ENDL Ollomao
Equipo de Dinamización Ollomao
Enviado por Admin o Sáb, 20/04/2019 - 15:37
O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso centro leva o nome de Ollomao pola virtude deste “contra o meigallo do galego”, tal e como dixo Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo. Reforzar o amor polo noso, o amor polo idioma de noso, polo seu emprego libre de prexuízos; imprimirlle a idea de futuro da man da xente nova desde o centro educativo, desde a casa, son as ideas que conforman o eixo da actividade do ENDL do IES San Rosendo.
Con respecto ao uso da nosa lingua, non padece o IES San Rosendo a situación crítica que, por desgraza, é pan de cada día dunha boa parte dos centros educativos e da sociedade galega no seu conxunto. Tanto o alumnado e o seu contorno social como o profesorado e o persoal non docente temos o galego como idioma básico de comunicación oral e así o empregamos habitualmente na maioría dos contextos; é a lingua de uso doméstico por excelencia e apta, polo tanto, para as relacións sociais máis frecuentes. Mais tamén aquí a fenda do descoñecemento e da escasa autoestima obriga en moitos casos ao seu abandono e á instalación do castelán en ámbitos considerados de maiorprestixio ou indicadores de modernidade. Esa é tamén a situación da práctica escrita.
Deste xeito vemos como o exercicio de dinamización da nosa lingua entre esta comunidade educativa debe axustarse a unha realidade ambivalente. O galego vive entre nós e segue sendo útil para o uso oral na vida cotiá, mais tamén leva xa impreso o selo de “lingua non apta” para empregar en ámbitos considerados máis elevados ou cultos. A súa invisibilidade na escrita e as dificultades para acceder masivamente a ferramentas xa imprescindibles para sentila útil leva a esta sociedade aínda galegofalante a prescindir continuamente do idioma falado e a optar, sen grandes dificultades, polo castelán. O galego é o idioma da casiña, do contorno; mais o castelán é o idioma que nunca falla fóra do medio máis próximo, sempre apropiado para calquera circunstancia. Reforzar o amor polo noso, o amor pola lingua de noso, polo seu emprego libre de prexuízos; imprimirlle a idea de futuro da man da xente nova, desde a casa, desde o centro educativo, son as ideas que conforman o eixo da actividade do equipo de dinamización e normalización lingüística do IES San Rosendo.