CRECENDO XUNTOS, APRENDENDO PARA SEMPRE
ESTA VEZ SEGURO QUE NACEN! (09 - 09 - 2022).
Enviado por Noelia o Dom, 25/09/2022 - 11:46O día 9 de setembro puxemos de novo os ovos na incubadora.
Despois de que o curso pasado non naceran os pitiños, decidimos que o intentariamos de novo en setembro e así o fixemos.
Foi un traballo en equipo: Javi (pai de Valentina) trouxo os ovos, Petrica (nai de Liza) deixounos a incubadora e Montse (nai de Álex) coordinouse con nós para poñer os ovos a incubar cando a súa pita se puxese a chocar. Cando os nosos pitiños nazan, a pita de Montse será a súa nai adoptiva.
Estamos desexando velos nacer e poñer en funcionamento o o galiñeiro do cole!
É TEMPO DE COLLEITAR (12 - 09 - 2022).
Enviado por Noelia o Dom, 25/09/2022 - 09:36Remataron as vacacións e voltamos á escola!
Despois das apertas e do recibimento ao alumnado novo, as nenas e os nenos de Educación Infantil foron ver como estaba o horto. Como medrou todo en dous meses!!
Agora toca organizarse co alumnado de Primaria e programar o traballo: Que produtos teñen mais présa? Cales poden estropearse antes? Que imos facer con eles?
Decidido: en infantil faremos salsa de tomate así que recolleremos cebolas, tomates, pementos de Padrón e cabaciños!
O NOSO HORTO NO VERÁN.
Enviado por Noelia o Sáb, 24/09/2022 - 15:11
Ao longo dos meses de xullo e agosto, o noso horto seguíu producindo para nós.
Grazas ao sistema de rega automática instalado e ao traballo voluntario de coidado e recolección, puidemos gardar a nosa colleita de allos e cabaciños.
As tomateiras comezaron a producir e fomos conxelando os tomates maduros para engadir á salsa de tomate no mes de setembro.
Grazas ao traballo colectivo temos un horto ben fermoso e produtivo!
A RENOVACIÓN DO NOSO COLE. (Verán de 2022)
Enviado por Noelia o Ven, 23/09/2022 - 07:12
Que ben vai quedar o noso cole!
Levamos varios anos de obras e moito traballiño pero está pagando a pena.
Fixéronse obras de renovación na cociña, creouse un aula de Infantil no edificio principal e uníronse e preparáronse dúas aulas para crear a nosa nova biblioteca.
Este verán, , en canto o alumnado colleu as súas vacacións, reiniciáronse as obras e estas son algunhas das melloras:
- Reforma integral dos baños de todo o colexio e aumento de outros tres a carón do comedor (un deles para persoas con mobilidade reducida) e outro a carón da cociña.
- Substitución integral de todo o cerramento exterior do edificio (portas e ventás).
- Creación dun cuarto de limpeza.
- Inxección de illante nas paredes para un maior control térmico e aforro enerxético.
- Colocación de dobre teito illante con benefico acústico.
- Instalación de luces LED en todas as aulas e con sensor de movemento en corredores e baños.
- Eliminación de azulexos en aulas e corredores.
- Pintado de todo o colexio.
- Arranxos e renovación de instalación eléctrica nalgúns puntos.
A comunidade escolar do CEIP Rosalía de Castro celebra as melloras que se están levando a cabo, participa activamente nos cambios e mira con ilusión cara o futuro.
RECOLLIDA DE VALES PENDENTES
Enviado por Iria o Xov, 07/07/2022 - 14:33RECOLLIDA DE VALES PENDENTES
Listado de libros de texto curso 2022/2023
Enviado por Iria o Xov, 30/06/2022 - 11:04LISTADO DE LIBROS DE TEXTO PARA O CURSO 2022/2023
FONDO LIBROS AXUDAS PARA LIBROS E MATERIAL ESCOLAR 2022/2023
Enviado por Iria o Lun, 27/06/2022 - 12:23A recollida de vales é do 4 ao 7 de xullo.
Horario: De 10:30 a 12:30.
As familias que non recollan os vales en xullo poderano facer a partir do día 2 de setembro no colexio en horario de 10:00 a 13:00 horas da mañá.
VISITA AO ECOMUSEO ARXERIZ (22 - 06 - 2022).
Enviado por Noelia o Mér, 22/06/2022 - 23:40E para rematar o curso, subvencionada pola A.N.P.A., o alumnado do centro realizou unha excursión ao Pazo de Arxeriz no Concello de O Saviñao.
Da man de Sonia, a nosa guía, fomos percorrendo as diferentes estancias, observando todo o que alí había exposto e aprendendo moito do noso pasado e das nosas tradicións. Despois da visita, puidemos merendar nos fermosos xardíns, correr, xogar e camiñar ata o castro que se atopa nas mesmas terras do pazo.
Para rematar a excursión fomos comer á praia fluvial da Cova aínda que a climatoloxía non nos permitiu bañarnos.
Un fantástico día para compartir con todos e todas e despedir este curso que hoxe remata!
Ata setembro rapazas e rapaces!
Feliz verán!!
A OLERÍA TRADICIONAL DE GUNDIVÓS NO NOSO COLE. (21 - 06 - 2022).
Enviado por Noelia o Mér, 22/06/2022 - 22:46Elías, un dos oleiros que conserva este tradicional oficio en Gundivós, visitou o noso centro para levar a cabo un obradoiro de alfarería con todo o alumnado.
A ANPA do colexio agasallounos con esta actividade onde nenos e nenas puideron coñecer de primeira man todo o proceso para converter o barro nun obxecto útil á vez que fermoso.
Moitas grazas Elías por facernos partícipes da túa arte e por regalarnos ese fantástico libro para a nosa biblioteca escolar!
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 15
- 16
- 17
- 18
- 19
- 20
- 21
- 22
- 23
- …
- seguinte ›
- última »