Cousiñas que facemos

Magosto 2019

Tivo lugar a tarde do 11 de novembro, San Martiño, e foi unha homenaxe ás meigas ou bruxas por seren, como dixemos daquela, “mulleres intelixentes, curiosas, rebeldes, coñecedoras do poder sanador da natureza, rompedoras de esquemas patriarcais e relixiosos, perseguidas, burladas, asasinadas, esquecidas”. Organizamos xogos tradicionais no pavillón, un obradoiro de plantas medicinais, outro de adornos de inspiración outonal e un parladoiro sobre o tema Que é unha meiga para ti?, ademais da exposición de cogomelos que alumnado e profesorado trouxo pola mañá da Fraga Vella. Para animar a súa presenza no centro, buscamos especialmente a colaboración do alumnado de 1º ESO, que buscou información e elaborou riquísimas sobremesas. Éxito total.


 

 

 

 

 

 

 

Apalpando un ano máis

Se o pasado curso introducimos nesta actividade a presenza protagonista da muller, desta vez ampliamos a idea dándolle un carácter coral a esta figura montañesa comprometida co medio natural e co patrimonio, agora representada por homes e mulleres e alumnado maior e noviño. Procuramos tamén que a actividade servise para mellorar o ánimo da xente convidándoa a chocolate e tamén a cantar e a bailar... E a escoitar a mensaxe deste ano.

 

 

Ola, amiguiñas e amiguiños do instituto de Mondoñedo... Aquí vos vén outra vez a visita de cada ano!

Aquí tedes desta volta a familia nova do vello Apalpador, agora cociñeiro profesional moi estimado e moi ocupado co seu oficio, que vos envía desde as terras altas a súa aperta anual que recende a terra, a auga, a soutos e carballeiras, a airiño maino e a idioma antigo...

E como é un vello sabio tamén vos manda cousiñas para pensar, xente lista do San Rosendo, que non todo han ser castañas e boureo! Tres ideas para matinar nelas un pouco... Unha, sempre a primeira: amade a Terra e a lingua, sen elas nada somos, nada seremos!

Así é, pois morremos de pena cando vemos como esmorecen cada día entre tanta xente nova... Que vivan sempre entre nós!

Deixádelles ser parte da vida coa que enchedes estas aulas e estes corredores, e que pasa coma un río coa súa bravura e a súa calma... Así que, xuntando unha cousa coa outra, aquí vai a segunda: buscade o voso camiño e procurade deixar nel a pegada intelixente e solidaria dos seres humanos libres!

Non dos egoístas, nin dos prepotentes, nin dos soberbios, nin dos falsarios e mentireiros, caprichosos e consumistas...

Si dos humildes e bos e xenerosos!

Que non vos confunda o estrondo que impide pensar!

...As luces que cegan a luz!

Deixade que o inverno vos fale baixiño e facede destes días caloriña, acougo, conversa...

E aquí xa lle amecemos a terceira: aproveitade ben o tempo! Aprendede a estiralo para que nel collan todos os vosos soños...

Compartide o marabilloso tempo da mocidade... Aprendede a darlle xeito sempre: na casa coa vosa xente, e polo mundo adiante tamén.

E aquí no instituto, compañeiros e compañeiras, onde caben tantas cousas!

Tantas ilusións, tantos presentes, tantos futuros... No instituto, onde botamos tantos anos e onde hai tanto que facer, é tamén onde se aprende a respectar, a convivir, a querer este lugar e este tempo que van marcar a vosa vida...

Querer enchelo das cores e da alegría da xente nova, aprender nel a dar a man, a usar o mellor invento humano que é a palabra para dicir, para escoitar...

Deixade fóra o ruído que enxorda, que non deixa aprender, que non deixa vivir...

Así nolo parece e así volo quixemos dicir este ano, querida xente do San Rosendo...

Cando teñades tempo, pensade un pouquiño nestas tres cousas do Apalpador. Aquí vos deixamos a súa aperta...

A nosa aperta! Con ela, música e alegría...

E palabras sabias! Ata sempre.

 

 

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro

En febreiro, coma sempre, participamos na homenaxe a Álvaro Cunqueiro coa lectura de Merlín e familia.

 

Entroido 2020

Este ano celebramos o Entroido ao xeito de cadaquén, moi cheo de vida, de imaxinación e tamén de realismo, como pouco tempo despois puidemos comprobar.

 

 

 

En galego SI!

Distribuir contido