Consellos para afrontar as probas de acceso á Universidade

Despois dun 2º de bacharelato esgotador no que se tentou condensar a materia de anos en apenas uns meses, toca a recta final. Non temades!, hai demasiados mitos sobre Selectividade (agora ABAU), crédeme: non é tan difícil como a pintan. O peor é 2º de bacharelato, curso atafagante por antonomasia, Selectividade apróbase sen problemas.

 

O DÍA ANTES

Aí van uns pasos imprescindibles antes dos exames que farán que triunfedes:

1) O día antes NON se estuda: Pode soar un pouco heavy, pero facédeme caso. Como moito podedes repasar un pouquiño, pero o que non fixésedes xa, non se vos vai a quedar hoxe. Despois dun pequeno repaso, toca pasar unha tarde tranquila, ben dando unha volta, xogando coa consola ou vendo a vosa serie favorita. Unha mente despexada é unha mente triunfadora, asegúrovolo.

2) No material... que non vos pille o touro!: Si, basicamente que non vos deixedes o estuche sen facer ata o último minuto. Asegurádevos que o voso boli pinta e levade outro de reposto. O mesmo dígovos co tippex, pois nos exames non poderedes andar pedíndoos. Ah! E lembrade a calculadora, a regra, o compás, dicionario de Latín ou Grego, DNI e toooodo o que necesitedes. Si queredes controlar o tempo levade RELOXO, non programable, ainda que vos estarán indicando o tempo cada media hora. Se o deixades feito hoxe, mañá non vos poñeredes nerviosos por estes pequenos detalles.

3) Nada de trasnoitar: Se non queredes que a Universidade ao día seguinte pareza unha escena de The Walking Dead, deitádevos pronto! Tampouco como para ver os Lunnis, pero descansade, en serio. Charlade un pouco cos vosos amigos por wattsapp e demais (NON de Selectividade, senón doutros temas, ou en todo caso para animarvos e dicirvos o ben que vos vai a saír), escoitade vosa canción favorita ou lede un intre (e non valen os apuntes). Despois, a durmir. 


CHEGA O DÍA...

Espertádesvos e... é o día de Selectividade! Non vos angustiedes, seguide estes consellos:

1) Almorzade: Non é cuestión de facer un almorzo americano con bacon e ovos, pero tampouco saltarse a comida máis importante do día. Tedes que ter forzas, así que almorzade ben e sentados.

2) Ante todo, antelación: É mellor chegar pronto e esperar alí un tempo (que estaredes cos vosos compañeiros) que apurar ata o último minuto.

3) Antes do exame NON se estuda: Eu se fose vós nin me levaría os apuntamentos, pero sei que non poderedes resistir esa tentación. Con todo, non vos aconsello estar a repasar ata que vos chamen. Iso poñeravos máis nerviosos, faravos pensar "Uy, isto non mo sei; Como isto entre estou perdido; Por que o temos diferente?;..." e iso non é bo. Ademais, o último que vos lerades será o que poñades no exame, veña a conto ou non. Xa sabedes, a charlar cos amigos e a despexarse.

4) OPTIMISMO: E en maiúsculas, si. Durante todos estes días, moito optimismo. Nada de morrerse dos nervios ou de derrubarse porque non nolo sabemos todo. Tedes que crer en vós e pensar que aprobaredes sen problemas. Crédeme, ir tranquilos e seguros de vós mesmos é máis importante que saberse de cabo a rabo a materia. De feito, este consello é o máis persoal e importante que vos podo dar.


DURANTE OS EXAMES:

1) A cabeza fría: Non vos asustedes ao ver o aspecto serio dalgúns profesores ou as aulas da Universidade. Apagade os móbiles. Seguide todas as instrucións que vos dean, escoitade todo o que vos digan e empezade o exame cando volo manden. Cero nervios, pois senón podedes cometer erros como colocar o voso adhesivo mal, degradar a folla do exame, etc.

2) Un pequeno esquema: Vale, é certo que hai moita materia e moi pouco tempo, pero non empecedes a escribir como posesos. O primeiro, lede ben as preguntas, pois ás veces contestamos mal porque non sabemos que nos preguntan. Algo moi recomendable é facervos en sucio un pequeno esquema (na folla de preguntas, por exemplo) para ordenar as vosas ideas. O contido tédelo na cabeza, pero para non poñer de máis ou de menos, ou cousas que non veñan a conto, é mellor perder un par de minutos en pensar en que queredes escribir. Se non, podedes cometer o erro de esquecervos cousas importantes e engadilas ao final, algo que denota unha falta de organización. Isto é moi recomendable para materias de gran desenvolvemento como Historia, Literatura, Bioloxía, Xeografía, etc.

3) Boa presentación: Xa volo dixeron mil veces, pero insisto: facédelle fácil a lectura do exame ao corrector. Tampouco é necesario escribir como facían os monxes nos códices, pero non abusedes do tippex, tentade facer unha letra clara e lexible, destacade os títulos e apartados e deixade marxe e espazos.

4) Relacionade: Que se note que sabedes. Aínda que vos pregunten un tema concreto, sempre que veña a conto podedes incluír outras cousas que vos saibades. A relación entre temas valórase moito, pois demostra que non todo é memorización, senón que controlades a materia e comprendédela.

5) Boa expresión: Dou por feito que tedes claro que as faltas de ortografía páganse caro e que andaredes con ollo, pero prestade tamén atención á expresión. Non escribades frases moi complicadas, senón simples e claras. Non repitades termos, senón que podedes utilizar sinónimos. Utilizade un léxico amplo e rico, que se vexa que tedes vocabulario.

6) Picardía: Si, iso mesmo. Como vos dixen, contade todo o que saibades, sempre sabendo resumir e condensar, pois non hai moito tempo. Pero ademais, algo moi valorado é que relacionedes a materia con aspectos da actualidade. Iso demostrará que sodes persoas cultas e sabedes aplicar os vosos coñecementos ao mundo no que vivides. 

 

AO SAÍR DO EXAME.

Ao saír do exame... adeus exame! Nada de comparar respostas nin falar dos exames posteriores, senón que relaxación e calma. E optimismo e ganas para os exames que queden. 

Máis ou menos estes son os trucos que farán que aprobedes, así que con estes consellos, optimismo e un pouco de sorte tedes todo feito!

E repítovolo: é fácil aprobar. Así que fora nervios, crédeme que despois lembraredes estes momentos con risa...

 

Moita sorte!