Os soños na Gaiola

DÍA DA BIBLIOTECA

Para celebrar o DÍA DA BIBLIOTECA, o alumnado do colexio elaborou marcapáxinas que facían referencia aos contos tradicionais (que imos traballar este curso).

Eses marcapáxinas están expostos na entrada da nosa Biblioteca e polos corredores do Centro.

Grazas a todos e todas por participar e facer visible este día.

Como sabedes, tamén foi o día elixido para poñer a camiñar as "Mochilas Viaxeiras".

Boa andaina lectora!

    

 

FORMULARIO PARA AS FAMILIAS SOBRE A BIBLIOTECA

Estimadas familias: respondendo a este breve formulario e premendo en "enviar", poderemos coñecer a vosa opinión sobre a Biblioteca do Centro. Iso axudaranos a valorar o noso traballo, o seu funcionamento e intentar mellorar na medida do posible.

Agradecemos a vosa colaboración. A data límite para cubrilo é o día 5 de xuño.

Moitas grazas.

 

FORMULARIO PARA O ALUMNADO SOBRE A BIBLIOTECA

Este formulario é para que vós, alumnos e alumnas do noso Centro, expresedes as vosas opinións sobre a nosa Biblioteca. Así poderemos valorar o noso traballo e melloralo na medida do posible.

Só tedes que marcar a opción que consideredes en cada caso e ao rematar, darlle a "enviar".

A data límite para cubrilo é o día 5 de xuño.

Graciñas.

DÍA MUNDIAL DO LIBRO

Como cada ano, o 23 de abril celebraremos o Día Mundial do Libro. 

Para ter un recordo especial deste día, deixamos aquí o texto do pequeno marcapáxinas que, como cada ano, edita a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

É o agasallo sobre o libro e a lectura,  que Rosalía Fernández Rial, poeta galega, fai ás Bibliotecas Escolares de Galicia. Un pequeno texto, fermosísimo, cheo de sensibilidade, para disfrutar hoxe e sempre.

MARCAPÁXINAS COMPLETO

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY (siglas en inglés da Organización Internacional para o Libro Xuvenil) promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

Cada ano unha Sección Nacional elixe un tema e selecciona a un autor ou autora importante  do país co fin de que escriba unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora para que deseñe un cartel que se difunde en colexios, bibliotecas, a través dos medios de comunicación, etc.

Aquí tedes o cartel e a mensaxe  deste ano; dúas obras moi fermosas, que nos falan da marabilla da lectura.

Feliz Día do Libro!

Feliz Mes dos Libros!

 

DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2017

MEDREMOS CO LIBRO!

 

"Cando era moi neno gustaba de construír casas con bloques e con xoguetes de todo tipo. No canto do tellado, decotío empregaba un libro infantil ilustrado. Nos meus soños, agatuñaba ao interior da casa, deitábame na cama feita cunha caixa de mistos e ollaba para as nubes ou o ceo estrelado. Dependía da ilustración que máis me gustase.

De maneira intuitiva, seguín a norma vital de cada neno, que procura crearse un medio cómodo e seguro; e un libro infantil de certo axudaba a conseguilo.

Logo medrei, aprendín a ler, e un libro na miña imaxinación comezou a parecer máis unha bolboreta, ou mesmo un paxaro, ca o tellado dunha casa. As páxinas do libro semellaban as ás e crepitaban. Parecía que o libro que xacía na repisa da ventá ía saír voando pola fiestra aberta cara a lugares descoñecidos. Collino e comecei a ler, e o libro comezou a acougar. Logo seguín o libro a outras terras e mundos, expandín así o espazo da miña imaxinación.

Que felicidade ter un libro novo nas mans! Ao principio non sabes de que vai. Resistes a tentación de abrir a última páxina. E que ben cheira! É imposible dividir o seu cheiro nos seus compoñentes: tinta de imprenta, cola... Non, non se pode. Un libro ten un cheiro particular, único e emocionante. As puntas dalgunhas páxinas péganse entre elas, coma se o libro aínda non estivese esperto. Esperta cando comezas a lelo.

Estás a medrar e o mundo ao teu redor está a facerse máis complicado. Estás enfrontándote a preguntas que ningún adulto está preparado para responder. Con todo, é tan importante que compartas as túas dúbidas e segredos con alguén! E velaquí que chega de novo un libro para te axudar. Moitos de nós nos temos sorprendido pensando “este libro vai sobre min!”. E, de súpeto, o personaxe favorito parécese a ti. Ten os mesmos problemas e enfróntase a eles con dignidade. E outro personaxe non se che parece en nada, pero queres que sexa o teu modelo a seguir, queres ser igual de valente ou ter o mesmo enxeño.

Cando un neno ou nena di “non me gusta ler!”, a min dáme a risa. Non lles creo. Seguro que comen xelados, xogan a xogos e ven películas interesantes. Noutras palabras: gústalles divertirse. E ler non é un traballo duro de cara a desenvolver os sentimentos e a personalidade, o que é, antes que nada, é un gran pracer.

E, para iso, especialmente, é para o que os autores escribimos libros infantís!"

Escrito por Sergey Makhotin
Traducido por Sabela González Panizo
Ilustrado por Mikhaïl Fedorov

24 DE OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS

Dende 1997, por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, celébrase o DÍA DA BIBLIOTECA, co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento do traballo dos/as bibliotecarios/as.

Este ano, as persoas seleccionadas para a elaboración do cartel conmemorativo e para facer e ler o pregón do día, foron Elena Odriozola (Premio Nacional de Ilustración 2015) e Ledicia Costas (Premio Nacional de Literatura Infantil 2015 polo seu libro "Escarlatina, a cociñeira defunta").

Deixamos aquí o cartel de Elena Odriozola e o pregón que lerá Ledicia Costas o día 24 de outubro ás 18:00 horas na "Biblioteca Regional de Madrid Joaquín Leguina."

                                                    

                                                                                                                               

PREGÓN

 Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca. 


Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos. 

Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:

—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?

Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!

Ledicia Costas

                                

 

A entrevista: Pablo Díaz e Olga Kirk.

O luns 20 de xuño de 2016, Pablo Díaz  eOlga Kirk acudiron ao centro a homenaxear a Manuel María, estiveron acompañados por nenos da A.C. Donaire e do colexio. Ademáis contamos coa presencia de Alberte Ansede, secretario da casa Museo Manuel María.

Antes da homenaxe os nenos e nenas de 6º de primaria fixéronlles unha pequena entrevista. En breve estará á vosa disposición a homenaxe a Manuel María. Mentres disfrutade da entrevista destes dous artistas cos que temos a sorte de poder contar.

 

PARA O ALUMNADO DE 3º, 4º, 5º E 6º DE PRIMARIA: ENQUISA SOBRE A NOSA BIBLIOTECA

Ola, rapaces e rapazas! Precisamos a vosa axuda para saber que pensades das actividades relacionadas coa Biblioteca do Colexio. Só así poderemos mellorar naquilo que sexa preciso. Grazas!

Powered by Drupal - Design by artinet