Recollida solidaria de alimentos

Como ven sendo tradicional no noso colexio polo Nadal fixemos unha recollida solidaria de alimentos. Toda a comunidade educativa se volcou doando alimentos para persoas que nestas datas precisan da solidariedade de todos nós.

As entidades que recolleron os alimentos foron a Cruz Vermella e Cáritas de Sada. Os representantes destas asociacións pediron que se trasladara o agradecemento a todos os que contribuíron a esta recollida solidaria.

 

3 de decembro: Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O pasado 3 de decembro celebrouse o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, no noso centro realizamos distintas actividades a partir do conto MONSTRUO ROSA de Olga de Dios para lembrar que todos e todas somos capaces. Aquí tedes uns vídeos nos que os nenos e nenas cóntannos en que son uns mostros.

                                                     Educación Infantil                                                                                 1º e 2º de Educación Primaria

                                  

                                                 3º e 4º de Educación Primaria                                                              5º e 6º de Educación Primaria

                                 

 Monstruo Rosa

REPARTO DE MÁSCARAS ENTRE O ALUMNADO

Rematado o prazo para presentar solicitudes no procedemento de distribución de máscaras entre o alumnado, regulado pola ORDE do 28 de outubro de 2021, durante esta semana procederase ao reparto de máscaras entre os beneficiarios/as da axuda de material escolar no curso 2021-2022. As listaxes poden consultarse no taboleiro de anuncios situado no interior do centro.

25 de novembro: Darlle a volta está nas nosas mans

Na celebración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero partimos dos famosos polbos reversibles para amosar ao alumnado as dúas facetas que pode ter, facendo fincapé na positiva. Elaboramos un gran mural para dar visibilidade a todas as boas accións que podemos realizar coas nosas mans.

Partindo da actividade de ILLA FANTASÍA: Obradoiro de amor “8 Maneiras de AMAR coas túas mans” , cada neno/a fixo coa súa man un polbo ao que engadiu 3 patas máis. Sobre cada unha delas escribimos unha forma de facer o ben coas mans: curar, crear, perdoar, agarimar, axudar… cunha etiqueta de rexeitamento da Violencia de Xénero. Darlle a volta está nas nosas mans.

Clica na imaxe para ver as fotos.

 

REPARTO DE MÁSCARAS ENTRE O ALUMNADO

Publicouse a Orde pola que se regulan os criterios e o procedemento de distribución de máscaras entre o alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes públicos dependentes desta consellería e en centros privados concertados no curso 2021/22 (código de procedemento ED330E).

Alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial:

      1. Non ten que presentar solicitude

O alumnado beneficiario da axuda de material escolar no curso 2021-2022.

    2. Ten que presentar solicitude

O alumnado que non foi beneficiario da axuda de material escolar no curso 2021-2022 que cumpra algunha das seguintes condicións:

• Que pertenza a unha familia cunha renda per cápita igual ou inferior a 6.000 €.

• Alumnado matriculado en educación especial.

• Alumnado suxeito a tutela ou garda da Xunta de Galicia.

• Alumnado cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65%.

A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2021/22; se están admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros. 

As solicitudes deberán presentarse presencialmente no centro docente  onde estea matriculado o alumno/a utilizando o formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Este formulario de solicitude (anexo I) tamén está dispoñible:

a) No centro docente.

b) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.gal

Presentación de solicitudes: En horario de 09:55 a 10:35 (é preciso solicitar cita previa).

O prazo para presentar as solicitudes será de diez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, e dicir, do 15 ao 26 de novembro de 2021.

Para os efectos desta orde, a renda per cápita da unidade familiar é o resultado de dividir a renda da unidade familiar do exercicio fiscal 2019 entre o número de membros computables.

A renda da unidade familiar será o resultado de sumar as rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Cando se presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas no exercicio fiscal 2019, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 435) e a base impoñible do aforro (recadro 460); cando non se presentase, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

Orde da convocatoria.

Documentación a presentar.

Anexo I e II.

Subvención do Concello de Sada

O Concello de Sada subvenciona con 3.000 € os gastos de transporte das saídas escolares, de reprografía e de adquisición de material diverso.

Convenio de colaboración entre o Concello  de Sada e o CEIP Sada y sus Contornos, para financiar saídas escolares, reprografía e material de oficina e escolar diverso segundo subvención nominativa prevista nas Bases de execución do orzamento municipal para 2021.

Durante o ano 2021, os gastos de transporte ocasionados polas saídas escolares realizadas así como a reprografía e adquisición de diverso material escolar e de oficina, foron subvencionados polo Concello de Sada cunha axuda de 3.000 €.

O que se informa para o xeral coñecemento da Comunidade Educativa en cumprimento da cláusula QUINTA do Convenio de colaboración.

ELECCIÓNS PARA A RENOVACIÓN DO CONSELLO ESCOLAR

O Consello Escolar é o máximo órgano de participación do Centro. Del forman parte representantes dos distintos sectores da comunidade educativa. Pola importancia que ten o Consello Escolar na vida do Centro anímase a todas as nais e pais a participar neste proceso electoral.

Durante o mes de novembro do presente curso procederase á renovación de 2 representantes  das nais e pais (un deles corresponde propoñelo á Asociación de nais e pais) e 3 do profesorado no Consello Escolar do centro.

A Xunta Electoral, reunida o 4 de novembro, acordou establecer o seguinte calendario electoral:

DO 5 AO 12 DE NOVEMBRO (ámbolos dous inclusive)

-Exposición dos censos electorais de nais e pais e do profesorado. Durante este período poderanse presentar reclamacións aos mesmos. Os censos estarán expostos no taboleiro de anuncios da entrada do centro e na sala de profesores respectivamente.

Impreso para presentar relamacións ao censo.

-Prazo de presentación de candidaturas ao Consello Escolar. O prazo remata o día 12 ás 14:00 horas.

Impreso para presentación de candidatura.

Son electores e elixibles todos os membros da comunidade escolar. Para a presentación da candidatura e reclamacións ao censo farase un escrito dirixido ao director do centro. Quen o desexe ten modelos á súa disposición na conserxería ou pode descargalos da web do centro.

15 DE NOVEMBRO

Reunión da Xunta Electoral na que se procederá a:

-Admisión das candidaturas, aprobación definitiva de censos electorais, aprobación de modelos de papeletas e sobres.

-Publicación de candidaturas.

-Publicación definitiva do censo electoral.

-Sorteo público, na entrada do centro para a designación dos integrantes mesa electoral para a votación das nais e pais.

23 DE NOVEMBRO

Votacións. 

Samaín, Magosto e Halloween

Hoxe tivemos unha xornada festiva coa celebración do Samaín, Magosto e Halloween. Realizamos diferentes actividades: desfile de disfraces, exposición de cabazas, magosto, photocall...

Clica na imaxe para ver algunhas das fotos deste día. 

  Vídeo do desfile

Photocall

COMEDOR ESCOLAR 2021 2022: INFORMACIÓNS SOBRE O COMEDOR E MADRUGADORES

Toda a información referida ao comedor escolar e o servizo de madrugadores no curso 2021 2022 estará dispoñible na páxina web do Concello no seguinte enlace:  

https://www.sada.gal/inscricion-comedores-escolares

As comunicacións para o desconto do día non hai que facelas ao centro, O Concello informará aos usuarios do servizo do procedemento a seguir.

As familias si teñen que comunicar ao titor/a (a través do correo proporcionado por este/a) do neno/a  que este/a non acudirá ao comedor para que o mestre/a da última hora sitúe ao neno/a na fila de saída co resto de compañeiros/as.

COMEDOR ESCOLAR E MADRUGADORES PARA O CURSO 2021 2022

A empresa responsable do servizo de comedor comunicou que este comezará o xoves 9 de setembro e o de madrugadores o venres 10.

 

Distribuir contido