O 20 de xaneiro tivemos a sorte de contar coa presenza, na nosa biblioteca, do poeta mexicano Roberto Reséndiz.
Naceu en Zitácuano, Michoan México, no ano 1954. É director do Encontro Internacional de poetas e creador do Festival do Chongo Zamorano.
Participou en diversos Festivais e Encontros de poetas en diversas cidades americanas e europeas.
A súa obra foi publicada en varios países de todo o mundo, sendo traducidos os seus textos ao italiano, francés e sueco.
Con el realizamos un dinámico obradoiro de poesía, no que fomos intercambiando fermosas lecturas de poemas feitos por el e por nós.
Fixémoslle unha longa batería de preguntas moi persoais sobre a súa obra e os seus gustos, que el foi contestando amablemente ao longo de dúas horas. Así descubrimos que xa empezou a escribir desde moi cativo, aos sete anos, e que cando tiña 18 xa era un poeta consumado. Grazas á poesía é capaz de realizar incribles viaxes, tanto metaforicamente coma fisicamente e grazas a eles coñecer cidades e persoas de medio mundo.
Vive na cidade mexicana de Zamora na que todos os anos organiza un festival de poesía reunindo a poetas amigos cos que visita as escolas para acercar a poesía aos cativos.
En relación ao proxecto de meteoescolas que estamos a desenvolver no centro, dentro do PDI "ergullámonos nun mar de números" pregúntamoslle sobre como era o clima do seu pobo. Dixo que era unha das cousas que máis botaba de menos cando viaxaba fóra do seu país, e máis de viña a Galiza, xa que aquí é moito máis frío e húmedo.
Comentounos que, aínda que naceu e viviu toda a vida en pobos do interior de México, lle gusta escribir á “Mar” porque a primeira vez que viu o mar quedou impresionado da súa grandeza. A Mar crea vida, del naceron os seres vivos.
Da poesía dixo que o que máis lle gusta é a imaxe e a metáfora...é dicir, o que se pode dicir con outras palabras. Quedou abraiado a primeira vez que leu os poemas de amor de Pablo Neruda.
Gústalle cantar e bailar, aínda que non sabe, pero sobre todo o rir e compartir...
Os seus primeiros poemas foron publicados en xornais de Zamora no ano 1975. Empezou a escribir porque dábanlle medo as mulleres. Coa escritura dos seus pensamentos sentíase moito máis seguro. Por iso usaba a poesía para acercarse a elas. Coa escritura el perdeu o medo, por iso nos animou a escribir sempre que teñamos medo a algo. Asemade, comentounos que o importante é escribir, non importa no medio que se faga. El incluso chegou a facer poemas en mensaxes SMS de 150 carácteres.
Animounos a escribir poesía e estará encantado de atopar, nun futuro próximo, a un de nós nalgunha das xuntanzas do Círculo poético de Ourense. Para comezar animounos a participar no concurso de poesía deste ano que convocou o Círculo poético.