FP dual
A formación profesional do sistema educativo abrangue o conxunto de accións formativas estreitamente relacionadas coas ocupacións, as profesións e o mercado de traballo. Na actualidade, debido á súa ampla oferta, ao seu carácter modular e ás facilidades para a súa realización, preséntase como unha opción moi atractiva cunha alta porcentaxe de inserción laboral.
Que é a FP dual?
É unha modalidade de formación profesional que ten como finalidade a cualificación profesional das persoas nun réxime de alternancia de actividade laboral nunha empresa coa actividade formativa nun centro educativo.
A FP dual integra os tres piares que sustentan o proceso de formación dun profesional: formación curricular(específica do ciclo formativo), traballo na empresa e formación complementaria (específica para os procesos produtivos da empresa), combinando a asistencia do alumnado no centro educativo coa súa formación e o seu traballo na empresa.
Os centros e as empresas comparten as responsabilidades formativas para que as ensinanzas profesionais se adecúen ás necesidades do mercado laboral.
Cales son os requisitos para acceder á FP dual?
Para acceder a esta modalidade de FP é preciso cumprir os requisitos académicos que se requiren para acceder aos ciclos de grao medio e de grao superior, dispoñibles no enderezo www.edu.xunta.es/fp, na epígrafe “Coñece a FP”, e ademais:
- Ter entre dezaoito anos (ou facelos no ano natural en que comece o ciclo formativo) e vinte e nove anos no momento de inicio do ciclo formativo.
- Carecer da cualificación profesional, obtida e recoñecida polo sistema de formación para o emprego ou do sistema educativo, requirida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou a ocupación obxecto do proxecto.
- Non ter realizado con anterioridade un contrato de formación e aprendizaxe, e cumprir os requisitos establecidos na normativa laboral vixente para o poder efectuar.
- Non ter superado ningún módulo profesional do ciclo formativo do proxecto solicitado, agás que fose cursando outro ciclo formativo.
Cal é o prazo para solicitar matrícula nun ciclo de FP dual?
Con carácter xeral, no mes de xuño de cada ano. Adicionalmente, en ocasións, pódese realizar a solicitude de matrícula noutros momentos do ano. No portal educativo www.edu.xunta.es/fp, na epígrafe " Coñece a FP ", dispós de toda a información dos prazos de solicitude e da oferta de FP dual.
Cal é a duración dun ciclo formativo na modalidade dual?
Nesta modalidade dual, os ciclos formativos poden distribuírse en dous ou en tres anos.
Cantas horas de formación se realizan na empresa?
Das 2.000 horas establecidas no currículo, un mínimo do 33 % deberase impartir coa participación da empresa.
Cal é o vínculo do alumnado de FP dual coa empresa?
O alumnado pode ter a condición de bolseiro ou ser contratado pola empresa mediante un contrato de formación e aprendizaxe. En calquera caso, o alumnado debe ser incorporado ao réxime xeral da Seguridade Social.
Percibe o alumnado de FP dual algún tipo de remuneración?
O alumnado percibe unha remuneración proporcional ao tempo de permanencia na empresa que non foi destinado á formación: tempo efectivo de traballo. Para o seu cálculo, utilizarase a contía establecida no convenio colectivo ou, de non existir, a contía do salario mínimo interprofesional.
Que vantaxes teño ao estudar un ciclo formativo na modalidade dual?
- Recibirás unha remuneración desde o inicio do teu período de formación. Esta remuneración pode ir aumentando cada ano á medida que aumenta a túa competencia profesional.
- Terás maior facilidade para a túa inserción no mercado laboral mediante a adquisición dunha titulación de formación profesional de xeito simultáneo á túa integración nos procesos produtivos da empresa