Deportes
1.400 rapaces e rapazas participan no cros zonal Xogade da Estrada
O secretario xeral para o Deporte destaca o crecemento dun programa que, na temapda pasada, chegou aos 148.000 nenos e nenas mutualizados, o 60% de todos os escolares galegos entre os 6 e os 16 anos
A Estrada (Pontevedra), 15 de novembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu na mañá ao cros zonal da Estrada que tivo lugar na contorna das piscinas municipais. Esta competición vén ratificar o auxe que está a vivir o deporte federado e escolar en Galicia para os nenos de entre 6 e 16 anos inscritos no programa Xogade cunha participación de 1.400 rapaces e rapazas de cursos dende 2º de Educación Primaria ata 3º de ESO. Os centros educativos representados foron o CPI Aurelio Marcelino Rey García, o CEIP Plurilingüe de Oca, o CEIP Manuel Villar Paramá, o IES Manuel García Barros, o CEIP Figueroa, o CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes, o CEIP Cabada Vázquez, o CEIP Pérez Viondi, o IES Avelina Valladares, o CPI Santa Lucía de Moraña, o CEIP do Foxo e o IES Antón Losada Diéguez.
Lete Lasa destacou a importancia de instaurar hábitos saudables que perduren para toda a vida nos más cativos e subliñou o gran crecemento que está a vivir o Xogade ata acadar, na fin da tempada 2023-2024 o máximo histórico de nenos e nenas mutualizados cun total de preto de 148.000 escolares, o que representa o 60% de todos os galegos e galegas escolarizados nas idades de entre 6 e 16 anos. Ademais, o secretario xeral destacou a inclusión e a igualdade dun programa que adapta todo o necesario para garantir a participación de todas as persoas incluíndo as que teñan algunha diversidade funcional e que conta, na actividade escolar, cun 48% de nenos e un 52% de nenas.
O Xogade oferta 16 modalidades na actividade deportiva escolar -atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, cross, duatlón, encontros multideportivos, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo- e conta con 39 federacións adheridas. Tamén inclúe outras propostas arredor do deporte: ‘Coñece o meu club’, para poñer en contacto a centros escolares con clubs deportivos da súa contorna; ‘Xogando coa auga e co vento’, que proporciona bautismo en deportes acuáticos como o surf, o piragüismo, o remo ou a vela; e ‘Xogos tradicionais e populares’, para fomentar o seu arraigo na poboación escolar. A Secretaría Xeral para o Deporte asume un gasto de 4 millóns de euros anuais entre o seguro deportivo escolar, contrato de transporte para os escolares que participan no Xogade, convenios coas agrupacións deportivas escolares e outros gastos organizativos.
A Secretaría Xeral para o Deporte continúa as súas xuntanzas bilaterais coas federacións deportivas de Galicia
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, continúa a súa rolda de xuntanzas cos responsables das federacións deportivas de Galicia no tocante á planificación da tempada 2024-2025. Se a semana pasada foi a quenda das federacións deportivas de vela, remo, piragüismo, atletismo e ximnasia, desta volta tiveron lugar as reunións de traballo cos representantes das federacións de taekwondo, loita, judo, natación e bádminton.
Nestas xuntanzas a Secretaría Xeral para o Deporte analiza cos seus socios federativos o marco orzamentario para 2025 que se prevé que incremente o consignado en 2024 e 2023, anos nos que se acadou o récord de 5 millóns de euros para os convenios coas federacións. Cómpre salientar tamén, dentro das grandes liñas de actuación, o proxecto de conversión do actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva nun centro integrado de Alto Rendemento e Tecnificación para o que contará cunha ampliación cara Cernadiñas Novas e que, como indicou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en sede parlamentaria, conta con medio millón de euros reservados no orzamento de 2025 para o inicio do mesmo.
Grandes resultados de Aranai Martínez en Silla e Villena
Aranai Martínez acadou moi bos resultados nos últimos torneos internacionales junior celebrados en Silla e Villena.
No J30 de Silla logrou ser finalista de dobres coa ucraína Mariia Koziar e na proba individual logrou chegar aos cuartos de final, perdendo ante Adraina Monlleo Ramos, xogadora que logrou o título de campioa do torneo.
No J30 de Villena foi finalista de dobres con Irene Vigara Ramos e na categoría individual perdeu en semifinais ante a coreana Ha Yoon Son, que logo logrou o título de campioa.
Ligazóns
Lete convoca ás 59 federacións para analizar o orzamento e avanzar os grandes proxectos como o novo centro de Alto Rendemento e Tecnificación
O novo centro permitirá dar resposta o espectacular crecemento do alto nivel en Galicia, que xa conta con 1.335 deportistas recoñecidos
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu no serán de hoxe unha reunión de planificación da nova tempada coas 59 federacións deportivas galegas. En primeiro termo, o mandatario galego analizou cos presidentes e responsables federativos o marco orzamentario para 2025 que se prevé que incremente o consignado en 2024 e 2023, anos nos que se acadou o récord de 5 millóns de euros para os convenios coas federacións.
Ademais, Lete Lasa debullou o proxecto de conversión do actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva nun centro integrado de Alto Rendemento e Tecnificación para o que contará cunha ampliación cara Cernadiñas Novas e que, como indicou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en sede parlamentaria, conta con medio millón de euros reservados no orzamento de 2025 para o inicio do mesmo. Segundo Lete Lasa, o novo centro permitirá dar resposta o espectacular crecemento do alto nivel en Galicia, que xa conta con 1.335 deportistas recoñecidos, así como atraer o alto nivel de fóra de Galicia con apoio ás federacións nacionais ou acadar un maior, e necesario, financiamento do Estado. Dentro dos grandes proxectos, o secretario xeral tamén destacou o Plan Corresponsables que xa vai pola súa terceira edición e que, grazas a axuda de todas as federacións, está a ser un rotundo éxito.
Outros asuntos tratados na reunión foron a problemática xurdida polos convenios de integración entre as federacións nacionais e galegas á que está intentando dar resposta a Secretaría Xeral en comunicación co CSD; os avances no decreto do seguro deportivo; as cuestións de coordinación e ordenación do litoral; e as reunións bilaterais entre das federacións deportivas coa Secretaría Xeral que comezarán mañá mesmo con Atletismo, Piragüismo, Remo, Vela e Ximnasia.
Lete Lasa perfila cos representantes das federacións española e galega de deporte adaptado o primeiro campionato nacional de atletismo para persoas con discapacidade intelectual
Ourense, 5 de novembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo unha xuntanza de traballo cos responsables das federacións española e galega de deporte adaptado, na que se avanzou no primeiro Campionato de España de Atletismo Short Track FEDDI (Federación Española de Deportes para persoas con Discapacidade Intelectual), que tería lugar na pista de atletismo de Expourense os vindeiros 8 e 9 de febreiro de 2025.
Xunta e Deputación avanzan na mellora das infraestruturas deportivas da provincia de Ourense
Ourense, 5 de novembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo onde exploraron novas vías de colaboración para a mellora da situación deportiva da provincia.
Ademais, con respecto ás infraestruturas deportivas, avanzaron na xestión e vindeiras actuacións do Parque Acuático de Monterrei que nesta tempada de verán recibiu preto de 100.000 usuarios.
De la Puente gaña o seu 7º Máster Nacional
O vigués Martín De la Puente foi campión do XXVII Máster Nacional «OPEN ONAT Foundation» 2024.
Este é o seu 7º título de campión nesta competición, o 6º consecutivo.
Na final, celebrada no Complex Esportiu Municipal de Les Franqueses del Vallés (Barcelona), Martín venceu ao madrileño Daniel Caverzaschi cun resultado de 6-2 6-4.
LigazónsLete destaca o crecemento do taekwondo galego que tamén se beneficiará da conversión do CGTD nun centro integrado de tecnificación e alto rendemento
Destaca o incremento do número de deportistas galegos de alto nivel que fai que a de taekwondo sexa a quinta federación con maior número (83) despois de piragüismo, atletismo, salvamento e socorrismo e fútbol
Pontevedra, 28 de outubro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Open Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo organizado polo club Mace Sport e a Federación Galega de Taekwondo coa colaboración da Xunta de Galicia e que terá lugar os vindeiros 1, 2 e 3 de novembro no Pavillón Municipal de Pontevedra. Alí, o mandatario galego destacou o crecemento exponencial do taekwondo galego nos últimos anos que, con 13 deportistas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, será un dos deportes beneficiados da ampliación do centro en Cernadiñas Novas para a posterior conversión nun centro integrado de tecnificación e alto rendemento, segundo anunciou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a semana pasada no Parlamento de Galicia.
Lete Lasa sinalou algunhas cifras que falan deste crecemento do taekwondo galego como o recoñecemento do Núcelo de Adestramento Deportivo Especializado do Natural Sport Videlgi, que vén de inaugurar as súas instalacións en Ribeira; o incremento do número de deportistas galegos de alto nivel que fai que a de taekwondo sexa a quinta federación con maior número (83) despois de piragüismo, atletismo, salvamento e socorrismo e fútbol; ou o crecemento das licenzas, pasando de 4.500 en 2009 a máis de 7.500 a día de hoxe.
O secretario xeral subliñou a importancia dun torneo como o Open Internacional Cidade de Pontevedra que tamén contribuíu ao crecemento do taekwondo galego nestes últimos anos traendo a Galicia aos mellores medallistas internacionais. Nesta ocasión serán ao redor de 1.500 competidores que participarán nas modalidades de combate e pumses para converter a Pontevedra, de novo, na capital mundial do deporte e, en particular, do taekwondo.
Nas súas verbas, Lete Lasa quixo lembrar á figura de Pablo Hinójar, adestrador de ximnasia do CGTD falecido esta fin de semana ao que definiu como “unha persoa esencial no deporte galego, na tecnificación e, por suposto na ximnasia” que dedicou a súa vida ao deporte e que, xunto a Melania Rodríguez, acadou os maiores éxitos da ximnasia galega como a tripla coroa -Europeo, Mundial e Xogos Mundiais- en dobre mini tramp.
Jéssica Bouzas non puido vencer a Carolina Dolehide nos cuartos de final do WTA 250 Guangzhou Open
Jéssica Bouzas conseguiu o seu mellor resultado nun torneo WTA 250, chegando aos cuartos de final do Aberto de Guangzhou en China.
Tras vencer en oitavos de final á xogadora china Han Shi cun resultado de 6-3 e 6-4, a pontevedresa enfrontouse este venres a Caroline Dolehide.
Jéssica perdeu ante a norteamericana nun partido que durou case dúas horas e que se decidiu no terceiro set 6-4 4-6 6-0.
LigazónsLete Lasa subliña a importancia da vela de base no Meeting Internacional de Optimist que clausura a XXV Semana do Atlántico
Destaca a aposta da Xunta pola vela entre os máis novos como demostra o Programa Xogade coas actividades dos servizos provinciais na promoción da vela e a iniciativa ‘Xogando coa auga e co vento’
Vigo, 22 de outubro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Meeting Internacional de Optimist que clausurará a XXV Semana do Atlántico e que contará con dúas probas, por unha banda o X Trofeo Cidade de Viana do Castelo, do 25 ao 27 de outubro, e, pola outra, o 49º Trofeo Martín Barreiro, que forma parte do circuíto da Excellence Cup de Optimist, do 31 de outubro ao 3 de novembro.
Lete Lasa subliñou a importancia do Optimist, un veleiro de tamaño idóneo para os regatistas máis novos e o único aprobado pola Federación Internacional para menores de 16 anos. Neste sentido, lembrou como en 1970, no primeiro Campionato Galego de Optimist, celebrado en Baiona, dous rapaces de 13 e 11 anos, respectivamente, quedaron campión e subcampión, converténdose, co paso do tempo, en “patrimonio universal da vela galega”. Eles eran os irmáns De la Gándara: José e Javier.
O secretario xeral destacou tamén a aposta da Xunta pola vela entre os máis novos como demostran varias actividades do Programa Xogade. Por unha banda, as actividades dos servizos provinciais na promoción da vela e, pola outra, o ‘Xogando coa auga e co vento’, un achegamento dos escolares ao mar e ao río mediante o bautismo de distintos deportes acuáticos como o surf, o piragüismo, o remo ou a vela. Entre ambas actividades chégase a un total dun milleiro de rapaces e rapazas por tempada.
Lete Lasa destacou o traballo, asemade, do Real Club Náutico de Vigo, “un histórico da vela galega” e tamén no impulso á vela de base e gabou a traxectoria da Semana do Atlántico que cumpre medio século de edicións “enchendo a Ría de Vigo de competicións da mellor vela do mundo en todas as súas categorías”.
Lete reivindica o ‘Deporte para toda a vida’ tras o ouro individual e por equipos de Jordi Carrasco na categoría M50 do Mundial de Maratón en Romanía
Ten un recoñecemento especial para Jorge Crespo que acadou outro fito para Galicia coa medalla de prata na categoría Máster 40
Moraña (Pontevedra), 16 de outubro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na recepción realizada ao atleta galego Jordi Carrasco que vén de proclamarse campión do Mundo individual e por equipos, coa selección española, na categoría Máster 50 do Mundial de Maratón celebrado en Romanía.
O mandatario galego serviuse do exemplo de Jordi para reivindicar o ‘Deporte para toda a vida’ que é o lema do Plan ‘Galicia Saudable’ e asegurou que “máis aló da etapa absoluta tamén se poden conseguir grandes fitos”. Neste sentido, lembrou os nomes dalgúns dos medallistas internacionais galegos no atletismo en idades máis experimentadas dos últimos anos como Esther Pedrosa, Juan Manuel Morales, Pablo Fervenza ou o propio Jordi Carrasco que xa foi bronce no Campionato de Europa Máster de Pescara. Lete Lasa tamén tivo un recoñecemento especial para Jorge Crespo que no Mundial de Romanía acadou outro fito para Galicia coa medalla de prata na categoría Máster 40.
O secretario xeral asegurou que “o ímpeto deportivo de Jordi, que comezou a correr hai tan só oito anos e hoxe é campión do mundo, é o que queremos que se contaxie por toda Galicia”.
Varios galegos soben ao podio do ITF MT200 Estepona – XIII Bel-Air ITF “Costa del Sol”
Numerosa representación de xogadores galegos no ITF MT200 Estepona – XIII Bel-Air ITF “Costa del Sol”, disputado do 9 ao 12 de outubro no Bel Air Tennis Club de Estepona (Málaga).
Destacamos os resultados de:
- Yago González Suárez (Club Tenis A Tobeira) que foi campión +35.
- José Luis Ordieres Canal (Club Tenis A Tobeira) que foi finalista +50 e finalista de dobres +45.
- Jose Luis Padín Núñez (Círculo Cultural e Deportivo Sanxenxo) finalista na categoría +65.
Outros resultados dos nosos xogadores:
- Javier Méndez Varela (Club Tenis A Tobeira) perdeu en cuartos de final na categoría individual +55 tras pasar unha rolda.
- Serafín Afonso Baña (Real Sociedad Deportiva Hípica) caeu nas semifinais de individual +60 tras gañar ao cabeza de serie número 4.
- José Manuel Vales Ponte (Real Club Tenis Coruña) logrou chegar ás semifinais de dobres +60 e perdeu en oitavos de final de individual +65.
Lete enxalza a Carreira Pedestre Popular de Santiago que, dende 1978, “é o emblema da democratización do deporte para todos e para todas”
Destaca o traballo dunha proba que, dende a súa primeira edición, abrazou a todo aquel que quixese participar: “mulleres, homes, alto nivel, amateur, absolutos, master e tamén, como non, os máis pequenos”
Santiago, 15 de outubro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da 45ª Carreira Pedestre Popular de Santiago que terá lugar o vindeiro 27 de outubro polas rúas de Compostela, organizada por El Correo Gallego co apoio da Xunta de Galicia. O mandatario galego subliñou como a proba “nacida o 22 e outubro de 1978, foi, é e será o emblema do deporte popular en Galicia nunha das maiores contribucións a democratizar a actividade física para todos e para todas”.
Na súa intervención, o mandatario galego fixo fincapé na igualdade que amosa o atletismo galego, que conta con preto de 7.600 licenzas federativas repartidas ao 50% entre homes e mulleres cunha paridade exacta. A este fito, dixo, contribúen as políticas da Xunta, que nos últimos anos fixo un especial esforzo en canto ás infraestruturas deportivas de atletismo, nomeadamente as pistas da USC, a pista de Cervo, a pista da AGASP, o módulo cuberto de Ribeira, o módulo do IFEVI ou a pista cuberta de Expourense que xa acolleu tres campionatos absolutos. Tamén destacou o traballo de eventos como a Carreira Pedestre que, dende a súa primeira edición, abrazou a todo aquel que quixese participar: “mulleres, homes, alto nivel, amateur, absolutos, master e tamén, como non, os máis pequenos”.
Deste xeito, Lete Lasa lembrou a foto das tres primeiras clasificadas na edición de 2018, composta por tres mulleres que veñen de disputar os Xogos Olímpicos de París nas súas diferentes disciplinas: Joselyn Brea, Ester Navarrete e Alice Finot. Asemade, tamén destacou que, a categoría para nenos de entre 10 e 17 anos, medra cada ano en participación grazas aos mozos que se inscriben a través de colexios públicos e privados, institutos, clubs e de forma individual desde numerosos puntos de Galicia. Con todo, o secretario xeral “animou a todo o mundo a anotarse na Carreira Pedestre para que, pouco a pouco, a participación se achegue e supere os 6.000 corredores que nalgún ano se citaron en Santiago”.
J200 Vigo Tennis Open
Rematou o Torneo Internacional Vigo Tennis Open 2024 no Complexo Deportivo de Samil.
Esta é a lista de gañadores/as:
- Campión: Oskari Paldanius (FIN)
- Finalista: Jamie Mackenzie (GER)
- Campioa: Eva Bennemann (GER)
- Finalista: Nellie Taraba Wallberg (SWE)
- Campións Dobres:: Nico Hopfl (AUT) / Tom Sickenberger (GER)
- Finalistas Dobres: Xavi Palomar (ESP) / Luka Talan Lopatic (SLO)
- Campioas Dobres: Charo Esquiva Banuls (ESP) / Nellie Taraba Wallberg (SWE)
- Finalistas Dobres: Eva Bennemann (GER) / Mariella Thamm (GER)
Lete Lasa ratifica o compromiso da Xunta co atletismo vigués e coas pistas de Balaídos no centenario do Real Club Celta de Atletismo
Destaca o papel de dous piares fundamentais do Celta Atletismo como Manuel de Castro, Hándicap, que fundou o club en 1924 e Alfonso Posada, que o refundou en 1950
Vigo, 11 de outubro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe da celebración dos cen anos do Real Club Celta de Atletismo, ‘O Noso Centenario’, nun acto no que estiveron presentes numerosos olímpicos do club celeste. Neste sentido, o mandatario galego destacou que, antes da creación da sección atlética do Celta, Galicia non contaba con ningún atleta olímpico e “hoxe xa son 35 os atletas galegos e galegas que suman medio centenar de participacións e éxitos”.
Lete Lasa lembrou aos atletas celtistas olímpicos ao longo da historia e tivo un recoñecemento especial para Carlos Pérez, Rogelio Rivas, Javier Álvarez ou Ramón Magariños as que definiu como catro tótems do atletismo vigués que dominaron este deporte nos anos 60 e sentaron as bases sobre as que camiñan todos os demais. Así, o secretario xeral destacou que, grazas ao traballo de todos, Galicia contou no atletismo destes Xogos Olímpicos de París con sete olímpicos, tres paralímpicos e dúas xuízas.
O responsable de Deportes insistiu, asemade, no papel de dous piares fundamentais do Celta Atletismo. Por unha banda, destacou á figura de Manuel de Castro, Hándicap, que fundou a sección de atletismo do Celta en 1924 tras o seu regreso dos Xogos Olímpicos de París. Pola outra, subliñou a importancia de Alfonso Posada que refundou o club de atletismo en 1950 tras uns anos sen actividade e adestrou aos primeiros celtistas olímpicos.
O secretario xeral para o Deporte resaltou o decidido apoio da Xunta ao atletismo galego e, nomeadamente, as súas infraestruturas como a pista da USC, a pista da AGASP, a primeira pista homologada na Mariña, a mellor pista cuberta de España en Ourense que xa acolleu tres campionatos absolutos ou o módulo cuberto en Ribeira, recentemente inaugurado. No caso de Vigo, lembrou a importancia da posta en marcha do módulo do IFEVI que permite que os atletas olívicos poidan adestrar todos os días do ano e urxiu ao alcalde a comezar, canto antes, a renovación das pistas de atletismo de Balaídos coas que a Xunta ratificou, unha vez máis, o seu férreo compromiso que data de 2014.
Lete Lasa asegura que a carreira de Rafa Nadal debe animar a todos os tenistas xuvenís e cadetes que pasarán por Sanxenxo a soñar con grandes metas
Entre os 120 participantes do Júnior, do 15 ao 20 de outubro, Galicia contará con cinco representantes: Aranai Martínez (Vigo), Carlota Souto (Vigo), Nicolás Bellas (A Coruña), Miguel del Castillo (A Coruña) e Yeray Quián (Santiago)
Sanxenxo (Pontevedra), 10 de outubro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do XXII Torneo Internacional ITF Júnior e o XVI Torneo Internacional Cadete Tennis Europe organizados polo Círculo Cultural e Deportivo de Sanxenxo. O mandatario galego enxalzou a figura do mellor tenista español e un dos mellores da historia, Rafael Nadal, no día do anuncio da súa retirada e asegurou que “a súa carreira debe animar a todos os tenistas xuvenís e cadetes que pasarán por Sanxenxo nestes días a soñar con grandes metas”. Neste sentido lembrou o paso de Rafa Nadal por Galicia, en 1998 e 1999 nun Campionato de España e no clasificatorio dun Europeo infantil, ambos no Club Bamio de Ourense, e en 2022 no Torneo Futures do Club de Campo de Vigo.
Lete Lasa destacou que ambos os dous torneos de Sanxenxo convertéronse, ao longo de todos anos, “en dous dos maiores trampolíns para o tenis de base” e lembrou que nestas pistas xogaron o gañador de catro Grand Slams, Carlos Alcaraz; a vilagarciá e número 61 do mundo, Jessi Bouzas; ou o vixente campión do US Open Júnior, Rafa Jódar, que gañou en Sanxenxo o ano pasado.
Lete Lasa subliñou a importancia dos eventos tenísticos que se organizan en Galicia e lembrou que, esta mesma fin de semana terá lugar o Internacional M15 de Pontevedra, o primeiro torneo ITF masculino que se disputa en Pontevedra, ou o Vigo Tenis Open 2024, un torneo xuvenil de Grao 2 que levará a cabo nas pistas de Samil. Ademais, lembrou a gran oferta de tenis feminino que no verán deixounos, por unha banda, o Torneo Internacional Feminino de tenis W50 celebrado no Club Santo Domingo de Ourense e, polo outro, o Torneo Internacional de Tenis Feminino Cidade de Vigo W35, apoiados pola Xunta de Galicia.
O ITF Júnior de Sanxenxo é un torneo xuvenil de Grao 1, o maior nivel posible, no que participan as 120 mellores raquetas -60 mozas e 60 mozos-. Entre todos eles, Galicia contará con cinco representantes como Aranai Martínez (Vigo), Carlota Souto (Vigo), Nicolás Bellas (A Coruña), Miguel del Castillo (A Coruña) e Yeray Quián (Santiago). A continuación do ITF Júnior, que terá lugar entre o 15 e o 20 de outubro, terá lugar o Internacional Cadete Tennis Europe.
Lete Lasa confía en que o Deportivo Liceo “reverdecerá os seus éxitos” nesta nova tempada que comenza coa Supercopa da Coruña
O secretario xeral para o Deporte destaca os nove metais acadados pola patinaxe galega nos World Skate Games de Italia dos que catro ouros foron conseguidos por deportistas galegos de hóckey patíns: Jacobo Copa coa sub 19, María Sanjurjo coa absoluta feminina e César Carballeira e Ignacio Alabart coa absoluta masculina
A Coruña, 4 de outubro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da OK Liga 24/25 e da Supercopa de España de Hóckey Patíns que terá lugar esta fin de semana no Pazo dos Deportes de Riazor. O mandatario galego enxalzou ao Deportivo Liceo e aos seus 43 títulos nacionais e internacionais que o converten no club máis laureado de Galicia, ao tempo que amosou a súa confianza en que nesta tempada “reverdecerá os seus éxitos” e pelexará por novos éxitos como a Copa do Rei de 2021, a Supercopa de 2021 ou a OK Liga de 2022.
Neste sentido, o responsable da carteira de Deportes destacou o excelente momento da patinaxe galega que vén de acadar nove metais nos World Skate Games de Italia. Destes nove metais, case a metade foron conseguidos por deportistas galegos de hóckey patíns, sendo todos eles medallas de ouro: a de Jacobo Copa coa selección sub 19, a de María Sanjurjo coa selección feminina absoluta, e as de César Carballeira e Ignacio Alabart coa selección masculina absoluta. Lete Lasa destacou, ademais o protagonismo galego nas finais dos mundiais de hóckey patíns xa que tanto Jacobo como María e César acadaron goles decisivos para as súas seleccións.
Estes éxitos, dixo o secretario xeral, permiten que, a Federación Galega de Patinaxe conte con máis do dobre das licenzas que tiña en 2009, chegando hoxe ás 5.840, sendo o 34% femininas. Con respecto ao alto nivel, Lete Lasa destacou o músculo galego enumerando os equipos galegos que compiten nas máximas divisións como o Liceo, na OK Liga; o Dominicos, na OK Liga Prata; o HC Coruña e o HC Raxoi na OK Liga Iberdrola; e o Berenguela, o Cambre e o Ponteareas na OK Liga Prata Feminina.
Lete Lasa destaca a importancia de que “a mellor deportista de SUP do mundo sexa muller e galega” na recepción a Espe Barreras
Destaca a “incrible carreira de Espe, que xa suma, coas tres medallas acadadas en Copenhague, nove medallas nos últimos catro mundiais, sendo seis de ouro e tres de prata”
Vigo, 1 de outubro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na recepción á deportista galega Esperanza Barreras, que vén de acadar tres metais -ouro en longa distancia, prata en carreira técnica e outro ouro por equipos- nos Campionatos do Mudo de Stand-Up paddle e paddleboard celebrados en Dinamarca. Lete Lasa destacou a “incrible carreira de Espe, que xa suma, coas tres medallas acadadas en Copenhague, nove medallas nos últimos catro mundiais, sendo seis de ouro e tres de prata”.
O secretario xeral fixo fincapé na orixe nigranesa de Espe, concello pontevedrés no que se atopa o Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Surf. Neste sentido, Lete Lasa destacou o nivel tanto de profesionais experimentados como Espe e tamén dos rapaces máis novos do NADE, advertindo que, “Galicia está en disposición de aspirar a ter algún representante olímpico nos Xogos de Brisbane 2032”. Dentro desta combinación dos deportistas absolutos asentados no alto nivel coa canteira que comeza a despuntar, Lete Lasa subliñou a importancia de que Espe tamén de desempeñe na formación de novos valores como fai no Club IMUA de Aguete cando está en Galicia.
O secretario xeral apuntou que é “moi importante” que nun deporte que ten un forte impacto nos máis novos, “a mellor deportista do mundo dunha das súas disciplinas sexa muller e sexa galega” xa que representa un aliciente para todos os nenos e nenas e contribúe a igualdade dunha federación que xa é das que conta cun mellor reparto entre sexos.
Martín De la Puente campión do Sardinia Open de Tenis en Cadeira
Martín De la Puente converteuse en campión individual e finalista de dobres do Torneo Internacional Sardinia Open.
Na primeira rolda gañou ao suízo Roger Baumann cun dobre 6-0 e en oitavos de final gañou 6-0 6-1 ao italiano Lorenzo Deglinnocenti. Eliminou en cuartos ao seu rival, o francés Geoffrey Jasiak, por 6-0 6-2 e en semifinais gañou 6-2 6-1 ao xaponés Takuya Miki.
Na final venceu facilmente cun resultado de 6-3 6-1 ao xogador francés Stephane Houdet.
Na proba de dobres Martín foi finalista xunto co belga Joachim Gerard. Perderon na final ante o seu compañeiro de selección Daniel Caverzaschi e Stephane Houdet, o resultado 6-4 6-0.
LigazónsA Liga Galega de Traiñeiras medra cada ano e despide a súa edición de 2024 con 25 embarcacións, tres categorías e 32 regatas
Recoñece o traballo da Asociación Liga Noroeste nesta nova edición e de todos os clubs e felicitou, nomeadamente, a Chapela, gañadora da Liga feminina; Cedeira, gañadora da Liga B, e Ares, gañadora da Liga A e que o ano que vén remará na máxima división nacional, a Euskolabel
Santiago, 28 de setembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na clausura da Liga Galega de Traiñeiras que vén de botar o pano a edición de 2024. Lete Lasa destacou a evolución dunha liga que comezou en 2003 con 16 embarcacións dunha única categoría masculina de dez regatas con moi pouca repercusión mediática e que, nestes 20 anos evolucionou a “unha competición de 25 embarcacións repartidas en dúas categorías masculinas e unha feminina que disputan 32 regatas e que, cada fin de semana, chega a todas as casas dos galegos e galegas grazas á nosa televisión”.
O responsable da carteira de Deportes recoñeceu o traballo da Asociación Liga Noroeste nesta nova edición e de todos os clubs e felicitou, nomeadamente, a Chapela, gañadora da Liga feminina; Cedeira, gañadora da Liga B, e Ares, gañadora da Liga A e que o ano que vén remará na máxima división nacional, a Euskolabel.
O mandatario galego destacou como as traiñeiras apareceron na cornixa cantábrica a finais do século XIX para, pouco a pouco, converterse nun elemento de competición deportiva cun “vigoroso ímpeto que perdura ata os nosos días”. Lete Lasa recordou como o asociacionismo chegou naquel 2003, primeiro coa fundación da Liga ACT tras o acordo alcanzado polos gobernos das comunidades de Asturias, Cantabria, Galicia e o País Vasco e, de xeito paralelo, a constitución da LGT que botou andar o 13 de xullo de 2003 coa disputa da Bandeira 25 aniversario Samertolameu e con gran protagonismo da Xunta que converteu a Bandeira Xunta de Galicia que viña celebrando regularmente na Liga Galega de Traíñas que coñecemos hoxe.
O secretario xeral destacou como ese apoio da Xunta de Galicia segue presente hoxe, xa que, ano tras ano, o pulo e o investimento da LGT ascende ata chegar aos 125.000 euros cos que contou nesta edición de 2024, preto dun 10% máis que anterior. Lete Lasa celebrou, ademais, o incremento xeral de todo o deporte do remo que, en 2009, contaba con algo máis de 1.500 licenzas federativas e hoxe esrá a piques de chegar ás 3.000, o que significaría duplicar aquel rexistro, contando ademais cun 40% de mulleres.
- 1
- 2
- 3
- seguinte ›
- última »