A Capela, maio 2019
Visitamos a Serra do Forgoselo cando ardía o mundo. Era tanta a calor que moito nos prestou o fresquiño que nos recibiu na vella escola de Guitriz e no Museo Etnográfico. Foi moi interesante ver e sentir o que seguramente viu e sentiu a nosa xente maior cando tiña o noso tempo... E así tamén lle rendemos homenaxe ao gran Antón Fraguas e ás persoas que, como formiguiñas, traballan toda a vida sen descanso para que non se perda a memoria do que somos, pois só sabendo de onde vimos podemos saber cara a onde andamos. Así nolo dixo Secundino García Mera, que atendeu con moita paciencia a nosa curiosidade. No Museo continuamos a actividade iniciada no instituto pola profesora María Couso, na que comparamos o consumo de recursos de xeracións anteriores co consumo actual. Sabemos que o planeta pide a berros un cambio; por iso no Museo Etnográfico da Capela buscamos ideas para unha vida máis acorde cos tempos que veñen. Trouxemos traballo para realizarmos na aula: un proxecto de vivenda sostible. De saír ben, prometeron premio!
A viaxe incluía pola tarde unha ruta polo monte Forgoselo, e durante o percorrido de máis de 5 km baixo un sol fenomenal seguimos atentamente as explicacións do noso guía Antón Marcal, que desde a súa estima pola serra, contaxiosa, nos mostrou a cultura, a fauna e a flora propias da zona e os valores que fan deste monte un sitio especial, protexido pola lexislación autonómica, estatal e europea. Observamos unha mámoa, escoitamos e vimos ras e tamén algodón da braña e unha planta carnívora (Drosera) e, sobre todo, aprendemos a identificar rastros, hábitat e costumes do noso amigo o lobo.
Andar o monte con ollos científicos e amorosos, que cousa boa!