Skip to Content

Deporte Galego

Distribuir contido
Actualizado: hace 10 horas 50 min

O 60% dos rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos de Galicia xa participan no programa Xogade que vén de iniciar a súa 16ª edición

Xov, 05/09/2024 - 16:33

Na tempada 2023-2024 acadouse a cifra de preto de 148.000 escolares de entre 6 e 16 anos inscritos e de preto de 185.000 participacións


Santiago, 4 de setembro de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a Orde do 20 de agosto de 2024 pola que se convoca o programa Xogade (Xogos galegos deportivos en idade escolar), para o curso 2024/25, no que será a súa décimo sexta edición. O programa -que naceu na tempada 2009-2010 co obxectivo de promover a práctica da actividade física e deportiva e a apropiada utilización do lecer entre a poboación en idade escolar ao abeiro do Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia- conta, segue medrando en participación e xa acada o 60% de todos os escolares galegos inscritos, segundo os datos de finais da tempada 2023-2024 cando se contabilizaron preto de 148.000 escolares (147.740) de entre 6 e 16 anos dos 249.332 que hai en Galicia, o que supón un crecemento do 10% con respecto á campaña anterior. En total estes 148.000 escolares sumaron 184.509 participacións: 110.219 participacións na actividade deportiva federada e 74.290 participacións en actividade deportiva escolar.

No que respecta á oferta, o Xogade mantén as 16 modalidades na actividade deportiva escolar e as 39 federacións adheridas. Deste xeito, as disciplinas convocadas no marco da actividade deportiva escolar son atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, cross, duatlón, encontros multideportivos, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo. Pola outra banda, as 39 federacións deportivas galegas que están dentro do Xogade serán este ano: atletismo, bádminton, baile deportivo, baloncesto, balonmán, béisbol e sófbol, birlos, boxeo, caza, ciclismo, deporte autóctono, esquí náutico, fútbol, halterofilia, hípica, hóckey, judo e deportes asociados, karate e disciplinas asociadas, kickboxing e muay thai, kung-fu, loita e disciplinas asociadas, motociclismo, natación, orientación, pádel, petanca, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tríatlon e péntatlon moderno, voleibol, xadrez e ximnasia.

Unha tempada máis, o Xogade continuará apostando pola inclusión, adaptando todo o que sexa necesario para garantir a participación de todas as persoas incluíndo as que teñan algunha diversidade funcional. Esta igualdade non só se consegue grazas a inclusión daquelas persoas con diversidade, senón tamén en cuestión de xénero. A actividade deportiva escolar foi realizada na tempada 2023-2024 por un 52% de nenos e un 48% de nenas.

Seguro 6-16 gratuíto

Cómpre sinalar que a Xunta mantén a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os menores de entre 6 e 16 anos participantes, unha medida na que Galicia é pioneira, así como do transporte e a participación nas actividades. Favorécese así o acceso ás actividades de escolares de toda a xeografía galega coa colaboración das 31 agrupacións deportivas escolares que este pasado ano viron incrementado o importe dos seus convenios para a compra de material. No caso da actividade federada, tamén se sufraga un seguro deportivo de 6 a 16 anos para apoiar o deporte de base e a promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables.

O pasado mes de xullo, o Consello da Xunta aprobaba a contratación pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, dunha nova póliza de seguro colectivo para cubrir os riscos derivados da práctica deportiva, con motivo da participación no programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos) en idade escolar, da Secretaría Xeral para o Deporte, tanto nas actuacións do ámbito federado como do escolar, en favor dos compoñentes do colectivo asegurado no período 2024-2026. En total, a póliza ten un valor de 6,24 millóns de euros (6.237.749,48 euros) ata 2026, isto é, as tempadas 2024-2025 e 2025-2026, cunha prima anual media de 3,12 millóns de euros (3.118.874,74 euros), un 45% máis que a prima media anual de 2024 (2,15 millóns de euros).

Con todo, o gasto anual do programa Xogade na tempada 2024-2025 ascenderá a preto de 4 millóns de euros repartidos en: 3,12 millóns de euros para o seguro deportivo escolar, 450.000 euros para o contrato de transporte para os escolares que participan no Xogade, 180.000 euros os convenios coas agrupacións deportivas escolares e algo máis de 40.000 euros para outros gastos organizativos.

Propostas educativas

Xunto coa actividade deportiva escolar, o programa Xogade ofrece outras propostas como Coñece o meu club, para facilitarlles aos centros educativos que se poñan en contacto coas entidades da súa contorna; Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD), encamiñado a aumentar a actividade física saudable dos escolares; Xogando coa auga e co vento, que dá cabida a proxectos cos que achegar os escolares galegos á natureza a través de deportes acuáticos; Xogos tradicionais e populares, a prol do seu arraigo na poboación escolar; así como actividades de promoción de escalada e piragüismo-dragóns entre outras modalidades deportivas, tradicionais e urbanas que se poderán incorporar ao longo da tempada.

As entidades escolares e deportivas que conten con equipos e estean interesadas en inscribirse no programa poden facelo ao longo do curso a través das webs www.xogade.xunta.gal e www.deporte.xunta.gal.

 

Categorías: Deportes

O Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición da Xunta acada o seu maior orzamento rexistrado, con preto de 3,8 millóns de euros

Lun, 02/09/2024 - 13:25

A Fundación Deporte Galego vén de abrir a segunda fase que contará cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros e 126 equipos convidados


Santiago, 2 de setembro de 2024.- A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, vén de publicar o anuncio da segunda fase do Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia da tempada 2023/2024.

Esta segunda fase contará cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros (1.251.140 euros) para convidar a 126 equipos que cumpren cos requisitos do Plan e que xa recibiron a notificación por parte da Fundación Deporte Galego -48 femininos, 67 masculinos e 11 mixtos de 12 modalidades e 18 especiaidades deportivas diferentes. Cómpre lembrar que a primeira fase do Plan contou cun orzamento de preto de 2,6 millóns de euros (2.596.660 eruos) e 125 equipos beneficiados -66 femininos, 56 masculinos e tres mixtos-de 13 modalidades e 17 especiaidades deportivas diferentes, polo que a contía global do Plan acada preto de 3,8 millóns de euros, o que supón o maior orzamento rexistrado.

Dende a tempada 2021/2022 o plan adáptase ao calendario de competición dos equipos galegos con dúas fases, en troques de obedecer ao exercicio anual. Grazas á consolidación deste plan e a implicación e compromiso das entidades patrocinadas que cumpren estritamente as esixencias publicitarias establecidas pola Fundación, para esta tempada 2023/2024, unha vez máis, todos os equipos obxecto deste patrocinio serán o escaparate perfecto para demostrar que o Deporte Galego é un soporte publicitario de gran valor para exportar polo mundo a imaxe do noso tecido empresarial galego. O Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición pode ser consultado na páxina web do Deporte galego.

En total, desde o primeiro ano do Plan -2009/2010- os equipos de alta competición de Galicia recibiron máis de 40 millóns de euros, sumando a contía total do Plan 2023/2024. Cómpre destacar, ademais, que o Plan de Patrocinio Publicitario para Equipos Femininos encara a súa cuarta edición, unido estreitamente á Campaña NON contra a violencia de xénero.

 

Categorías: Deportes

O CGTD comeza o curso 2024-2025 con 163 prazas nas súas 13 especialidades deportivas

Xov, 29/08/2024 - 17:43

O pasado martes tamén saíu a resolución das seis bolsas de persoas colaboradoras


Santiago, 29 de agosto de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 14 de agosto de 2024 pola que se publica a concesión das prazas para os grupos de tecnificación e de rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Como en anos anteriores, o CGTD ofertou 160 prazas para tecnificación (cursos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato) e rendemento. Na resolución publicada no DOG foron concedidas 152 prazas e agora, veñen de sumarse outras nove, acadando 163 deportistas, un número que poderá incrementarse ao longo da tempada.

Máis polo miúdo, estas 163 prazas distribúense en 106 de tecnificación -90 residentes e 16 externos- e 57 en rendemento -12 residentes e 45 externos-. Unha tempada máis a paridade é practicamente absoluta, superando lixeiramente o número de mulleres ao número de homes: 83 mulleres -58 en tecnificación e 25 en rendemento- por 80 homes -

As 163 prazas quedan repartidas da seguinte maneira segundo as 13 especialidades deportivas coas que contará o CGTD nesta tempada: atletismo lanzamentos -sete prazas (seis tecnificación e unha de rendemento)-, bádminton -doce prazas (dez tecnificación e dúas de rendemento)-, judo -catorce prazas (nove de tecnificación e cinco de rendemento)-, loita -quince prazas (once de tecnificación e catro de rendemento)-, natación pura e augas abertas -dez prazas (oito de tecnificación e dúas de rendemento)-, natación artística -oito prazas de tecnificación-, piragüismo slálom -catro prazas de tecnificación-, piragüismo augas tranquilas -49 prazas (21 de tecnificación e 28 de rendemento-, remo -seis prazas (cinco de tecnificación e unha de rendemento)-, taekwondo -trece prazas (nove de tecnificación e catro de rendemento)-, tríatlon -catorce prazas (nove de tenificación e cinco de rendemento)-, vela -catro prazas de tecnificación- e ximnasia -seis prazas (dúas de tecnificación e catro de rendemento)-.

Persoas colaboradoras

Ademais, o pasado 27 de agosto, o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución do 14 de agosto de 2024 pola que se adxudican as bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2024/25.

Os seis beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar. Ademais, estas persoas disporán do aloxamento de domingo a venres e manutención completa -de luns a venres-, servizo de lavandaría, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia. A concesión destas bolsas é compatible coa obtención de axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar. As bolsas terán, como mínimo, unha duración dun curso escolar (de setembro a xuño) e poderán ser prorrogadas ata que a persoa beneficiaria remate os seus estudos sempre que cumpran cos requisitos e obrigas recollidas na convocatoria.

CGTD

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (único en Galicia) naceu no ano 1987-88 co obxectivo de converterse na instalación de referencia a nivel deportivo na nosa comunidade, en busca da excelencia competitiva, unha excelencia que contempla, por suposto tamén, a formación académica dos deportistas coa finalidade de conseguir a súa formación integral. No 2007 e 2010 incorpóranse respectivamente á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, ampliando así a oferta de seccións deportivas que a día de hoxe conta cunha moi ampla variedade.

Categorías: Deportes

W50 de Ourense

Lun, 26/08/2024 - 12:16

Alina Charaeva gaña a final do Torneo Internacional Feminino Cidade de Ourense (W50 Ourense) celebrado do 12 ao 18 de agosto no Club Santo Domingo.







A rusa derrotou á xaponesa Haruka Kaji cun resultado de 7-6(7) 6-1.

Campioas e finalistas de dobres:

  • Campioas dobres W50 Cidade de Ourense 2024: Martyna KUBKA (POL)/ Lara SALDEN (BEL)
  • Finalistas dobres W50 Cidade de Ourense 2024: Matilde JORGE (POR) / Anna ROGERS(USA)
Ligazóns
Categorías: Deportes

W35 Vigo 2024

Lun, 26/08/2024 - 12:13

A francesa Tessah Andrianjafitrimo vence á xaponesa Misaki Matsuda na final do W35 Cidade de Vigo, celebrado no CC Mercantil e Industrial de Vigo do 19 ao 25 ​​de agosto de 2024.








Na proba de dobres, as vencedoras foron as xaponesas Sakura Hosogi e Misaki Matsuda, que venceron na final á galega Eva Álvarez Sande e a Maxine Murphy dos Estados Unidos.

Lista de campioas:

  • Campioa individual: Tessah Andrianjafitrimo (FRA)
  • Finalista individual: Misaki Matsuda (JPN)
  • Campioas de dobres: Sakura Hosogi (JPN) e Misaki Matsuda (JPN)
  • Finalistas de dobres: Eva Álvarez Sande (ESP) e Maxine Murphy (USA)
Ligazóns
Categorías: Deportes

Resultados dos equipos galegos no Campionato de España MAPFRE de Tenis Alevín por Equipos – Trofeo Tono Páez in Memoriam

Lun, 26/08/2024 - 12:11

O equipo alevín masculino do Club Tenis Codesal conseguiu ser finalista na proba de consolación do Campionato de España MAPFRE Alevín de Tenis por Equipos – Trofeo Tono Páez in Memoriam, que se celebrou no Club de Tenis Real Murcia do 19 ao 24 de agosto.







Neste Campionato de España participaron os seguintes clubs galegos:

Equipos masculinos:

  • Club de Tenis Codesal
  • CC Mercantil e Ind. de Vigo

Equipos femininos:

  • CC Mercantil e Ind. de Vigo
  • Casino Sporting Coruña

Resultados:

Os alevíns do Club Tenis Codesal perderon na primeira rolda contra os cataláns do Barcino Tenis Club e na consolación venceron aos cataláns do Real Club Deportivo Polo por 3-1, na segunda rolda gañaron aos rioxanos do Club Tenis Arnedo por 3-2 e en semis venceron aos locais do Club Tenis Murcia por 3-2. Na final caeron ante o conxunto balear do Club de Tenis La Salle.

Os nenos do Mercantil de Vigo perderon na segunda rolda contra os cataláns do Rel Club Tenis Barcelona e na consolación caeron ante o conxunto balear do Club Tenis La Salle.

Os dous equipos galegos femininos caeron na primeira rolda, o Mercantil de Vigo perdeu ante as baleares do SES Puntetes e o Casino Sporting Coruña ante as do Club Tenis Pamplona.

Na consolación, as xogadoras do Mercantil perderon ante as asturianas do RGC Covadonga e as do Casino Sporting Coruña ante as catalanas do Cercle Sabadelles.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Campionato Galego de Tenis Praia 2024 de categorías absoluta e sub-14

Lun, 26/08/2024 - 12:09

A fin de semana do 23 ao 25 ​​disputouse na praia de Baltar (Portonovo) no Concello de Sanxenxo o Campionato Galego de Tenis Praia 2024.







En dobres masculino, Jorge Martínez Martínez e Juan Amador Ruíz derrotaron na final a Adrián García Vázquez e Alejandro Guimaráens Raso por 6/2-6/3.

En dobres feminino Eva Fantova Sicre e Lidia García Vázquez venceron a Olalla Fernández Maroto e Seila Pérez Rouco por 6/2-7/5

En dobres mixtos, Adrián Garcia Vázquez e Lidia García Vázquez proclamáronse campións ao vencer a Olalla Fernández Maroto e Jorge Martínez Martínez por 6/3-6/0.

Na categoría individual masculina, Jorge Martínez Martínez venceu a Mateo Carrera Prado por 7/2.

Na categoría de dobres sub-14, Gabriel Babío Filloy e Abril González Parra foron campións galegos por ser os máis regulares na liga, sendo segundos Alberto Varela Vieites e Rodrigo Álvarez Negreira.

Lista de campións:

Dobres Absoluto Masculino

  • Campións: Jorge Martínez Martínez / Juan Amador Ruiz
  • Finalistas: Alejandro Guimaraens Raso / Adrian García Vázquez

Dobres Absoluto Feminino

  • Campioas: Eva Fantova Sicre / Lidia García Vázquez
  • Finalistas: Olalla Fernández Maroto / Seila Pérez Rouco

Dobres Absoluto Mixto:

  • Campións: Lidia García Vázquez / Adrian García Vázquez
  • Finalistas: Olalla Fernández Maroto / Jorge Martínez Martínez

Absoluto masculino:

  • Campión: Jorge Martínez Martínez
  • Finalista: Mateo Carrera Prado

Dobles Sub-14 Unisex:

  • Campións: Gabriel Babío Filloy e Abril González Parra
  • Finalistas: Alberto Varela Vieites e Rodrigo Álvarez Negreira

Ligazóns
Categorías: Deportes

Rematou o V Torneo Internacional de Tenis Sénior – ​​Santiago de Compostela

Lun, 26/08/2024 - 12:08

Preto de 80 inscritos de distintas nacionalidades, entre as 11 categorías de individuais e 3 de dobres, gozaron de Santiago e das pistas de tenis do Real Aero Club de Santiago.









A V edición da ITF Senior Santiago de Compostela xa é historia, e grazas ao patrocinio de Turismo de Galicia, a Federación Galega de Tenis, Conservas Frinsa, Lau Creaciones e Turismo de Santiago de Compostela, todos os participantes puideron gozar dunha semana intensa de tenis nas instalacións do Real Aero Club de Santiago.

En total, disputáronse 11 categorías individuais (8 en homes e 3 en mulleres), sendo gañadores os seguintes xogadores:

  • Individual masculino +30: Jesús Santomil (Esp)
  • Individual feminino +30: Alessandra Pessini (Ven)
  • Individual feminino +40: Marga Outón (Esp)
  • Individual masculino +45: Simón Fariñas-Ferro (Esp)
  • Individual masculino +50: Javier Iglesias (Esp)
  • Individual feminino +50: María Sicre (Esp)
  • Individual masculino +55: Jorge Pablos (Esp)
  • Individual masculino +60: Fernando Aragunde (Esp)
  • Individual masculino +65: José Deus (Esp)
  • Individual masculino +70: Alfredo Quiroga (Esp)

En categorías de dobres, estes foron os gañadores:

  • Dobres mixtos +30: Teresa Castro e Juanma Martínez Mateo (Esp)
  • Dobres masculino +35: Antón Grela e Gonzalo López Braga (Esp)
  • Dobres masculino +60: Jaime Fernández-Obanza e Antonio Vara (Esp)

O torneo, xa consolidado no calendario da ITF, remata un ano máis cun alto grao de satisfacción entre todos os seus participantes, e o obxectivo claro para a tempada 2025 é subir de categoría, tentando así ser un referente nas competicións sénior na nosa comunidade. O club quere agradecer a todos os participantes e patrocinadores, e en especial o excelente traballo da xuíz árbitro, Natalia Saiz.

Ligazóns
Categorías: Deportes

O número de deportistas galegos recoñecidos no alto nivel segue medrando e chega aos 1.279

Mar, 06/08/2024 - 11:48

Arredor do 79% de todos os recoñecidos son deportistas galegos de alto nivel (389 mulleres e 621 homes), superando por vez primeira o milleiro de recoñecidos con 1.010


Santiago, 6 de agosto de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 26 de xullo de 2024 pola que se recoñecen as persoas deportistas de alto nivel, alto rendemento, e rendemento deportivo de base, persoas adestradoras ou técnicas, persoas xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel, e se relacionan as solicitudes desestimadas e a causa. No momento actual, o número total de deportistas galegos e galegas recoñecidos e recoñecidas segue batendo récords e chega xa a 1.279, sendo 491 mulleres (38%) e 788 homes (62%).

Arredor do 79% de todos os recoñecidos son deportistas galegos de alto nivel (389 mulleres e 621 homes), superando por vez primeira o milleiro de recoñecidos con 1.010. Ademais, hai 108 deportistas de rendemento deportivo de base (51 mulleres e 57 homes); 100 deportistas de alto rendemento (33 mulleres e 67 homes); 34 técnicos de alto nivel (catro mulleres e 30 homes); 17 árbitras e xuízas (nove mulleres e oito homes); e dez deportistas galegos de alto nivel vitalicios (cinco mulleres e cinco homes). Entre estes DGAN vitalicios atópanse algúns dos mellores deportistas de Galicia como Carlos Arévalo, Carlos Pérez ‘Perucho’, Teresa Portela e Cristian Toro (piragüismo), Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e Sofía Toro (vela), Adi Iglesias (atletismo adaptado), Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon) e Chano Rodríguez (natación adaptada). Cómpre salientar, asemade, que entre todas as categorías están recoñecidos 43 deportistas galegos (14 mulleres e 29 homes) con diversidade funcional, o número máis alto da historia que segue a medrar.

Estas cifras acadadas polo deporte de alto nivel de Galicia débense por unha banda, ao traballo e ao incremento de nivel dos deportistas de Galicia nos últimos anos, así como ao novo decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020 que, ademais do deporte de alto nivel de Galicia, tamén recoñece o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.

Axudas aos olímpicos e paralímpicos

O pasado 1 de agosto, a Fundación Deporte Galego resolvía a segunda remesa de axudas para os deportistas, técnicos e árbitros galegos e galegas que participan nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, composta nesta ocasión por quince axudas por importe de 117.000 euros. Estas axudas súmanse ás primeiras 20 que sumaron unha contía de 147.000 euros e que foron resoltas o pasado 3 de xullo. As ‘Axudas DGAN 2024’ para deportistas, técnicos e xuíces olímpicos e paralímpicos pódense solicitar ata o 30 de setembro.

 

Categorías: Deportes


by Dr. Radut