Colaboracións coa ANPA

CHARLA AFECTIVO - SEXUAL PROMOVIDA POLA ANPA. (10 - 5 - 2023).

  Na xornada do mércores, o alumnado dende 6º de Infantil ata 6º de Primaria, acudiu a unha charla afectivo-sexual impartida por dúas matronas do colexio de Enfermería de Lugo na biblioteca do noso centro. O obxectivo era dar a coñecer a súa profesión e tratar diversos aspectos relacionados coa reprodución e cambios corporais ligados á puberdade entre outros. A actividade foi ofrecida pola FAPACEL e xestionada pola nosa ANPA.

OBRADOIRO DE HERBAS MEDICINAIS (27 - 4 - 2023).

  Este xoves tivemos no noso centro a Patricia Puga, que veu dende Mondariz a contarnos moitas cousas sobre as propiedades das plantas que temos no noso propio patio da escola.

  Despois dun percorrido observando, tocando, ulindo e recollendo diferentes herbas, chegou o momento de seguir aprendendo a través do xogo: convertémonos nun grupo de vikingos con diferentes doenzas que debían ser sanados coas plantas curativas que tiñamos ao noso arredor.

  O alumnado portouse de marabilla e poderá seguir aprendendo sobre as herbas a través dos libros e do xogo que trouxo Patricia e que agora tamén forman parte dos fondos da nosa biblioteca.

  Moitas grazas a ANPA que se fixo cargo dos gastos desta actividade!

OBRADOIROS DE EDUCACIÓN EMOCIONAL PARA TODO O ALUMNADO ORGANIZADOS POLA ANPA. (14 - 04 - 2021).

   A psicóloga Esther Mariño (clínica Nós) desenvolveu, na xornada do venres, obradoiros de educación emocional orientados ás diferentes idades do noso alumnado.

   A través de distendidas conversas e actividades dinámicas achegámonos ás emocións e traballamos algunhas técnicas para o autocontrol e a resolución de conflitos.

   Na imaxe pódese ver ao alumnado de infantil practicando a técnica da tartaruga.

   Foi unha xornada moi interesante e produtiva. Grazas!

VISITA AO ECOMUSEO ARXERIZ (22 - 06 - 2022).

E para rematar o curso, subvencionada pola A.N.P.A., o alumnado do centro realizou unha excursión ao Pazo de Arxeriz no Concello de O Saviñao.

Da man de Sonia, a nosa guía, fomos percorrendo as diferentes estancias, observando todo o que alí había exposto e aprendendo moito do noso pasado e das nosas tradicións. Despois da visita, puidemos merendar nos fermosos xardíns, correr, xogar e camiñar ata o castro que se atopa nas mesmas terras do pazo.

Para rematar a excursión fomos comer á praia fluvial da Cova aínda que a climatoloxía non nos permitiu bañarnos.

Un fantástico día para compartir con todos e todas e despedir este curso que hoxe remata!

Ata setembro rapazas e rapaces!

Feliz verán!!

A OLERÍA TRADICIONAL DE GUNDIVÓS NO NOSO COLE. (21 - 06 - 2022).

Elías, un dos oleiros que conserva este tradicional oficio en Gundivós, visitou o noso centro para levar a cabo un obradoiro de alfarería con todo o alumnado.

A ANPA do colexio agasallounos con esta actividade onde nenos e nenas puideron coñecer de primeira man todo o proceso para converter o barro nun obxecto útil á vez que fermoso.

Moitas grazas Elías por facernos partícipes da túa arte e por regalarnos ese fantástico libro para a  nosa biblioteca escolar!

 

OBRADOIRO DE GRAFITI CO ALUMNADO DE 3º, 4º, 5º E 6º DE PRIMARIA. (16 - 06 - 2022).

Aínda que os ovos que puxemos na incubadora decidiron non nacer, nós non deixaremos de intentalo para o curso que vén.

Mentres tanto seguimos a preparar o espazo para as nosas futuras pitas.

Hoxe, organizado pola A.N.P.A., o alumnado máis grande do centro asistiu a un obradoiro de "grafiti" a cargo de Rubén de "Trecetrazos" no que decoraron a parede do noso galiñeiro.

Quedouvos de marabilla!!

OBRADOIRO DE PINTURA CO ALUMNADO DE INFANTIL, PRIMEIRO E SEGUNDO DE PRIMARIA. (16 - 06 - 2022).

As nenas e os nenos de 3 a 8 anos do noso cole, asistiron a un obradoiro de pintura a cargo de Ana e Alba,  onde traballaron coas cores primarias e realizaron diferentes deseños con mesturas de cores e formas.

Moitas grazas a A.N.P.A. por agasallarnos con esta actividade!

"COÑECENDO O MEU CORPO" Actividade de Educación Sexual na etapa Infantil. (21 - 4 - 2022)

A través da A.N.P.A, o alumnado de Infantil asistiu a esta interesante actividade.

Dúas enfermeiras matronas foron as encargadas de desenvolver unha sesión amena, sinxela

e moi ben adaptada á idade dos nenos e das nenas de Infantil.

 

AGASALLO DE LIBROS POR PARTE DA ANPA.

A asociación de nais e pais do noso centro mercou un lote de libros para a nosa biblioteca e agasallou ao noso alumnado con cadanseu libro.

Moitas grazas de parte de toda a comunidade educativa!

Distribuir contido