Skip to Content

News aggregator

A Xunta aprobará o luns no Consello a licitación da obra de construción do novo colexio do Milladoiro por case 9,8M€

Noticias sobre Ensino - Sáb, 31/08/2024 - 13:13

Summary: 

A previsión é que as obras comecen no primeiro semestre de 2025, co obxectivo de que entre en funcionamento no curso 2026/27

O Goberno galego está a investir desde 2009 94M€ na construción de 19 novos centros educativos en toda Galicia

Co centro do Milladoiro e o novo IES de Navia sumarase unha inxección de case 24M€, froito do compromiso da Xunta coa creación de novas prazas onde son necesarias

O centro será o primeiro construído de xeito íntegro baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e será totalmente accesible

Idioma Gallego

A Xunta aprobará este luns no Consello a licitación da obra de construción do novo colexio CEIP do Milladoiro, por case 9,8M€. Anunciouno esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita á parcela onde se edificará o centro, xunto co alcalde de Ames, Blas García. A previsión é poder iniciar as obras no primeiro semestre de 2025, co obxectivo de que o centro estea operativo no curso 2026/27.

 

O titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que o obxectivo desta actuación é dar resposta á necesidade de prazas de escolarización neste municipio, un dos de maior dinamismo demográfico. “Desde 2009 estamos a investir 94M€ na construción de 19 novos centros educativos en toda Galicia. Deste orzamento, 70M€ están xa executados, en actuacións como a construción do Instituto IES do Milladoiro, en 2011, por máis de 5,4M€”, destacou Román Rodríguez.

 

Os 24M€ restantes destínanse a este colexio no Milladoiro e á construción do novo instituto de Navia, IES Domingo Villar, “unha inxección económica que dá conta do compromiso da Xunta coa creación de novas prazas alí onde son necesarias”.

 

Ampliación de 43 centros

Neste sentido o conselleiro lembrou que, ademais, o Goberno galego está a ampliar 43 centros de ensino en toda Galicia, obras que contan cun orzamento de case 68M€ para atender as necesidades de matrícula e de formación do alumnado. Entre eles, a ampliación que se está a acometer xa no Colexio CEIP Agro do Muíño, tamén en Ames, cun orzamento superior aos 3,4M€.

 

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O colexio, o primeiro construído de xeito íntegro baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI. Cunha superficie total construída de 4.886 m² distribuída en dous andares, estará dotado de seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.

 

A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

 

De acordo co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o centro estará dotado dun foro multifuncional que servirá como espazo de aprendizaxe aberto. Situarase no espazo central do primeiro andar, entre as aulas de Primaria e as de desdobre, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.

 

Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, no que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de Infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta.

 

Totalmente accesible

A accesibilidade do edificio plantéxase desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Deste xeito, o proxecto propón itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación más sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinaléctica de gran tamaño e cor facilmente visibles.

 

Ademais, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia del edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Galicia inicia este curso a maior modernización do sistema educativo galego dos últimos 30 anos

Noticias sobre Ensino - Ven, 30/08/2024 - 19:23

Summary: 

“Nunca antes comezamos un curso escolar cunha batería de medidas e novidades tan amplas e de tanto calado como as que facemos agora”, afirma o conselleiro

O obxectivo é mellorar a atención ao alumnado, as condicións do profesorado e o funcionamento dos centros e adiantarse aos retos da sociedade cunha visión integral

Iníciase unha baixada do 20% no número de alumnos por aula desde 4º de Infantil, que se irá estendendo progresivamente ao resto de etapas educativas

Partindo dunha boa situación preexistente, empréndense melloras na atención ao alumnado con necesidades educativas especiais ou nos centros do rural

Cúmprense os avances da carreira profesional docente e un amplo abano de iniciativas como a redución de tarefas burocráticas para centrarse na aprendizaxe

O conselleiro explica: “É un cambio desde Galicia e para Galicia. Unha transformación sen precedentes logo das oportunidades perdidas nas leis educativas estatais”

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou hoxe que Galicia inicia este curso a maior modernización do sistema educativo galego dos últimos 30 anos. O representante da Xunta referiuse deste xeito aos cambios organizativos que se estrearán na volta ás aulas froito do histórico acordo asinado coas organizacións sindicais e que continuarán ampliando o seu alcance progresivamente ao longo dos vindeiros anos académicos.

 

Acompañado do seu equipo, Román Rodríguez detallou as liñas de traballo que o seu departamento está a iniciar coincidindo co comezo do segundo cuarto do século XXI, ao entender que novos tempos e novas realidades esixen novas respostas e recursos. “Nunca antes comezamos un curso escolar cunha batería de medidas e novidades tan amplas e de tanto calado como as que facemos agora”, afirmou o conselleiro.

 

“É un cambio que emprendemos desde Galicia e para Galicia. Unha transformación sen precedentes logo dalgunhas oportunidades perdidas nas novas leis educativas estatais”, reflexionou. Nese senso, propón que Galicia “sexa a avanzadilla de España”. Para iso, parte dunha boa situación, cunha educación por riba da media de España e da Unión Europea segundo os informes comparativos nacionais e internacionais. Logo de que o ensino sexa un dos aspectos que máis ten avanzado e contribuído ao progreso de Galicia nos últimos 25 anos, Román Rodríguez chama a “non conformarse nin acomodarse”.

 

Agradecemento aos empregados públicos na volta ás aulas

Román Rodríguez comezou a súa intervención cun agradecemento aos empregados públicos da Consellería, que veñen traballando ao longo de moitos meses, tamén durante o verán, para preparar o novo curso e que realizan con éxito procesos tan complexos como a celebración das oposicións con máis de 20.000 aspirantes.

 

A continuación, explicou que a pasada lexislatura “foi unha das máis complicadas que se recordan desde o punto de vista educativo, coa xestión da covid e a implementación atropelada da nova lei educativa estatal”. Esta situación impediu abordar “outros cambios no sistema educativo que consideramos necesarios” e que agora comezan.

 

Para facelo, a Xunta de Galicia conta “cunha folla de ruta planificada, con efectos inmediatos xa este mesmo curso, pero cunha visión a medio e longo prazo”. Na súa opinión, “a estabilidade é un dos ingredientes que mellor funcionan na educación”.

 

Retos demográficos, sociais, tecnolóxicos, laborais e arquitectónicos

Con esa estratexia quérese responder a novos retos demográficos, derivados da caída da natalidade ou da chegada de estudantes doutros lugares, que constitúen unha oportunidade para mellor o ensino; retos sociais ante unha sociedade máis aberta e plural, máis sensible a diversas realidades, onde a inclusión ocupa un lugar principal; retos tecnolóxicos, desde a dixitalización ao aproveitamento da intelixencia artificial; retos laborais, adecuando a oferta de FP ás necesidades do tecido produtivo e intensificando a relación entre centros e empresas, ou retos arquitectónicos, cun novo modelo de centros, con espazos para metodoloxías innovadoras de aprendizaxe e especial atención á mellora da eficiencia enerxética e a sustentabilidade.

 

Para iso, trázanse algunhas liñas mestras das que depende esta batería de medidas, como o acordo histórico asinado con tres das catro organizacións sindicais da Mesa Sectorial; as avaliacións de diagnóstico iniciadas este curso e que permitirán trazar estratexias de mellora; o Plan de Nova Arquitectura, cun investimento récord na renovación de centros, ou o novo Plan FPGal360 que, desde este curso, buscará reducir o abandono escolar e asegurar a maior cualificación posible da mocidade galega.

 

Acordo de longo alcance coas organizacións sindicais

Román Rodríguez detívose especialmente no acordo sindical e, novamente, agradeceu “a altura de miras, a visión, a responsabilidade e o compromiso” dos sindicatos que o impulsaron. “É un acordo sen precedentes que será recordado durante moito tempo. Aínda non somos quen de ver, na súa xusta medida, a transcendencia que vai ter no ensino galego nos próximos anos e nas próximas décadas”, declarou. A súa dimensión e os cambios organizativos de calado que inclúe fan necesario esta aplicación “progresiva e proporcional” que acaba de comezar neste 2024 con todas as medidas en marcha.

 

“O obxectivo -manifestou o conselleiro- é mellorar a atención ao alumnado, mellorar as condicións do profesorado e mellorar o funcionamento dos centros”. Sobre esta cuestión, apuntou que existen “pequenas discrepancias, lóxicas e normais” cos sindicatos na interpretación de dous puntos da quincena que compoñen o acordo, sobre a velocidade de implantación. Ante iso, o titular de Educación explicou que a Consellería decidiu atender as reclamacións e ir máis alá do inicialmente previsto para este curso.

 

Máis aulas e profesores con 4.000 alumnos menos

Román Rodríguez enumerou, a continuación, a batería de medidas que empezan a materializarse desde este curso. A primeira delas, “a redución do 20% do número de alumnos por aula” que comeza en 4º de Infantil, pasando dun máximo de 25 a 20, e que se ampliará ano a ano ao resto de etapas ata completar todo o sistema. Ao respecto, lembrou que a nova lei educativa estatal non modificou estas rateos, por iso Galicia decide facer o cambio a iniciativa propia, partindo unha boa situación, pois “xa eramos previamente unha das comunidades de España con mellores rateos medias”.

 

Esta mellora está a permitir que este novo curso vaiamos contar co mesmo número de aulas -en concreto, con dúas máis- nas etapas de Infantil e Primaria a pesares de ter 4.000 alumnos menos matriculados. Iso fai que se poidan manter abertas 204 aulas que, coas anteriores rateos, pecharían por falta de estudantes. A estimación é que, ao longo dos tres próximos cursos, esta cifra de aulas escale ata un total de 900 preservadas.

 

Ponderación da discapacidade pioneira en España

Román Rodríguez considera que a atención á diversidade é un dos ámbitos “onde máis ten avanzado o ensino galego en pouco tempo”, pero á vez recoñeceu que nunca será suficiente e hai “moito camiño por percorrer”. Aí encadra a nova medida que comeza a aplicarse xa, unha iniciativa pioneira en España, que non existe outras comunidades: a ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais por dous ou por tres en base aos informes médicos que acrediten o seu nivel de discapacidade, de dependencia ou de trastorno grave de conduta. Aínda que inicialmente só se ía aplicar en 4º de Infantil, finalmente este cómputo empeza a realizarse nas etapas de Infantil e Primaria.

 

Isto suporá un reforzo do profesorado para que os centros poidan, en base á súa autonomía organizativa, decidir a mellor opción pedagóxica coa que empregar esta dotación extraordinaria: desdobres de grupo, tratando de evitar a ruptura de grupos preexistentes cando non sexa imprescindible; apoio dentro da aula, coeducación con dous profesores simultáneos en clase, subgrupos en materias instrumentais...

 

Menores agrupamentos e preservación de escolas

Outro dos eidos de mellora é o ensino rural, “un dos sinais de identidade da educación galega”, lembrou Román Rodríguez. Nese senso, asegurou que se trata dun “modelo de proximidade” que esperta interese máis alá de Galicia, de aí as visitas recorrentes de delegacións educativas doutros países e comunidades autónomas para coñecelo.

 

O conselleiro aludiu ao informe presentado o pasado ano e que conclúe que os alumnos do rural e do urbano obteñen os mesmos resultados académicos, para o que é necesario realizar un investimento moi superior en contornas rurais debido á dispersión xeográfica. “Isto garante a igualdade de oportunidades e fai que Galicia sexa a comunidade máis equitativa”, tal e como veñen afirmando os informes PISA nas últimas edicións.

 

Para continuar mellorando, recupérase un acordo de agrupamentos asinado en 2009 e no que a crise económica impediu avanzar. “Recuperámolo coa clara vontade política de levalo á práctica”, sinalou. De aí que se introduzan xa as dúas primeiras medidas. Por unha banda, non pechar centros rurais con cinco alumnos -aínda que o mínimo establecido para funcionar é de seis por razóns pedagóxicas e de socialización- naqueles casos nos que existen perspectivas de recuperar matrícula nos cursos seguintes.

 

Por outra banda, no referido aos agrupamentos, ata agora o número máximo de alumnos de distintos cursos de Infantil que compartían unha mesma aula no rural era de 18. A partir deste curso, grazas ao acordo asinado coas organizacións sindicais, será de 14. Tamén esta medida, avanzou, irase ampliando con melloras progresivamente.

 

Incremento de 14M€ na masa salarial

Finalmente, Román Rodríguez explicou as melloras na carreira profesional docente, “a peza clave do sistema e do éxito educativo”. De feito, desde o pasado 1 de xaneiro son efectivos varios incrementos salariais en base a complementos que recompensan a aquel profesorado que máis se forma ou que asume tarefas de responsabilidade como poden ser os equipos directivos, as titorías ou postos asimilables. Estes incrementos salariais, que serán progresivos durante tres anos, supoñen en 2024 un aumento da masa salarial de 14M€ e propicia que Galicia escale postos nas retribucións docentes.

 

Ademais, a petición dos sindicatos, redúcese o horario lectivo do profesorado de Infantil e Primaria, que traballará o mesmo número de horas, pero distribuídas doutro xeito, liberando horas de docencia para outras tarefas como preparar clases. Igualmente, estanse a deseñar, xunto ás organizacións sindicais e centros, medidas para reducir os labores burocráticos, de xeito que se poida reinvestir ese tempo en tarefas estritamente educativas. Ademais, establécense melloras para facilitar a conciliación, flexibilizando as reunións virtuais. Por último, duplícanse as axudas ao profesorado para gastos de formación, unha medida publicada precisamente onte no Diario Oficial de Galicia.

 

File: 

Curso escolar 2024-2025 Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

A Xunta fai oficial a conversión da escola de cantería de Galicia nun centro integrado de FP

Noticias sobre Ensino - Ven, 30/08/2024 - 18:11

Summary: 

O DOG publica o decreto co que a Consellería de Educación impulsa o centro, que suma catro novas titulacións e a contratación de profesorado

O novo director do centro será David Alvariño, que foi director do Instituto IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra durante oito anos

Todos os novos ciclos ofertados vanse impartir, dado que contan xa con matriculados, e aínda hai prazas dispoñibles para potenciais interesados

Idioma Gallego

A incorporación da Escola de Cantería de Galicia, en Poio, á Rede de Centros Integrados de FP xa é oficial. Así o notifica hoxe o Diario Oficial de Galicia coa publicación do decreto que regula a súa creación como centro especializado no sector da edificación, a construción e a cantería.

 

Esta inclusión enmárcase na aposta do Goberno galego por recuperar e potenciar o oficio de cantería, un dos máis antigos e representativos de Galicia. Neste sentido, refórzase a oferta formativa con catro novas titulacións para este curso 2024/25 que comeza, das cales dúas son ciclos duais e outra é unha titulación de alta especialización.

 

Trátase do ciclo básico en Reforma e Mantemento de Edificios, dos ciclos de FP dual en Construción e en Proxectos de Edificación e da titulación de alta especialización en Pedra Natural especializada en cantería, unha das 13 deste tipo que entran novas este curso en toda Galicia.

 

Todos os novos ciclos ofertados no Centro Integrado de FP de Cantería de Galicia vanse impartir, dado que contan xa con matriculados. Con todo, aínda hai prazas dispoñibles para potenciais interesados e a inscrición poderá formalizarse ao longo do mes de setembro.

 

Reforzo docente

O responsable de dirixir o centro nesta nova etapa conta cunha ampla experiencia na función directiva. Trátase de David Alvariño que foi, de feito, director do Instituto IES Frei Martín Sarmiento, de Pontevedra, durante oito anos.

 

No marco deste compromiso de reforzo do centro, a Xunta de Galicia tamén contratará máis profesores para impartir os ciclos e ofrecer unha boa formación a todo o seu alumnado. Este impulso, tanto de oferta formativa como de profesorado, está motivado pola crecente demanda das empresas de contar con persoas que dispoñan das competencias necesarias para empregar as últimas tecnoloxías e materiais, co obxecto de ofrecer solucións innovadoras no eido construtivo.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

O CGTD comeza o curso 2024-2025 con 163 prazas nas súas 13 especialidades deportivas

Deporte Galego - Xov, 29/08/2024 - 18:43

O pasado martes tamén saíu a resolución das seis bolsas de persoas colaboradoras


Santiago, 29 de agosto de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 14 de agosto de 2024 pola que se publica a concesión das prazas para os grupos de tecnificación e de rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Como en anos anteriores, o CGTD ofertou 160 prazas para tecnificación (cursos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato) e rendemento. Na resolución publicada no DOG foron concedidas 152 prazas e agora, veñen de sumarse outras nove, acadando 163 deportistas, un número que poderá incrementarse ao longo da tempada.

Máis polo miúdo, estas 163 prazas distribúense en 106 de tecnificación -90 residentes e 16 externos- e 57 en rendemento -12 residentes e 45 externos-. Unha tempada máis a paridade é practicamente absoluta, superando lixeiramente o número de mulleres ao número de homes: 83 mulleres -58 en tecnificación e 25 en rendemento- por 80 homes -

As 163 prazas quedan repartidas da seguinte maneira segundo as 13 especialidades deportivas coas que contará o CGTD nesta tempada: atletismo lanzamentos -sete prazas (seis tecnificación e unha de rendemento)-, bádminton -doce prazas (dez tecnificación e dúas de rendemento)-, judo -catorce prazas (nove de tecnificación e cinco de rendemento)-, loita -quince prazas (once de tecnificación e catro de rendemento)-, natación pura e augas abertas -dez prazas (oito de tecnificación e dúas de rendemento)-, natación artística -oito prazas de tecnificación-, piragüismo slálom -catro prazas de tecnificación-, piragüismo augas tranquilas -49 prazas (21 de tecnificación e 28 de rendemento-, remo -seis prazas (cinco de tecnificación e unha de rendemento)-, taekwondo -trece prazas (nove de tecnificación e catro de rendemento)-, tríatlon -catorce prazas (nove de tenificación e cinco de rendemento)-, vela -catro prazas de tecnificación- e ximnasia -seis prazas (dúas de tecnificación e catro de rendemento)-.

Persoas colaboradoras

Ademais, o pasado 27 de agosto, o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución do 14 de agosto de 2024 pola que se adxudican as bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2024/25.

Os seis beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar. Ademais, estas persoas disporán do aloxamento de domingo a venres e manutención completa -de luns a venres-, servizo de lavandaría, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia. A concesión destas bolsas é compatible coa obtención de axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar. As bolsas terán, como mínimo, unha duración dun curso escolar (de setembro a xuño) e poderán ser prorrogadas ata que a persoa beneficiaria remate os seus estudos sempre que cumpran cos requisitos e obrigas recollidas na convocatoria.

CGTD

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (único en Galicia) naceu no ano 1987-88 co obxectivo de converterse na instalación de referencia a nivel deportivo na nosa comunidade, en busca da excelencia competitiva, unha excelencia que contempla, por suposto tamén, a formación académica dos deportistas coa finalidade de conseguir a súa formación integral. No 2007 e 2010 incorpóranse respectivamente á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, ampliando así a oferta de seccións deportivas que a día de hoxe conta cunha moi ampla variedade.

Categorías: Deportes

W50 de Ourense

Deporte Galego - Lun, 26/08/2024 - 13:16

Alina Charaeva gaña a final do Torneo Internacional Feminino Cidade de Ourense (W50 Ourense) celebrado do 12 ao 18 de agosto no Club Santo Domingo.







A rusa derrotou á xaponesa Haruka Kaji cun resultado de 7-6(7) 6-1.

Campioas e finalistas de dobres:

  • Campioas dobres W50 Cidade de Ourense 2024: Martyna KUBKA (POL)/ Lara SALDEN (BEL)
  • Finalistas dobres W50 Cidade de Ourense 2024: Matilde JORGE (POR) / Anna ROGERS(USA)
Ligazóns
Categorías: Deportes

W35 Vigo 2024

Deporte Galego - Lun, 26/08/2024 - 13:13

A francesa Tessah Andrianjafitrimo vence á xaponesa Misaki Matsuda na final do W35 Cidade de Vigo, celebrado no CC Mercantil e Industrial de Vigo do 19 ao 25 ​​de agosto de 2024.








Na proba de dobres, as vencedoras foron as xaponesas Sakura Hosogi e Misaki Matsuda, que venceron na final á galega Eva Álvarez Sande e a Maxine Murphy dos Estados Unidos.

Lista de campioas:

  • Campioa individual: Tessah Andrianjafitrimo (FRA)
  • Finalista individual: Misaki Matsuda (JPN)
  • Campioas de dobres: Sakura Hosogi (JPN) e Misaki Matsuda (JPN)
  • Finalistas de dobres: Eva Álvarez Sande (ESP) e Maxine Murphy (USA)
Ligazóns
Categorías: Deportes

Resultados dos equipos galegos no Campionato de España MAPFRE de Tenis Alevín por Equipos – Trofeo Tono Páez in Memoriam

Deporte Galego - Lun, 26/08/2024 - 13:11

O equipo alevín masculino do Club Tenis Codesal conseguiu ser finalista na proba de consolación do Campionato de España MAPFRE Alevín de Tenis por Equipos – Trofeo Tono Páez in Memoriam, que se celebrou no Club de Tenis Real Murcia do 19 ao 24 de agosto.







Neste Campionato de España participaron os seguintes clubs galegos:

Equipos masculinos:

  • Club de Tenis Codesal
  • CC Mercantil e Ind. de Vigo

Equipos femininos:

  • CC Mercantil e Ind. de Vigo
  • Casino Sporting Coruña

Resultados:

Os alevíns do Club Tenis Codesal perderon na primeira rolda contra os cataláns do Barcino Tenis Club e na consolación venceron aos cataláns do Real Club Deportivo Polo por 3-1, na segunda rolda gañaron aos rioxanos do Club Tenis Arnedo por 3-2 e en semis venceron aos locais do Club Tenis Murcia por 3-2. Na final caeron ante o conxunto balear do Club de Tenis La Salle.

Os nenos do Mercantil de Vigo perderon na segunda rolda contra os cataláns do Rel Club Tenis Barcelona e na consolación caeron ante o conxunto balear do Club Tenis La Salle.

Os dous equipos galegos femininos caeron na primeira rolda, o Mercantil de Vigo perdeu ante as baleares do SES Puntetes e o Casino Sporting Coruña ante as do Club Tenis Pamplona.

Na consolación, as xogadoras do Mercantil perderon ante as asturianas do RGC Covadonga e as do Casino Sporting Coruña ante as catalanas do Cercle Sabadelles.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Campionato Galego de Tenis Praia 2024 de categorías absoluta e sub-14

Deporte Galego - Lun, 26/08/2024 - 13:09

A fin de semana do 23 ao 25 ​​disputouse na praia de Baltar (Portonovo) no Concello de Sanxenxo o Campionato Galego de Tenis Praia 2024.







En dobres masculino, Jorge Martínez Martínez e Juan Amador Ruíz derrotaron na final a Adrián García Vázquez e Alejandro Guimaráens Raso por 6/2-6/3.

En dobres feminino Eva Fantova Sicre e Lidia García Vázquez venceron a Olalla Fernández Maroto e Seila Pérez Rouco por 6/2-7/5

En dobres mixtos, Adrián Garcia Vázquez e Lidia García Vázquez proclamáronse campións ao vencer a Olalla Fernández Maroto e Jorge Martínez Martínez por 6/3-6/0.

Na categoría individual masculina, Jorge Martínez Martínez venceu a Mateo Carrera Prado por 7/2.

Na categoría de dobres sub-14, Gabriel Babío Filloy e Abril González Parra foron campións galegos por ser os máis regulares na liga, sendo segundos Alberto Varela Vieites e Rodrigo Álvarez Negreira.

Lista de campións:

Dobres Absoluto Masculino

  • Campións: Jorge Martínez Martínez / Juan Amador Ruiz
  • Finalistas: Alejandro Guimaraens Raso / Adrian García Vázquez

Dobres Absoluto Feminino

  • Campioas: Eva Fantova Sicre / Lidia García Vázquez
  • Finalistas: Olalla Fernández Maroto / Seila Pérez Rouco

Dobres Absoluto Mixto:

  • Campións: Lidia García Vázquez / Adrian García Vázquez
  • Finalistas: Olalla Fernández Maroto / Jorge Martínez Martínez

Absoluto masculino:

  • Campión: Jorge Martínez Martínez
  • Finalista: Mateo Carrera Prado

Dobles Sub-14 Unisex:

  • Campións: Gabriel Babío Filloy e Abril González Parra
  • Finalistas: Alberto Varela Vieites e Rodrigo Álvarez Negreira

Ligazóns
Categorías: Deportes

Rematou o V Torneo Internacional de Tenis Sénior – ​​Santiago de Compostela

Deporte Galego - Lun, 26/08/2024 - 13:08

Preto de 80 inscritos de distintas nacionalidades, entre as 11 categorías de individuais e 3 de dobres, gozaron de Santiago e das pistas de tenis do Real Aero Club de Santiago.









A V edición da ITF Senior Santiago de Compostela xa é historia, e grazas ao patrocinio de Turismo de Galicia, a Federación Galega de Tenis, Conservas Frinsa, Lau Creaciones e Turismo de Santiago de Compostela, todos os participantes puideron gozar dunha semana intensa de tenis nas instalacións do Real Aero Club de Santiago.

En total, disputáronse 11 categorías individuais (8 en homes e 3 en mulleres), sendo gañadores os seguintes xogadores:

  • Individual masculino +30: Jesús Santomil (Esp)
  • Individual feminino +30: Alessandra Pessini (Ven)
  • Individual feminino +40: Marga Outón (Esp)
  • Individual masculino +45: Simón Fariñas-Ferro (Esp)
  • Individual masculino +50: Javier Iglesias (Esp)
  • Individual feminino +50: María Sicre (Esp)
  • Individual masculino +55: Jorge Pablos (Esp)
  • Individual masculino +60: Fernando Aragunde (Esp)
  • Individual masculino +65: José Deus (Esp)
  • Individual masculino +70: Alfredo Quiroga (Esp)

En categorías de dobres, estes foron os gañadores:

  • Dobres mixtos +30: Teresa Castro e Juanma Martínez Mateo (Esp)
  • Dobres masculino +35: Antón Grela e Gonzalo López Braga (Esp)
  • Dobres masculino +60: Jaime Fernández-Obanza e Antonio Vara (Esp)

O torneo, xa consolidado no calendario da ITF, remata un ano máis cun alto grao de satisfacción entre todos os seus participantes, e o obxectivo claro para a tempada 2025 é subir de categoría, tentando así ser un referente nas competicións sénior na nosa comunidade. O club quere agradecer a todos os participantes e patrocinadores, e en especial o excelente traballo da xuíz árbitro, Natalia Saiz.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Botamos un Baile? Un século de orquestras en Galicia

Axenda Cultural - Ven, 09/08/2024 - 11:00

De 9 de agosto a 15 de setembro
Biblioteca Pública de Ourense - Ourense - Ourense

O concepto de festa con verbena é algo ligado a Galicia dende hai séculos. Aínda que hai celebracións que tenden á defensa da tradición orixinal, o fenómeno da verbena está intimamente relacionado coa evolución da tecnoloxía, da sociedade e do consumo de música popular.

 

A emigración do pobo galego fixo das orquestras de verbena unha viaxe de tornavolta, enviando músicos ao estranxeiro e recibindo músicos, bailes e ritmos que chegarían a terras galegas nos anos 50 para ficar e fixarse á nosa identidade. Tendo como orixe as bandas de música, nas primeiras décadas do século XX, estas incorporan músicas bailables importadas de América coma o charlestón, o fox-trot, o jazz ou o tango. Pouco a pouco, integrantes de bandas de música constituíron en Galicia e nos países destino da emigración agrupacións especializadas en música bailable moderna, co nome de jazz bands ou orquestras, e desde a segunda metade do século XX inclúen no repertorio músicas como a cumbia, o merengue, o pasodobre, o rock, o pop e hoxe, ritmos coma o reggaeton.

 

Esta exposición, organizada e cedida pola Biblioteca de Galicia e que conta con Zósimo López Pena e Henrique Neira Pereira como comisarios, pretende achegarlles ás persoas que a visiten unha parte dos fondos desta institución da memoria, pouco ou nada tratados academicamente, aínda que cunha fonda pegada na sociedade galega. Un fondo pertencente ás orquestras que tocan dende hai mais dun século non só en Galicia senón chegando a países coma Venezuela, Arxentina, Marrocos, Francia, Suíza ou mesmo Xapón.

 

Estas formacións amenizaron eventos en prestixiosos casinos, salas de festas, programas de televisión e innumerables e necesarias festas en aldeas, vilas e cidades. Así ata chegar a hoxe, coñecidas como orquestras de verbena galega e convertidas no centro de espectáculos audiovisuais con clubs de fans, con xente nova nas comisións de festas, con escenarios móbiles, con repertorios actualizados continuamente. Nalgúns casos, o espectáculo parece que importa máis que o baile coma se se tratara dun Broadway rural, mais o primordial é que collamos parella e bailemos, así que... botamos un baile?

Categorías: Cultura

O número de deportistas galegos recoñecidos no alto nivel segue medrando e chega aos 1.279

Deporte Galego - Mar, 06/08/2024 - 12:48

Arredor do 79% de todos os recoñecidos son deportistas galegos de alto nivel (389 mulleres e 621 homes), superando por vez primeira o milleiro de recoñecidos con 1.010


Santiago, 6 de agosto de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 26 de xullo de 2024 pola que se recoñecen as persoas deportistas de alto nivel, alto rendemento, e rendemento deportivo de base, persoas adestradoras ou técnicas, persoas xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel, e se relacionan as solicitudes desestimadas e a causa. No momento actual, o número total de deportistas galegos e galegas recoñecidos e recoñecidas segue batendo récords e chega xa a 1.279, sendo 491 mulleres (38%) e 788 homes (62%).

Arredor do 79% de todos os recoñecidos son deportistas galegos de alto nivel (389 mulleres e 621 homes), superando por vez primeira o milleiro de recoñecidos con 1.010. Ademais, hai 108 deportistas de rendemento deportivo de base (51 mulleres e 57 homes); 100 deportistas de alto rendemento (33 mulleres e 67 homes); 34 técnicos de alto nivel (catro mulleres e 30 homes); 17 árbitras e xuízas (nove mulleres e oito homes); e dez deportistas galegos de alto nivel vitalicios (cinco mulleres e cinco homes). Entre estes DGAN vitalicios atópanse algúns dos mellores deportistas de Galicia como Carlos Arévalo, Carlos Pérez ‘Perucho’, Teresa Portela e Cristian Toro (piragüismo), Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e Sofía Toro (vela), Adi Iglesias (atletismo adaptado), Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon) e Chano Rodríguez (natación adaptada). Cómpre salientar, asemade, que entre todas as categorías están recoñecidos 43 deportistas galegos (14 mulleres e 29 homes) con diversidade funcional, o número máis alto da historia que segue a medrar.

Estas cifras acadadas polo deporte de alto nivel de Galicia débense por unha banda, ao traballo e ao incremento de nivel dos deportistas de Galicia nos últimos anos, así como ao novo decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020 que, ademais do deporte de alto nivel de Galicia, tamén recoñece o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.

Axudas aos olímpicos e paralímpicos

O pasado 1 de agosto, a Fundación Deporte Galego resolvía a segunda remesa de axudas para os deportistas, técnicos e árbitros galegos e galegas que participan nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, composta nesta ocasión por quince axudas por importe de 117.000 euros. Estas axudas súmanse ás primeiras 20 que sumaron unha contía de 147.000 euros e que foron resoltas o pasado 3 de xullo. As ‘Axudas DGAN 2024’ para deportistas, técnicos e xuíces olímpicos e paralímpicos pódense solicitar ata o 30 de setembro.

 

Categorías: Deportes

Concerto

Axenda Cultural - Sáb, 03/08/2024 - 23:45

3 de agosto, 23:45
Refuxio de Pescadores de Cobas - Negreira - A Coruña

Eles defínense coma uns rapaces dos anos 90 que creceron escoitando a grupos como Berrogüetto, Milladoiro e infinitas cancións de infinitos estilos musicais. Por iso, defenden a mú- sica feita de raíz e a creación contemporánea que pon en valor a tradición. Teñen os pés na terra pero a súa mirada é completamente global, xa que buscan sons diferentes de todas as partes do mundo e sen prexuízos. As súas influencias van desde as músicas do Magreb ou o rock saharaui ata as melodías cubanas. Teñen amor pola música e pola experimentación, deste eclecticismo e desta xuventude nace a súa frescura.

Cada un deles contribúe de maneira esencial a crear o poderoso bodegón millenial que define a De Ninghures. Co respaldo dos éxitos acumulados no seu álbum ‘Aquí’ como carta de presentación, este grupo é a elección ideal para as persoas que buscan experiencias musicais auténticas que enraízan a tradición galega cunha perspectiva global, moderna e actual.

De Ninghures promete levar á súa audiencia a unha viaxe sonora que vai desde a fusión de xéneros ata a paixón máxima pola arte 

Categorías: Cultura

Loop Station

Axenda Cultural - Sáb, 03/08/2024 - 21:00

3 de agosto, 21:00
Praza de Sta. María - Vilalba - Lugo

Catuxa Salom é unha artista galega de raíces arxentinas e unha das voces máis destacadas do movemento folk-electrónico do momento. En 2022 publica o seu disco revelación Nunha aldea, un EP de debut producido por Marcos Bayón en Prasat Bayon Studio, que reflicte en cada canción un universo sonoro que vai da música tradicional galega aos ritmos latinos. Un disco envolto por unha atmosfera tribal que convida ao baile e nos conecta co noso lado máis puro e salvaxe. De Aimogasta ás montañas de Lugo, Catuxa Salom crea un lugar onde o fogar e o amor pola natureza están moi presentes.

Neste concerto en solitaria, Catuxa Salom acompáñase da súa guitarra e unha loop station. 

Categorías: Cultura

Circo menudo… menudo circo

Axenda Cultural - Sáb, 03/08/2024 - 20:30

3 de agosto, 20:30
Praza Maior - Xinzo de Limia - Ourense

Un espectáculo concebido para lembrar estampas do CIRCO que a maioria da xente coñece de sempre pero buscando a participación e implicación do público. Mais de 75 minutos de duración, que independentemente da idade, manteñen o público espectante e participativo.

A mezcla de Humor, Maxia, sckets onde o espectador forma parte do elenco de participantes disfrutando e participando dos números que se presentan. 

Categorías: Cultura

Ailá

Axenda Cultural - Sáb, 03/08/2024 - 20:00

3 de agosto, 20:00
Praza de Forcarei - O Pino - A Coruña

Ailá é unha proposta inspirada na música tradicional de transmisión oral co obxectivo de facer bailar e de sentir esa enerxía universal feita “de raíces e de ás”, pero tamén é unha proposta semántica, un neoloxismo para nomear a esencia emocional do noso pobo presente “nos ecos da memoria de quen nos precedeu”.

Ailá mergúllanos no universo folk; ou tradi, como prefiren denominalo eles, cuns impecables arranxos desde as recollidas históricas do saber musical popular. Isto, unido á peculiar formación composta por catro músicos, dálle un carácter único, achegando unha nova sonoridade ao seu repertorio tradicional; unha nova proposta que vén do folk para converterse en tradi.

Categorías: Cultura

Festa das Sopas do Burro Canso

Axenda Cultural - Sáb, 03/08/2024 - 20:00

3 de agosto, 20:00
Muiños - Muíños - Ourense

O Concello de Muíños celebra a Festa das Sopas do Burro Canso grazas á recuperación levada a cabo pola Asociación Fonte Fría. 

Esta festa gastronómica ten as súas orixes na tradicional sobremesa formada por viño, azucre e faragulla de pan (de aí o peculiar nome). 

Outrora os nosos antepasados alimentábanse desta mestura para facer fronte ás duras tarefas agrícolas, e debido á súa composición e capacidade enerxética, mantíñaos con gran vitalidade e forza. 

Este feito fixo que os membros da devandita Asociación, unha noite nas instalacións do seu centro, decidisen render unha pequena homenaxe aos seus devanceiros, celebrando esta festa. 

Así pois, un bo día ataron un burro na porta do seu centro de reunión e elaboraron o peculiar prato, convidando a quen o desexase, a participar da festa. 

Co paso do tempo fóronse ampliando as actividades para realizar neste día de festa, entre as que destaca unha Feira de Artesanía e actividades para os máis cativos. 

Se a todo isto sumamos que se atopa nunha contorna natural e paisaxística única dentro do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés, a Festa das Sopas de Burro Canso convértese nunha das celebracións con máis tradición de Galicia, congregando a milleiros de persoas na primeira fin de semana de agosto desde o ano 1993.

Categorías: Cultura

Cómica de lingua

Axenda Cultural - Sáb, 03/08/2024 - 20:00

3 de agosto, 20:00
Anfiteatro da Praia Fluvial de San Clodio - Ribas de Sil - Lugo

Unha cómica ambulante transita polo Camiño de Santiago, pode aparecer en calquera recuncho detrás dun biombo. Presenta o seu espectáculo con poesía e pandeireta, presumindo de lingua propia.

 

Ela é portadora da nosa rica tradición oral. Da súa boca abrollan ditos, trabalinguas, adiviñas, contos e lendas. Onde a amizade, o amor, o bo humor, o enxeño e a intriga dánse a man.

 

A cómica de lingua é unha peregrina máis. Tras atravesar varias pontes chega a unha pousada. Alí perde unha quenda. Para gañarse o sustento, comeza a función para os hóspedes que alí se atopan.

 

Unha única intérprete dará voz e corpo a todas as personaxes das súas historias.

 

A actuación, de súpeto, vese interrompida por un grallo. Asoma pola fiestra da pousada unha oca!!

Categorías: Cultura

Atemporal

Axenda Cultural - Sáb, 03/08/2024 - 19:30

3 de agosto, 19:30
Praza do Camiño - Portomarín - Lugo

O Mago Charlangas invítanos a viaxar a través do tempo co seu espectáculo ATemporal, onde a maxia e o teatro mestúranse creando unha historia na que navegaremos pola nosa imaxinación.

Un número de ilusionismo co que gozaremos de xogos con cartas, bolas, moedas, billetes e máis sorpresas que nos farán pasar unha leda xornada chea de maxia.

Coñeceremos a un científico tolo e os seus incríbles experimentos para adentrarnos nunha viaxe co Pirata Barbanegra na busca de máxicos tesouros.

Categorías: Cultura

Cirkote

Axenda Cultural - Sáb, 03/08/2024 - 19:00

3 de agosto, 19:00
Vilar de Barrio - Vilar de Barrio - Ourense

CIRKOTE circo de rúa e teatro, malabares e humor, sobre todo moito humor.

 

KOTE MALABAR leva cerca de 20 anos facendo rir e gozar a todo tipo de públicos en infinidade de actuacións por festas, feiras, festivais e demais actos lúdicos e de entretemento. No espectáculo combina técnicas de circo, clown e teatro cómico e de participación, nunha relación directa actor-público nun espectáculo no que pode acontecer de todo, incluso que ti acabes sendo a estrela da función.

Categorías: Cultura

Don Gelati

Axenda Cultural - Sáb, 03/08/2024 - 18:00

3 de agosto, 18:00
Praza do concello - Xunqueira de Ambía - Ourense

Un brillante día de sol chega á praza un vendedor de xelados co seu carriño-bici para endulzar os paladares e sacar un sorriso aos que alí viven. Pero este non será un día como outros...

Don Gelati sufrirá todo tipo de imprevistos e infortunios co seu carriño e os seus xelados.

O tempo apremia e ten que arranxalo antes de que o sol nos deixe sen frescos doces.

"Don Gelati"  é un esoectáculo de maxia teatral que pola súa tematica resulta perfecto para representarse na rúa ademais dos teatros. O carro dos xelados leva integrado un potente equipo de son a batería , que lle da unha gran movilidade e posibilita  a súa reprersentación sen case necesidades técnicas.

Esta é unha obra de teatr xestual, onde un guión cheo de maxia leva a Don Gelati ó limite da súa imaxinación axudandose dos malabares , o clawn, o público e como non, o seu inxenio.

Categorías: Cultura
Distribuir contido


by Dr. Radut