitudes recibidas neste centro para o curso 2022 2023, excepto en 5º de Educación Primaria.
As listaxes provisionais de solicitudes admitidas e non admitidas poden consultarse:
a) Presencial: Única e exclusivamente no taboleiro de anuncios situado no interior do edificio escolar. En base ás recomendacións vixentes en materia de protección de datos persoais, non se poderá realizar por ningún outro medio físico de publicación.
b) Non presencial: Única e exclusivamente a través da aplicación admisionalumnado empregando a Chave365 ou certificado dixital da Fábrica Nacional da Moneda e Timbre.
Contra a Resolución poderase presentar reclamación ante o Consello Escolar do centro no prazo de 5 días hábiles a partir do seguinte á publicación.
Día Global por Ucraína
Enviado por admin o Xov, 24/03/2022 - 13:57Seguindo a convocatoria realizada por Anmistía Internacional o noso centro participou na iniciativa Día Global por Ucraína. Realizamos unha concentración na que cada neno/a portaba un xirasol, flor nacional de Ucraína, en apoio á poboación deste país e lemos un manifesto de rexeitamento á guerra provocada pola invasión que está padecendo.
Podedes ver o vídeo e as imaxes da actividade
ADMISIÓN ALUMNADO 2022 2023: PRESENTACIÓN DOCUMENTACIÓN XUSTIFICATIVA DOS CRITERIOS ALEGADOS
Enviado por admin o Mar, 22/03/2022 - 14:02As familias do alumnado que presentou solicitude de admisión para 5º de Educacición Primaria ten que presentar a documentación xustificativa dos criterios alegados. O prazo de presentación é do 24 de marzo ao 6 de abril. É preciso solicitar cita previa.
Nos restantes cursos non é necesario presentar documentación xa que hai menos solicitudes que prazas ofertadas.
Plan Director de Convivencia: Acoso Escolar
Enviado por admin o Mér, 16/03/2022 - 20:49O “Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos” ofrece aos centros a posibilidade de solicitar charlas informativas impartidas por expertos das forzas e corpos de seguridade sobre diferentes temáticas que favorezan a mellora da convivencia.
Onte Fernando, formador da Garda Civil, impartiu tres charlas sobre o acoso escolar: dúas para o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e outra para as familias que tivo lugar ás 18:00 horas no salón de plenos do Concello de Sada.
Día da Muller: Xincanas pola Igualdade
Enviado por admin o Lun, 14/03/2022 - 16:47Dentro das actividades organizadas para conmemorar o Día da Muller o centro organizou a realización de xincanas pola igualdade con todo o alumnado o luns 14 e o martes 15 de marzo.
Cada curso participou de xeito independente nunha actividade temática para concienciar na igualdade de xénero e na prevención das violencias machistas. Fixemos xogos, dinámicas, probas e entretementos desde un punto de vista positivo e optimista.
Facede clic na imaxe para ver algunhas das fotos destes días.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- …
- seguinte ›
- última »