Libros de texto curso 2023 2024

Libros de texto curso 2023 2024

No arquivo adxunto podedes encontrar o listado de libros para o curso 2023 2024

VISITA AO CONCELLO, XINCANA DE XOGOS E FESTA NO ÚLTIMO DÍA DE CURSO (21 - 06 - 2023).

   Rematou o curso 2022 - 2023 e neste último día tivemos unha xornada chea de actividades: 

   Comezamos realizando unha saída ata o Concello de Bóveda onde fomos recibidos polo alcalde e pola Concelleira de Cultura e Educación.

    No salón de actos contestaron a todas as nosas preguntas e compartiron con nós unha fermosa presentación en vídeo do noso Concello. Antes de despedirnos regaláronnos un pin co escudo de Bóveda explicándonos a súa simboloxía: os tres ríos do Concello e as catorce parroquias.

   Seguidamente fomos xogar ao parque da Filgueira e despois iniciamos o camiño de regreso polo fermoso paseo á beira do río.

   No cole estaba esperando por nós a xincana de xogos organizada polo profesorado e as familias: unha hora e media de xogos en diferentes estacións con merenda de froita incluída.

   E para rematar o día, despois da entrega de notas e materiais, fomos directos ao pavillón municipal a disfrutar da fantástica festa que tiña organizada a ANPA para o alumnado con demostracións das diferentes actividades extraescolares, música, baile e colchoneta incluída.

   Un día emocionante onde despedimos aos nosos compañeiros e compañeiras de sexto que marchan do cole e ao profe Fran que non estará con nós para o vindeiro curso. A todos e todas vós desexámosvos moita sorte nesta nova etapa e un feliz verán!

   Ata pronto!!

 

EXCURSIÓN AO PARQUE ZOOLÓXICO DE MARCELLE (20 - 06 - 2023).

   O pasado martes, todo o alumnado do centro realizou unha visita ao parque zoolóxico de Marcelle en Lugo. A actividade foi pagada pola ANPA do centro e o Concello fíxose cargo do trransporte.

   Tivemos a sorte de que o tempo nos acompañase nunha xornada intensa e chea de emocións nesta última saída do curso antes do comezo das vacacións.

 

"O NOSO GALIÑEIRO" Proxecto finalista para a IX beca das fundacións María José Jove e INGADA. (20 - 06 - 2023).

   Este pasado 20 de xuño, tivo lugar o acto de entrega da IX beca da fundación María José Jove e INGADA (Instituto Galego do TDAH e trastornos asociados) resultado dos traballos presentados no Curso de Formación de Profesorado en relación co Alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) que foi impartido en toda Galicia co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.

   Un destes traballos foi presentado polo noso centro "O NOSO GALIÑEIRO. APRENDENDO A XESTIONAR A ECO-GRANXA ESCOLAR" e resultou un dos tres finalistas para optar á beca de 3.000 euros que ambas entidades ofrecían.

   O noso proxecto non resultou gañador pero despertou moito interese na fundación INGADA polo que manifestaron o seu desexo de poñerse en contacto con nós para o vindeiro curso escolar coa idea de estudar o cofinanciamento do mesmo.

   Esperamos con interese esta chamada mentres seguimos traballando por unha educación inclusiva en comunidade!

MATRÍCULA NOVO ALUMNADO CURSO 2023 / 2024

MATRÍCULA NOVO ALUMNADO CURSO 2023/2024

PRAZO:  DO 20 AO 30 DE XUÑO.

A  DOCUMENTACIÓN PARA FORMALIZAR A MATRÍCULA PÓDENA ATOPAR ADXUNTADA A ESTA NOVA

Recomendacións lectoras verán 2023

 

 

RECICLANDO PAPEL E FOMENTANDO A CONVIVENCIA NO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE (05 - 06 - 2023).

   Este 5 de xuño, "Día mundial do medio ambiente", celebramos no noso centro un obradoiro de papel reciclado.

   Despois dunha semana de preparación recollendo o papel usado, clasificando, picando e batendo para facer unha pasta base; por fin chegou o momento de elaborar as nosas láminas.

   Quixemos facelo en comunidade, convidando ás familias a participar pero tamén aos nosos veciños e veciñas da residencia de persoas con discapacidade "Domus VI".

   Un grupo de usuarios e usuarias xunto coa educadora e a animadora sociocultural achegáronse ata o noso centro e compartiron coa comunidade educativa do Rosalía de Castro unha mañá de traballo colaborativo e experiencias creativas.

   Moitas grazas a todas as persoas que colaborastes para que este obradoiro saise adiante! Sodes xeniais!

 

O CEIP ROSALÍA DE CASTRO COLABORA CO MERCADIÑO SOLIDARIO DE "HOSPITALEIROS SEN FRONTEIRAS" EN SARRIA (sábado 3 de xuño).

   Esta pasada fin de semana, entregamos á ONG "Hospitaleiros sen fronteiras" a recadación que o alumnado xuntou coas "tomateiras solidarias".

   Dende a organización transmitíronnos o seu agradecemento pola xenerosidade das familias de Bóveda e o bo traballo das nenas e dos nenos sementando e coidando as plantiñas que se venderon tan ben.

   Pero a colaboración non queda aquí: o vindeiro sábado día 3 de xuño, a ONG celebra en Sarria o segundo mercadiño solidario en favor dos nenos Talibé do Senegal. Nesta ocasión o noso cole colabora con bisutería elaborada nos tempos de lecer no "recanto creativo" da nosa biblioteca escolar.

   Haberá obradoiros, actividades e actuacións dende as 12:00 h. ata as 21:00 h. Animádevos a ir!

 

VEÑEN ALBA (NAI DE CARLOTA) E PABLO PARA REFACER A NOSA ESPANTALLA. (31 - 05 - 2023).

   O alumnado de Infantil dedicou o día a renovar o espantallo do noso horto escolar.

   Nesta ocasión trátase dunha espantalla chamada Alba que a nai de Carlota máis Pablo viñeron para axudarnos a facela. Quedou fermosa cos seus pelos de cores e a súa cariña ben feita!

   Moitas grazas por vir ao cole e pasar o día con nós!

Fondo Libros 2023 2024

 

 

Do 20 de maio ao 21 de xuño está aberto o prazo para solicitar a participación no fondo solidario de libros de texto e para solicitar axudas para adquirir libros de texto e material escolar para o vindeiro curso 2023/2024

Orde do 10 de maio de 2023 (DOG 19/05/2023)

 

 

A) Para todos os solicitantes: 

B) Casos especiais:

  • Separación ou divorcio (No que conste a atribución da custodia do/a menor).
  • Discapacidade: Certificado acreditativo do grao de discapacidade.
  • Violencia de xénero: na forma que detalla o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo.

 

 

No CEIP Rosalía de Castro-Bóveda, presentando dita documentación.

Ou a través da aplicación FONDOLIBROS.

 

 

 

ANEXO MODELO INFORMATIVO PARA CUBRIR A SOLICITUDE.

 

 

 

Distribuir contido