Skip to Content

Deporte Galego

Distribuir contido
Actualizado: hace 11 horas 44 min

Lete Lasa sinala que o Mundial Júnior de Vilagarcía reforzará a Galicia como referente internacional da vela tal e como fixo o Europeo de 2019

Mar, 09/07/2024 - 20:37

Jacobo García, Jaime Wizner, Pablo Llorens, Estela Enríquez ou Claudia Sobral son “o presente e o futuro da nosa vela, que se miran no espello de grandes referentes como Támara Echegoyen que, en París, disputará os seus cuartos Xogos como abandeirada”



Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 9 de xullo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá na presentación do Campionato do Mundo Júnior de vela das clases 49er, 49er FX e Nacra 17 que terá lugar do 14 ao 21 de xullo na Ría de Arousa. Alí, Lete Lasa lembrou o éxito do Europeo Júnior de 420 e 470 disputado en 2019 tamén en Vilagarcía e que rematou coa medalla de prata para Jacobo García e Toni Ripoll e a de bronce para Martín Wizner e Pedro Ameneiro. Nesta ocasión, o mandatario galego asegurou que o mundial “ratificará a Galicia como referente internacional da vela e ademais, como unha potencia no deporte de base”.

O secretario xeral destacou asemade a importancia de que as tres clases que compoñen este mundial sexan olímpicas, polo que os participantes na competición están chamados a ser os que loiten por participar nos Xogos Olímpicos de 2028. Neste sentido animou aos galegos e galegas que participarán neste mundial como son o propio Jacobo García que acompañará ao irmán de Martín Wizner, Jaime Wizner, así como Pablo Llorens, Estela Enríquez ou Claudia Sobral, que depende da recuperación dunha lesión. Todos eles, dixo, son “o presente e o futuro da nosa vela, que se miran no espello de grandes referentes como Támara Echegoyen que, en París, disputará os seus cuartos Xogos portando a bandeira de España na cerimonia de apertura”.

O Mundial Júnior contará con máis dun centenar de barcos e uns 300 deportistas de 25 países diferentes de todo o mundo como Australia, Nova Zelandia, Xapón, Hong Kong, Arxentina, Estados Unidos e gran parte de Europa. Lete Lasa destacou a importancia de que Vilagarcía e o Centro Galego de Vela, que conta con 75 regatistas galegos que adestran cada día no seu programa de tecnificación, sexan o “epicentro da vela mundial xa que é un gran recoñecemento a todo o traballo que se fai dende Galicia pola vela e serve aos nosos rapaces e rapazas para gañar unha gran experiencia de cara ao seu futuro”.

Categorías: Deportes

Unha lesión nas costas frea a brillante participación de Bouzas en Wimbledon

Lun, 08/07/2024 - 11:31

Jéssica Bouzas tivo que retirarse na terceira rolda de Wimbledon por unha lesión nas costas cando o marcador era de 6-0, 4-3 e 40-0 ante a checa Barbora Krejčíková.

A Arousá fixo historia ao eliminar na primeira rolda á campioa da edición de 2023, Marketa Vondrousová, actual número seis do ranking mundial. O encontro, que se disputou na impoñente pista central, rematou co resultado de 6-4 6-2.

Na segunda rolda gañou por 7-6(1) 6-3 a Cristina Bucsa, unha tenista española nacida en Moldavia e afincada en Cantabria.

Ligazóns
Categorías: Deportes

De la Puente campión de dobres do Lexus British Open Roehampton

Lun, 08/07/2024 - 11:03

Martín De la Puente proclamouse campión de dobres do Lexus British Open Roehampton, en parella con Joachim Gerard (BEL).



Gañaron na final a Tom Egberink (NED) e Maikel Scheffers (NED) cun resultado de 1-6 6-2 10-7.

Na proba individual, o vigués derrotou a Manojkanth Somasundaram (IND) cun 6-0 6-0 na primeira rolda e en cuartos de final eliminou a Joachim Gerard (BEL) cun resultado de 5-7 6-4 6-0 . Na final non logrou vencer a Alfie Hewett (GBR), número 2 do ranking mundial (4-6 6-3 4-6).

Esta semana competirá en Winbledon, ¡moita sorte!

Ligazóns
Categorías: Deportes

Resultados dos equipos galegos no Campionato de España MAPFRE de Tenis Júnior por Equipos 2024

Lun, 08/07/2024 - 10:43

Rematou o Campionato de España MAPFRE de Tenis Júnior por Equipos 2024, no Club de Tenis Real Zaragoza. Destacamos o resultado do equipo feminino do Real Club Tenis Coruña que chegou aos cuartos de final




Os equipos galegos masculinos que participaron nesta edición son o Real Club Tenis Coruña (campión galego 2024), o Club de Tenis Pontevedra e o Club de Tenis Rial.

Os equipos galegos femininos que competiron no Campionato son o Real Club Tenis Coruña (campión galego 2024) e o Club Tenis Rial.

Xogadores/as dos equipos do Real Club Tenis Coruña:

  • Yeray Quian Darriba
  • Lucas Maceiras Balado
  • Pablo Alcon Palacios
  • Miguel del Castillo Lampón
  • Alejandro Pardo Moro
  • Blanca Trillo Pita da Veiga
  • Clara Aramillet Martínez
  • Noa Pena Paz
  • Adestrador: Iago Fernández-Reija

Resultados:

As xogadoras do Real Club de Tenis Coruña conseguiron pasar aos cuartos de final tras superar ás do Club de Tenis “La Salut” e ás do CDC Valladolid. As gañadoras do Campionato, as xogadoras do Club de Tenis Chamartín eliminaron ás galegas.

O equipo masculino do Real Club Tenis Coruña caeu ante o Club Esportiu Laieta na primeira rolda e na categoría de consolación impuxéronse á Real Sociedade da Magdalena e ao Club de Tenis Sabadell. Os xogadores do Atlético Montemar eliminaron aos galegos nas semifinais de consolación.

Xogadores/as dos equipos do Club Tenis Rial:

  • Alejandro Reboredo Orge
  • Martín Fernández Cores
  • Alejandro Couso Fernández
  • Daniel Núñez Ríos
  • Sira Fernández Martis
  • Alejandra Del Valle Vidal
  • Lucía Couso Fernández
  • Carlota Magán Cascallar
  • Ariadna Lucio Cora
  • Entrenador: Jean Paul Hernández

Resultados:

Os xogadores do Club de Tenis Rial derrotaron ao Natural Tenis Club e na segunda rolda perderon ante un duro rival, o Real Club de Tenis Barcelona, ​​cabeza de serie número 1 da táboa e gañador da edición de 2023.

O equipo feminino do Club Tenis Rial perdeu na segunda rolda ante o Club de Tenis Santurtzi e na consolación eliminou ao Club Deportivo Cantabria e ao Real Club de Polo. En semifinais perderon contra o Club de Tenis Sabadell.

Xogadores do equipo do Club de Tenis Pontevedra:

  • Felipe Lariño Feijoo
  • Juan Dueñas Seoane
  • Álvaro Medialdea Mozos
  • Federico Cabrera Pérez
  • Martín Rodríguez Figueiredo
  • Adestradores: Guillermo Garnelo e Sergio Peña

Resultados:

O equipo do Club de Tenis Pontevedra perdeu ante o Torrevieja Tenis Club e non superou o primeiro partido da consolación contra o CDT Valladolid.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Lete Lasa destaca a puxanza do fútbol galego que trae de novo á selección feminina a Riazor, sede mundialista

Ven, 05/07/2024 - 17:09

Lembra que no pasado mes de decembro, Pontevedra xa acolleu un partido da Liga de Nacións da selección feminina e que Riazor xa acolleu en 2019 un encontro da selección feminina clasificatorio para a Euro de 2021





A Coruña, 5 de xullo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá na presentación do partido de fútbol entre as seleccións absolutas femininas de España e Bélxica clasificatorio para a Eurocopa de 2025. O mandatario galego destacou a “puxanza do fútbol galego que pon de manifesto o papel protagonista dos futbolistas da nosa terra nas seleccións nacionais como Tere Abelleria, que vén de ser convocada por Montse Tomé para a a participación nos Xogos de París, ou Joselu Mato, que esta mesma tarde xoga os cuartos de final do Europeo masculino”.

Lete Lasa centrou o foco no fútbol feminino e na lista de xogadoras galegas de gran importancia para o fútbol de todo o país como foron Mari Paz Vilas, que foi quen de marcar nun partido coa selección española ata sete goles e é a máxima goleadora histórica do Valencia; Vero Boquete, a primeira muller española en gañar a Champions League e que lle dá nome ao estadio de Santiago; ou Nuria Rábando, campioa da Champions League co Barcelona en 2023.

O secretario xeral para o Deporte lembrou que “no pasado mes de decembro, Pontevedra xa acolleu un partido da Liga de Nacións da selección feminina” e que Riazor xa acolleu en 2019 un encontro da selección feminina clasificatorio para a Eurocopa de 2021. Agora repite acollendo este España-Bélxica que contará “cun acicate especial xa que será o primeiro partido oficial que se disputará desde que Riazor foi escollido definitivamente como sede para o Mundial de 2030”.

Categorías: Deportes

Aprobadas as 20 primeiras axudas para os deportistas, técnicos e árbitros galegos e galegas que participarán nos Xogos de París

Xov, 04/07/2024 - 14:42

Os primeiros beneficiados son os deportistas Teri Portela, Carlos Arévalo, Támara Echegoyen, Vicky Vilariño, Martín de la Puente, Jacobo Garrido, Fran Garrigós, Caetano Horta, Enmanuel Reyes, Niko Shera, Ester Navarrete, Rodrigo Conde, María de Valdés, Adrián Mosquera e Sara Ouzande; os técnicos Daniel Brage e Marcos Fernández; e os xuíces Loreto Pérez, Manuel Franco e María Dolores Rojas


Santiago, 4 de xullo de 2024.- A Fundación Deporte Galego vén de aprobar as primeiras 20 axudas para os deportistas, técnicos e árbitros galegos e galegas que participarán nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024. Estas achegas enmárcanse dentro das ‘Axudas DGAN 2024’ que contan cun orzamento de 600.000 euros e, de novo, cun modelo de dúas convocatorias para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas DGAN que tiveran o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2023 e 2024. As ‘Axudas DGAN’ acadaron o seu máximo histórico con preto de 700.000 euros (680.940 euros) en 2023, ano no que xa se puxo en marcha a dobre convocatoria para axudare aos deportistas na súa preparación para os Xogos.

Nesta primeira resolución foron concedidas 20 axudas para quince deportistas, dous técnicos/adestradores e tres xuíces/árbitros por un importe total de 147.000 euros. Isto supón un aumento con respecto á primeira resolución de axudas para os Xogos de Toquío, un 25% máis en número de axudas (16) e un 35% máis en investimento (109.000 euros).

Máis polo miúdo, Teri Portela (piragüismo), Carlos Arévalo (piragüismo) e Támara Echegoyen (vela) recibirán a Axuda Galicia-París 1 cun importe de 12.000 euros para os deportistas que participaran en catro ou máis edicións dos Xogos ou que acadaran medalla. Vicky Vilariño (baloncesto cadeira rodas), Martín de la Puente (tenis cadeira rodas), Jacobo Garrido (natación paralímpica), Fran Garrigós (judo), Caetano Horta (remo), Enmanuel Reyes (boxeo),  Adrián Mosquera (piragüismo paralímpico) e Niko Sherazadishvili (judo) conseguen a Axuda Galicia-París 2 cun importe de 9.000 euros para os deportistas que participaran en tres ou menos edicións sen acadar medalla. Ester Navarrete (atletismo), Rodrigo Conde (remo), María de Valdés (natación) e Sara Ouzande (piragüismo) benefícianse da Axuda Galicia-París 3 cun importe de 6.000 euros para aqueles deportistas que non teñan participado en ningunha edición dos Xogos. Daniel Brage (piragüismo) e Marcos Fernández (vela) reciben a Axuda TA principal París cun importe de 3.000 euros para os técnicos e adestradores principais nos Xogos. Por último, Loreto Pérez (atletismo), Manuel Franco (tenis) e María Dolores Rojas (atletismo) acadan a Axuda XA París de tamén 3.000 euros para os xuíces e árbitros nalgunha proba dos Xogos.

Cómpre salientar que a pesar de non ter beneficiarios nesta primeira resolución, a Fundación Deporte Galego tamén concede as Axudas Galicia-París Apoio/Guía, que un ano máis é da mesma contía para os deportistas de apoio que a que reciben os deportistas con discapacidade aos que guían; así como as Axudas TA auxiliar París cun importe de 1.500 euros para persoas con funcións técnicas ou adestradoras auxiliares nos Xogos.

As ‘Axudas DGAN 2024’ para deportistas, técnicos e xuíces olímpicos e paralímpicos pódense solicitar ata o 30 de setembro.

Categorías: Deportes

O número de deportistas galegos recoñecidos no alto nivel segue medrando e chega aos 1.256

Mér, 03/07/2024 - 18:34

As federacións deportivas con máis deportistas recoñecidos e recoñecidas son piragüismo (176), atletismo (97), taekwondo (82), fútbol (82), salvamento e socorrismo (81), remo (67), vela (63), patinaxe (59), halterofilia (35), tríatlon e péntatlon moderno (33) e natación (30)


Santiago, 3 de xullo de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 21 de xuño de 2024 pola que se recoñecen as persoas deportistas de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base, persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel, e se relacionan as solicitudes desestimadas e a causa. No momento actual, o número total de deportistas galegos e galegas recoñecidos e recoñecidas segue batendo récords e chega xa a 1.256, sendo 481 mulleres (38%) e 775 homes (62%).

Arredor do 79% (993) de todos os recoñecidos son deportistas galegos de alto nivel (378 mulleres e 615 homes). Ademais, hai 102 deportistas de rendemento deportivo de base (49 mulleres e 53 homes); 101 deportistas de alto rendemento (33 mulleres e 68 homes); 33 técnicos de alto nivel (catro mulleres e 29 homes); 17 árbitras e xuízas (doce mulleres e cinco homes); e dez deportistas galegos de alto nivel vitalicios (cinco mulleres e cinco homes). Entre estes DGAN vitalicios atópanse algúns dos mellores deportistas de Galicia como Carlos Arévalo, Carlos Pérez ‘Perucho’, Teresa Portela e Cristian Toro (piragüismo), Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e Sofía Toro (vela), Adi Iglesias (atletismo adaptado), Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon) e Chano Rodríguez (natación adaptada). Cómpre salientar, asemade, que entre todas as categorías están recoñecidos 38 deportistas galegos con diversidade funcional, o número máis alto da historia (once mulleres e 27 homes).

Máis polo miúdo, as federacións deportivas con máis deportistas recoñecidos e recoñecidas son piragüismo (176), atletismo (97), taekwondo (82), fútbol (82), salvamento e socorrismo (81), remo (67), vela (63), patinaxe (59), halterofilia (35), tríatlon e péntatlon moderno (33) e natación (30).

Estas cifras acadadas polo deporte de alto nivel de Galicia débense por unha banda, ao traballo e ao incremento de nivel dos deportistas de Galicia nos últimos anos, así como ao novo decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020 que, ademais do deporte de alto nivel de Galicia, tamén recoñece o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.

Récord tamén nas axudas

Cómpre salientar tamén o ano 2023 que vén de rematar como un ano de récords no que respecta ás axudas para os deportistas galegos recoñecidos. No mes de outubro a Fundación Deporte Galego publicaba a resolución da convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel ‘Axudas DGAN 2023’. Estas axudas, convocadas no mes de maio contaban cun orzamento inicial de 500.000 euros e foron incrementadas ata preto dos 700.000 euros (680.940 euros), marcando un novo récord que supuxo un 12% máis que o exercicio de 2022, cando xa se había acadado o máximo histórico. En total, foron concedidas 445 axudas DGAN. Cómpre lembrar que, nesta edición 2023 volveuse optar polo modelo dunha única convocatoria para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas DGAN que tiveran o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2022 e 2023.

Neste 2024, a Fundación Deporte Galego reserva outros 600.000 euros para as axudas DGAN. Este xoves, de feito, publicarase a primeira resolución das axudas solicitadas ata o momento para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024 (os deportistas poden solicitar as axudas nesta liña ata o 30 de setembro).

Ademais, o ano pasado resolveuse a primeira convocatoria de axudas para persoas técnicas, adestradoras e persoas xuízas, árbitras galegas de alto nivel da historia -Axudas TAXAGAN 2023- que chegou a un total de 25 persoas beneficiarias -16 persoas técnicas/adestradoras e nove persoas xuízas/árbitras- cun total de 45.500 euros, o que representa un incremento do 52% do seu orzamento inicial que era de 30.000 euros.

Categorías: Deportes

Lete destaca a aposta da Xunta polo pádel e as súas infraestruturas, que consegue traer a Galicia os mellores eventos do mundo como o A1 Tour

Ven, 28/06/2024 - 15:52

Dende 2009, a Federación Galega de Pádel pasou de ser a vixésimo novena federación galega en número de licenzas con 1.482 a ser hoxe a sexta con maior número de licenzas con 9.427



Pontevedra, 27 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe da inauguración oficial da primeira edición do A1 Pádel Galicia Open dentro do A1 Pádel Tour que se está a celebrar dende este luns en Pontevedra. O mandatario galego destacou o papel de España como o país europeo con maior número de pistas e de clubs de pádel e, dentro deste contexto, lembrou a aposta decidida da Xunta de Galicia polas infraestruturas de pádel enumerando algúns dos concellos galegos nos que se levaron a cabo estas instalacións como A Cañiza, Ponteceso, Riotorto, Sober, Salvaterra, Soutomaior, Begonte, Portomarín, Portas, Pazos de Borbén, Salvaterra de Miño, A Baña, Mañón, Antas de Ulla ou Pereiro de Aguiar.

Lete Lasa sinalou a importancia deste impulso porque dende 2009, a Federación Galega de Pádel pasou de ser a vixésimo novena federación galega en número de licenzas con 1.482 a ser hoxe a sexta con maior número de licenzas con 9.427, tan só superada por fútbol, caza, golf, baloncesto e balonmán.

O secretario xeral salientou tamén como un feito chave para a evolución do deporte en Galicia que os mellores concursos internacionais queiran vir á nosa comunidade como o foi o caso do mellor circuíto do mundo, o World Padel Tour, que tivo dez eventos en Galicia nas cidades da Coruña (2013, 2015, 2016 e 2017), Lugo (2018 e 2021) e Vigo (2019, 2021, 2022 e 2023). Deste xeito, Lete Lasa agradeceu ao A1 Pádel Tour, que conta, dende 2020, co ambicioso obxectivo de converterse no circuíto mundial máis prestixioso do mundo, que conte con Galicia para o seu calendario.

Con respecto á participación galega, o secretario xeral aplaudiu a gran competición de Martín Sánchez, Borja Yribarren e Daniel Blanco, que conseguiron meterse no cadro principal do campionato.

Categorías: Deportes

Lete Lasa sinala que Moaña será o epicentro do ciclismo galego ao acoller esta fin de semana ata sete campionatos de Galicia

Ven, 28/06/2024 - 15:50

Destaca a participación de 200 ciclistas nestes Campionatos e sinala o nome de Alejandra Neira, do Club Ciclista Cambre, que con tan só 16 anos é líder da Copa de España de Estrada Feminina na categoría cadete



Moaña (Pontevedra), 25 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe o Campionato de Galicia de Ciclismo de Estrada que acollerá nesta fin de semana ata sete probas, dúas masculinas -cadete e júnior- e outras cinco femininas - cadete, júnior, sub-23, elite e máster 40- que servirán de antesala á celebración do Campionato de Galicia masculino elite e sub-23 que se celebrará a partir do vindeiro 23 de agosto, tamen en Moaña.

Lete Lasa destacou a participación de 200 ciclistas nestes Campionatos de Galicia e resaltou a importancia do ciclismo de base co que conta Galicia, sinalando o nome de Alejandra Neira, do Club Ciclista Cambre, que con tan só 16 anos é líder da Copa de España de Estrada Feminina na categoría cadete.

Nas súas verbas, o secretario xeral non quixo perder a oportunidade de falar sobre os próximos Xogos e lembrar aos ciclistas galegos que chegaron a ser olímpicos, como Gonzalo Aguiar nos Xogos Olímpicos de Seul 88 e José Enrique Porto Lareo nos Xogos Paralímpicos de Londres 2012. Para estes próximos Xogos Olímpicos “contamos con Damián Ramos que tras sufrir un grave accidente en 2014 subiuse á bicicleta e ten todas as papeletas para ser o terceiro ciclista galego nuns Xogos e o segundo nos Paralímpicos”.

O secretario xeral para o Deporte, aproveitou para destacar o bo momento polo que pasa o ciclismo galego, “é sen dúbida, referente nacional e internacional e probas como a deste sábado poñen de manifesto a gran paixón que existe en Galicia polo ciclismo”, lembrando que “as licenzas totais aumentaron nun 400% e as femininas case un 500% dende 2009”.

 

Categorías: Deportes

Nicolás Bellas semifinalista no Campionato de España MAPFRE de Tenis Cadete 2024

Xov, 27/06/2024 - 10:53

Gran resultado de Nicolás Bellas Panadero no Campionato de España MAPFRE de Tenis Cadete 2024, logrando chegar ás semifinais na modalidade individual e final de dobres.





Nicolás venceu a Platón Tsarenko 7-5 6-1, a Borja Vila De Luis 7-5 6-3, a Alejandro Hernández Ramada 6-7(1) 7-5 7-5 e a Marc Navarro Gamundi (Q) en cuartos de final con resultado de 1-6 6-2 7-5. En semifinais perdeu ante o xogador que se proclamou Campión de España Cadete 2024, Tito Roberto Chávez Gladkova.

Nos dobres masculinos enfrontáronse en semifinais dous xogadores galegos, Nicolás Bellas facendo parella con M.Villar Uria e Andrés Pereiro con R. Pérez Socas. A vitoria foi para Bellas e Villar cun resultado de 3-6 6-3 [13-11]. Levaron o trofeo de subcampións ao perder na final ante T. Chavez Gladkova e E. Gonzalez Ollich.

Outros resultados dos/as xogadores/as galegos/as nos cadros finais:

  • Andrés Pereiro Lopez derrotou a Oriol Álvarez Velis por 6-3 e 6-3 na primeira rolda e perdeu ante Alejandro Hernandez Ramada na segunda.
  • No cadro principal de xogadoras, derrota das galegas: Carlota Souto Piñeiro ante a cabeza de serie número 8, Lucía Rodríguez Domínguez 6-0 6-3 e Noa Pena Paz ante Chloe Rius Bertran 6-1 6-1.

O técnico galego Ricardo Álvarez Pérez acompañou aos xogadores galegos.

Ligazóns
Categorías: Deportes

A Xunta colabora un ano máis no Rompetiño Jump que xa é unha cita ineludible no panorama urbano nacional e mesmo internacional

Lun, 24/06/2024 - 18:15

O secretario xeral para o Deporte destaca que todos os seus eventos deportivos son de disciplinas olímpicas polo que “o festival contribúe a renovar a lista de olímpicos galegos e galegas que medra cada ano”



Porto do Son (A Coruña), 24 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron na presentación da oitava edición do Rompetiño Fest que vén contando coa colaboración da Xunta de Galicia nos últimos anos.

Lete Lasa lembrou as principais competicións deportivas do Rompetiño -basket 3x3, break dance, BMX e skate- apuntando que son todas elas disciplinas olímpicas e salientou a importancia de deportistas galegos como a skater Julia Benedetti, que estará en París nos seus segundos Xogos; os baloncestistas Marta Canella e Carlos Martínez que están nas seleccións nacionais de 3x3; a ciclista Ainoa Posada, campioa de España infantil de pump track; así como o b-boy David Amor e a b-girl Alicia Babarro, campións de España de break dance sub 21 e júnior, respectivamente.

O secretario xeral asegurou que a consolidación deste festival propicia que Galicia conte cunha “mocidade activa e saudable e que, no futuro, poidamos renovar a lista de olímpicos galegos e galegas que cada ano medra en número e en éxitos”.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, anunciou que o Rompetiño repite este ano como cita asociada á marca FEST Galicia, a través da que a Xunta apoia festivais con características singulares e diferenciadoras que achegan un valor engadido á experiencia musical.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude subliñou a excelente engrenaxe entre a faceta deportiva e a musical na programación do Rompetiño, así como a súa especial conexión coa xuventude e co territorio, contrubuíndo deste xeito á diversidade e descentralzación da oferta cultural galega.

 

Categorías: Deportes

Lete anima á selección feminina de hóckey, adestrada polo ourensán Carlos García, a conseguir o ouro en París, lembrando o éxito de 1992 da man de José Brasa

Lun, 24/06/2024 - 10:32

Destaca a aposta que a Xunta está a facer polo hóckey como demostra a posta en marcha do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Hóckey o pasado 2021 no campo de Mariñamansa




Ourense, 22 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou á selección española feminina de hóckey que estivo concentrada no campo de Mariñamansa na pasada semana con motivo da preparación dos vindeiros Xogos Olímpicos de París. A selección é adestrada polo ourensán Carlos García Cuenca, feito que o secretario xeral aproveitou para animar á selección a acadar a medalla de ouro na cita parisina, lembrando que “o fito máis grande do hóckey nacional, a medalla de ouro en Barcelona 92 foi conseguida precisamente por outro grupo excelente de mulleres adestradas por outro galego, José Brasa”.

Lete Lasa destacou a aposta que a Xunta de Galicia está a facer polo hóckey como demostra a posta en marcha do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Hóckey o pasado 2021 neste mesmo campo de Mariñamansa. O NADE está composto por 150 rapaces e rapazas sub14, sub16 e sub18 que traballan na tecnificación baixo as ordes de 14 adestradores.

O mandatario galego lembrou algúns dos nomes propios do hóckey galego como os das irmáns Piñeiro -Olalla e Rebeca-, Xurxo Cid, Antón Parente, Manu Prol ou outras que veñen pisando forte como Yurena Veloso, Adriana Dorribo, Lucía Lamelas ou Carlota Álvarez, que xa desfrutou dalgunha convocatoria coa selección absoluta.

Categorías: Deportes

Lete recibe no Obradoiro ao piloto Gerard Farrés tras percorrer 1.700 km en cinco días monte a través dende Cataluña patrocinado pola empresa galega TSR

Ven, 21/06/2024 - 17:52

Lembra a aposta polo motor e polos pilotos galegos que compiten no Dakar como Javier Campos, Edu Iglesias, Fran Gómez-Pallas ou Ricardo Ramilo que neste 2024 estiveron patrocinados pola Xunta




Santiago, 21 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu hoxe na Praza do Obradoiro ao piloto de motociclismo Gerard Farrés e ao seu patrocinador e xerente da empresa galega TSR Group, Samuel Rico, que están a realizar unha ruta monte a través dende Cataluña ata Galicia, completando 1.700 quilómetros en cinco días.

Gerard Farrés é un piloto de motociclismo español de enduro e rally raid, entre os cales se atopa o Rally Dakar que rematou en 17 ocasións conseguindo tres podios: en 2017 foi terceiro en motos e en 2019 e 2022 foi segundo na categoría SSV.

Lete Lasa lembrou a aposta que fai Galicia polo motor e nomeadamente polos pilotos galegos que compiten no Dakar. Na edición deste ano, 2024, Galicia contou con tres pilotos en motos: Edu Iglesias (78º), Javier Campos (102º) e Fran Gómez-Pallas que a pesar de caer na penúltima etapa, a organización entregoulle a placa de finisher. Ademais, Galicia tamén contou cun representante en SSV, Ricardo Ramilo (15º). Todos eles foron patrocinados pola Xunta de Galicia.

Categorías: Deportes

O parque acuático do Complexo Deportivo de Monterrei abre as súas portas ata o vindeiro 15 de setembro

Ven, 21/06/2024 - 17:48

O horario é de 12 a 21 horas cunha ocupación diaria máxima de 2.500 persoas


Santiago, 21 de xuño de 2024.- O parque acuático do Complexo Deportivo de Monterrei inaugurou no día de onte a súa tempada de verán de 2024 que se prolongará ata o vindeiro 15 de setembro. O horario de apertura será, como en anos anteriores, de 12 a 21 horas e cunha ocupación diaria máxima de 2.500 persoas.

Nesta nova campaña de verán, os usuarios poderán desfrutar da Fase 1 do parque acuático ao completo, estando dispoñibles as instalacións abertas en 2023 -piscina infantil, piscina de relax, de ondas ou a zona de splash- ás que se suman novos servizos como aparcadoiro, vestiarios, sendas peonís e zona de xogos para nenos así coma catro novas atraccións acuáticas: hidrotubos abertos e pechados e dous novos tobogáns.

Aa entradas pódense adquirir de xeito unitario ou en bonos de dez accesos. O prezo da entrada é de 4 euros, sendo 2 euros para os menores de 18 anos e gratuíta para os menores de 3 anos. O bono terá un custo de 30 euros e de 15 euros para os menores de 18 anos. As familias numerosas e as persoas con discapacidade terán un desconto do 50% e os grupos grandes tamén contarán con prezos bonificados. As entradas pódense adquirir fisicamente no Complexo de Monterrei ou a través da aplicación en liña da páxina web do Complexo de Monterrei.

Categorías: Deportes

Lete Lasa presenta o Campionato de España Sub18 non que se xuntarán medio milleiro de atletas para estrear a renovación dá pista do CGTD

Xov, 20/06/2024 - 17:44

O secretario xeral aplaude os resultados da delegación galega nos Europeos de Roma e apunta que Galicia aspira a ter sete atletas nos Xogos de París sendo “o mellor espello no que se miran os nosos mozos e mozas”



Pontevedra, 20 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou esta mañá o X Campionato de España Sub18 de Federacións Autonómicas de Atletismo que terá lugar o vindeiro sábado 22 de xuño na pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva coa participación de medio milleiro de mozos e mozas, entre os que se atopan unha vintena de atletas galegos.

O secretario xeral para o Deporte, salientou o gran papel da delegación galega no Campionato de Europa de Atletismo en Roma e subliñou que Galicia aspira a ter sete atletas nos vindeiros Xogos de París entre os que destacou a Ana Peleteiro no triplo salto, Adrián Ben nos 800 metros, Belén Toimil en lanzamento de peso, Yulenmis Aguilar en lanzamento de xavelina, Esther Navarrete e Tariku Novales en maratón, así como Antía Chamosa en marcha. Neste sentido, Lete Lasa nomeou a algúns dos atletas galegos que participarán neste Campionato de España sub18 como Celia Castro nos 800 metros, Sabela Martinez en 3.000 e 5.000 metros, Lara Iglesias en xavelina ou Eloy Acuña en lanzamento de peso, e salientou que “o día de mañá serán eles os que estean loitando por ir a uns Xogos Olímpicos”.

Lete Lasa, destacou a última actuación realizada pola Xunta na pista de atletismo do CGTD, que tivo un importe de máis 350.000 euros e que posibilitou a renovación do pavimento deportivo, perímetro dos fosos de salto horizontal e equipo de video finish. O secretario xeral subliñou a aposta da Xunta polas infraestruturas de atletismo nos últimos anos que posibilitou pasar “do momento máis baixo de licenzas, en 2012 con 4.300, a un dos momentos máis altos con preto de 11.000 en 2022”. Ademais, Lete Lasa apuntou que o atletismo é un dos deportes onde destaca a paridade de sexos nas licenzas deportivas, tanto en idades temperás como en absolutas.

 

 

Categorías: Deportes

Lete Lasa destaca o Rallye Recalvi Rías Baixas como o máis lonxevo de Galicia que este ano volve ocupar o lugar que lle corresponde: "a elite nacional"

Xov, 20/06/2024 - 17:41

O Rallye Rías Baixas terá lugar os días 4, 5 e 6 de xullo e viaxará por numerosos concellos da provincia de Pontevedra



Vigo, 20 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe da presentación da 57 edición do Rallye Recalvi Rias Baixas, do que destacou a súa “singularidade e lonxevidade”, ao ser o rally máis antigo de Galicia coa súa creación en 1963. O mandatario galego destacou tamén que, neste 2024, o Rallye Rías Baixas recupera o lugar que lle corresponde na “elite nacional”, ao ser a segunda proba galega, xunto ao Rally de Ourense celebrado na pasada fin de semana, que puntúa na proba raíña do automobilismo nacional: o Súper Campionato de España de Rallyes de Asfalto, creado en 2019.

Neste sentido, Lete Lasa sinalou como o automobilismo galego saca músculo ao contar con nove probas nos calendarios nacionais: unha na Copa de Rallys de Asfalto -o Rallye Cidade de Narón-, outra no Campionato de Montaña -a Subida a Chantada-, dúas no Campionato de Autocross -Carballo e Arteixo-, outra no Campionato de Enerxías Alternativas -Eco Rallye A Coruña-, outra máis no Campionato de Vehículos Históricos -Rallye Rías Altas Histórico-, e as dúas xa nomeadas no Super Campionato: o Rally de Ourense e o Rías Baixas.

“O automobilismo en Galicia atópase nun dos seus mellores momentos e é parte fundamental do noso ADN” destacou o secretario xeral para o Deporte. Hoxe en día as licenzas creceron un 53% dende 2009, ata as 2.750, entre as que destacou que, “as femininas xa chegan a 350, polo que se multiplicaron por sete”.

O Rallye Rías Baixas terá lugar os días 4, 5 e 6 de xullo e viaxará por numerosos concellos da provincia de Pontevedra.

Categorías: Deportes

Rematou o MT100 Nigrán – V Torneo ITF Senior Atobeira Clay Tennis&Beach

Lun, 17/06/2024 - 10:38

Un gran número de xogadores galegos conseguiron subir ao podio da V edición do MT100 Nigrán – V Torneo ITF Senior Atobeira Clay Tennis&Beach



Esta é a lista de campións:

Probas individuais:

  • Campión +30 – Xesús Santomil Borrajo
  • Subcampión +30 – Alejandro Abel Pérez Tieso
  • Campión +40 – Pablo Romero
  • Subcampión +40 – Julian Besteiro Álvarez
  • Campioa +40 – Inés Carvalho (POR)
  • Subcampioa +40 – Luzia Elaine Galdeano Aranha (POR)
  • Campión +45 – Jose M. Paneda Rodríguez
  • Subcampión +45 – Antón Díaz
  • Campión +50 – Luis Jose Ordieres Canal
  • Subcampión +50 – Juan Outeiriño Romero
  • Campioa +50 – Rocio Alcazar Toribio
  • Subcampioa +50 – Olga Fernández Castiñeiras
  • Campión +55 – Abel Mario Rodríguez Rubio
  • Subcampión +55 – Luis Ruiz
  • Campión +60 – Serafín Afonso Baña
  • Subcampión +60 – Jose M. García Fariña
  • Campión +65 – Pablo González Tenorio
  • Subcampión +65 – Jose Manuel Vales Ponte
  • Campión +70 – Florentino Pérez
  • Subcampión +70 – Carlos Lago Alonso

Probas de dobres:

  • Campións dobres +35 – Luis Correia (POR) / Jorge Mauricio (POR)
  • Subcampións dobres +35 – Yago González Suarez / Jacobo Núñez Piñeiro
  • Campión de dobres mixtos +35 – Sonia Marques (POR) / Luis Correia (POR)
  • Subcampións dobres mixtos +35 – Inés Carvalho (POR) / Jorge Mauricio (POR)
  • Campeóns dobres +45 – Luis Jose Ordieres Canal / Andrés Riveiro Sestelo
  • Subcampións dobles +45 – Ivan Lima / Ricardo Vigon
  • Campións dobres mixtos +45 – Laura Ruiz / Luis Jose Ordieres Canal
  • Subcampións dobres mixtos +45 – Luzia Elaine Galdeano Aranha (POR) / Pedro Vitorino (POR)
  • Subcampóns dobres +55 – Pablo Acción Badia / Juanma Martínez Mateos
  • Subcampeóns dobres +55 – Jose Gilberto Santos Gilbertinho (BRA) / Diogo Junior (BRA)
  • Campións dobles +65 – Pablo González Tenorio / Jose Manuel Vales Ponte
  • Subcampións dobles +65 – Juan-Carlos Alves-Fernández / Jaime Loureiro Villar
Ligazóns
Categorías: Deportes

Lete Lasa lembra a figura de Paco Amoedo como “o pai dun boxeo galego de todas e de todos” e entrega o cinto honorífico da WBC a Simón González

Ven, 14/06/2024 - 20:21

Destaca a importancia do boxeo e o deporte en xeral como ferramenta de loita contra a discriminación e fomento da inclusión en todos os ámbitos, “axudar aos demais, é o estilo de vida máis activo e saudable que se pode ter”


A Coruña, 14 de xuño de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta tarde na apertura do primeiro taller de boxeo inclusivo celebrado na Coruña nas instalacións da INEF. No acto, organizado pola Federación Galega de Boxe, Lete Lasa entregou o cinto honorífico da WBC (Consello Mundial de Boxeo) a Simon González, trece veces campión do mundo en full contact e destacou que, “a pesar do accidente de 2014 que lle provocou unha paraplexía, segue a ser un referente no boxeo mundial e un gran exemplo de superación”.

Durante o acto de inauguración, o secretario xeral lembrou a figura de Paco Amoedo, falecido recentemente tras unha longa enfermidade e cuxo legado “está hoxe máis vivo que nunca” xa que foi el quen creou “un boxeo galego para todos e para todas”. Proba disto foi o inmenso número de boxeadores que pasaron polas súas mans e cos que conseguiu 65 títulos nacionais, 33 do mundo hispano, nove intercontinentais, tres da Unión Europea e tres europeos. Grazas a el, o boxeo galego conta con máis de 6.500 licenzas, cando en 2009 eran apenas 150.

Lete Lasa destacou a importancia que ten tanto o boxeo como o deporte como ferramenta de loita contra a discriminación e fomento da inclusión en todos os ámbitos, “axudar aos demais, é o estilo de vida máis activo e saudable que se pode ter”. En total serán 80 técnicos da federación os que se formarán neste taller gratuíto de boxeo inclusivo que contará coa proxección de vídeos, seminarios, mesas redondas e adestramentos conxuntos coa selección galega nos que poderán participar quen queira independentemente da súa condición. Ata o momento, a federación galega xa ten realizado campionatos de diversidade funcional, coa participación de mozas e mozos con discapacidades físicas e psíquicas, pero este taller quere dar un paso máis e adaptar o boxeo para que as persoas en cadeira de rodas tamén se poidan subir a un ring.

Categorías: Deportes

Comezan as xornadas formativas gratuítas sobre o ‘Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte a violencia no deporte’

Xov, 13/06/2024 - 14:02

O secretario xeral para o Deporte destaca a importancia de “erradicar calquera tipo de violencia” na primeira xornada na que participaron unhas 80 persoas co obxectivo de formarse como delegados das súas entidades para a protección dos nenos, nenas e adolescentes



Santiago, 10 de xuño de 2023.- O secretario xeral para o deporte, Jose Ramón Lete Lasa, inaugurou esta mesma tarde na Escola Galega de Administración Pública a primeira xornada formativa, sobre a aplicación en nas entidades deportivas galegas do ‘Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte a violencia no deporte’.

Esta primeira xornada contou con ao redor de 80 persoas de clubs e federacións deportivas, así como agrupacións deportivas escolares galegas, co obxectivo de formarse como a persoa delegada das súas entidades para a protección dos nenos, nenas e adolescentes. En total serán preto de medio milleiro de persoas que participarán nas xornadas formativas gratuítas que se desenvolverán ao longo das sete grandes cidades galegas: Vigo 12 de xuño; A Coruña 13 de xuño; Lugo 19 de xuño; Ourense 26 de xuño; Pontevedra 9 de xullo; e Ferrol 10 de xullo. Actualmente segue aberto o prazo de inscrición.

O mandatario galego, informou que no ano 2022 reportáronse un total de “150 casos de violencia que abarcan desde o abuso físico ata o abuso sexual, violencia psicolóxica, bullying ou presión excesiva”. Lete Lasa lembrou que o deporte é, ademais dunha actividade física, é “un instrumento social, un lugar de encontro, un mecanismo de evasión, unha fonte de saúde, unha terapia psicolóxica e, para moitos, un medio de vida”. Deste xeito sinalou a necesidade de “erradicar calquera tipo de violencia, máxime nestas idades temperás” e puxo o acento en “prever as violencias e establecer canles de intervención e protección, convertendo as entidades deportivas como espazos seguros e libres de violencia, promovendo unha contorna de respecto e bo trato”.

Deste xeito nace o ‘Protocolo e protección de nenos, nenas e adolescentes fronte a violencia no deporte’ como unha medida pioneira en Galicia, de obrigado cumprimento para todos os centros que realicen actividades deportiva e extensible por tanto a todas as federacións e clubs. O protocolo foi aprobado este mes de xuño pola Xunta a través do Observatorio Galego de Familia e Infancia, este enmárcase na Lei Orgánica de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia. Para o desenvolvemento do protocolo, contouse coa colaboración da Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA).

Categorías: Deportes

Campionato Galego de Equipos Veteranas +50 2024

Xov, 13/06/2024 - 09:39

Rematou o Campionato Galego por equipos de Veteranas +50. As xogadoras do Casino Ferrolano foron as campioas, ¡parabéns!


Clasificación final:

1 CASINO FERROLANO TC puntos 12 2 REAL CLUB NÁUTICO VIGO puntos 10 3 CLUB DE TENIS RECREO CULTURAL puntos 8 4 CLUB FAMILY LOS TILOS puntos 6 5 CLUB SANTO DOMINGO puntos 4 6 C.DEP.DEREITO EMPRESARIAIS puntos 2 7 CLUB TENIS GONDOMAR puntos 0 Ligazóns
Categorías: Deportes


by Dr. Radut