O Proxecto Rebinxe dos alumnos de 1º de Bacharelato do IES San Rosendo gañador absoluto do Galiciencia 2018
Un equipo de oito estudantes do IES San Rosendo de Mondoñedo, cun proxecto de ciencia cidadá para a recuperación da biodiversidade no rural, foi o gañador absoluto da edición de 2018 de Galiciencia, a maior feira científica escolar de Galicia. A iniciativa, bautizada co nome de “Rebinxe“, foi a mellor valorada polos 40 membros do xurado entre as 50 propostas finalistas. Como premio, os estudantes de Mondoñedo, representados na feira que tivo lugar na Tecnópole de San Cibrao por Lidia Barreira e María Bouso, recibirán 1.000 euros para financiar a súa participación na Exporecerca 2019 a feira científica de carácter estatal máis prestixiosa.
Desde o seu stand, María e Lidia explicaron, apoiadas en numerosas mostras do seu traballo de campo e varios prototipos, a súa iniciativa para involucrar os habitantes dos concellos lugueses de Mondoñedo, Abadín e Lourenzá na mellora da situación dos ecosistemas rurais nesta comarca. Durante os últimos seis meses, realizaron estudos pormenorizados sobre tres especies autóctonas –a curuxa, o moucho e o morcego– para despois iniciar un completo plan de acción.
Entre as actuacións que realizaron, destaca a concienciación da poboación sobre a capacidade destas especies para controlar pragas como a velutina, a colocación a demanda de caixas-refuxio construídas por eles mesmos para facilitar a supervivencia de exemplares e ferramentas online para recopilar datos facilitados polos habitantes da contorna. A súa recollida exhaustiva de datos mediante técnicas coma o fototrampeo, a investigación sobre as condicións de vida de cada unha das especies e sobre a adecuada construción dos refuxios e a capacidade para divulgar os seus resultados con rigor foron determinantes á hora de obter a máxima puntuación.
- http://www.gciencia.com/ciencia/proxecto-biodiversidade-galiciencia-2018/
- https://www.elprogreso.es/articulo/a-marina/galiciencia-premia/201805111909501311705.html
- https://tecnopole.es/gl/novas/proxecto-recuperacion-biodiversidade-no-rural-gana-primeiro-premio-galiciencia-2018
- https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2018/05/15/galiciencia-llegaron-premio-animo-recuperar-biodiversidad/0003_201805X15C12991.htm