Normalización Lingüística

Sigue o EDLG nas redes sociais!

Coa chegada do novo curso 2022-2023 decidiuse abrir o traballo do Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro ao público xeral, coa activación de diferentes contas nas redes sociais. 

 Por unha parte, abrimos conta de Facebook (https://www.facebook.com/profile.php?id=100086982376205 ), para darlle maior visibilidade e difundir o traballo realizado desde o EDLG. Xa que logo, nesta canle iremos pendurando as actividades realizadas este ano e os vindeiros. Ademais, tamén servirá para poñerse en contacto coas diferentes persoas potencialmente colaboradoras co equipo ou con outros EDLG doutros centros escolares ou diferentes asociacións.

 Por outra parte, tamén abrimos unha conta en Instagram (https://www.instagram.com/edlgmella/), para, do mesmo xeito, dar máis visibilidade ao traballo do EDLG e, tamén, para estar en maior contacto coa canle que máis usa a maior parte do alumnado do noso centro.

 Alén disto, tamén encetamos conta en IVOOX, plataforma de podcasts radiofónicos na que partillaremos todos os traballos da nosa emisora escolar, Na Onda do Mella: (https://www.ivoox.com/escuchar-canal-na-onda-do-mella_nq_1389487_1.html)

 En vindeiras datas abriranse tamén diferentes espazos virtuais para os proxectos Mámoas e Lagares, dos que daremos información por esta vía e tamén polas diferentes redes sociais.

E xa sabedes... seguide as redes do EDLG do Mella!!

 

Volve Na Onda do Mella!!

 

 A emisora do IES Ricardo Mella volve con máis forza que nunca!! Neste curso comeza unha nova temporada na radio, "Na Onda do Mella", que vén cargada de novas propostas e ideas; facendo desta actividade unha das ferramentas pedagóxicas de intervención e traballo preferenciais no noso centro.

Baixo a coordinación do noso novo profesor de Lingua Galega, Kike Estévez, bota a andar este ano a nosa radio con diferentes propostas e proxectos que se van levar ao cabo este curso 2022-2023. Por unha banda, a radio escolar será o método de difusión principal dos dous proxectos interdisciplinares que se van levar ao cabo este curso, o Proxecto Mámoas e o Proxecto Lagares. Por medio de entrevistas ás persoas implicadas (persoas relatoras, especialistas no tema...) ou programas específicos, a emisora converterase no eixo do traballo e servirá de método informativo do avance de ambos os dous proxectos. Ademais, a radio escolar será tamén o nexo entre os diferentes departamentos do Centro, promovendo deste xeito a aprendizaxe e o traballo colaborativo entre as distintas áreas educativas.

Para favorecer a difusión do traballo na Emisora, decidimos crear unha páxina de Ivoox, onde poidamos ir envorcando todos os programas realizados neste curso e nos posteriores. Ivoox é unha plataforma de radio-podcasts, onde podedredes escoitar todos os programas de "Na onda de Mella" en calquera momento. 

Para comezar, deixámosvos cos dous primeiros programas deste ano:

1. En primeiro lugar, chega o traballo realizado polo alumnado de Raquel de FOL, no que prepararon un programa sobre a viguesa Urania Mella (1899-1945), política galega e precursora do asociacionismo feminino, e filla de Ricardo Mella, persoeiro vigués que lle dá nome ao noso IES: https://www.ivoox.com/na-onda-do-mella-1-urania-mella-libertaria-audios-mp3_rf_94518653_1.html

2. En segundo lugar, quedades cun programa de proba realizado polo grupo de 1º FPB Servizos Administrativos, que presenta o seu profesor e no que nos contan as súas inquedanzas e algúns proxectos de futuro: https://www.ivoox.com/na-onda-do-mella-2-probando-probando-29-9-2022-audios-mp3_rf_94519297_1.html

 

E xa sabedes... abride a orella e escoitade Na onda do Mella!!! Subscríbete ao noso programa editorial aquí: https://www.ivoox.com/podcast-na-onda-do-mella_sq_f11702547_1.html

 

 

E chegou a regueifa ao IES Ricardo Mella!

Esta pasada semana comezamos as actividades deste curso cos obradoiros de regueifa que patrocinan a Deputación de Pontevedra e mais a Asociación ORAL de Galicia. Neste caso, os cursos elixidos para esta acividade foron os de 3º e 4º de ESO, que recibiron cadanseu obradoiro individualizado nas súas aulas; desta volta, impartidos polo docente regueifeiro Kike Estévez, tamén docente de Lingua Galega no noso IES.

Dentro de quince días realizarase a segunda quenda destes dous obradoiros, dos que, se hai sorte, poderá saír o alumnado clasificado para representar o noso IES no Certame Final que se celebrará no Auditorio de Valadares, o venres 18 de novembro.

Deixamos por aquí algunha foto e algún vídeo no que se pode ver que ben o pasou o alumnado nesta primeira sesión (4º ESO).

 

 

Vídeo da actividade: https://photos.google.com/photo/AF1QipPFAuqeTXzzV00HoFV986027PTug2M8Bgk77HoO

Benvidas e benvidos ao curso 2022-2023

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Ricardo Mella volve con forza neste inicio de curso!! Queres colaborar con nós? Queres coñecer o que imos facer este curso?? Pois pásate pola reunión que teremos o vindeiro xoves 6 durante o recreo no ximnasio, na que poderás coñecer as novas propostas para este curso que comeza.

Por outra parte, tamén botamos a andar os Clubs de Lectura deste ano, e para iso convocámosvos á reunión que teremos o vindeiro venres 7 na biblioteca durante o recreo; na que falaremos dos libros propostos para o mes de outubro-novembro e na que concretaremos os días do mes que nos reuniremos en cada grupo.

Desde o EDLG do IES Ricardo Mella desexamos que teñades un curso marabilloso e que botedes a pacer a lingua, a nosa, a galega... porque EN GALEGO, TEMOS TODO POR DICIR!

Para abrir boca deixámosvos o cartaz cos libros elixidos para os primeiros clubs de lectura deste ano.

 

 

 

Charla con Xavier Queipo

Xavier Queipo xa nos visitou a mediados de maio. Daquela ofreceunos un vibrante percorrido pola súa vida e obra. Falounos de linguas e literaturas, de física e bioloxía, de historia, de política, de sexo, de saúdos e despedidas no máis de medio mundo (por dicir algo) que leva percorrido. Vir viña falar de Final feliz, a súa última obra publicada, que leramos no Club de lectura, e de finais felices tamén falamos. E foi todo un pracer. Até o punto de que o alumnado pediu que volvese. E el ofreceuse a recuncar e falar de literaturas de mar. 

E como o prometido é débeda, hoxe volveu ao noso centro. E falounos de Moby Dick e de Robinson Crusoe. E do Triángulo inscrito na circunferencia, e de Extramunde e do Paso do Noroeste. E volveu ser un pracer escoitar o dura que é a vida no mar na súa experiencia vital.

E, ao remate da charla, puidemos (re)facerlle a entrevista que quedara pendente da vez anterior e que podedes escoitar aquí abaixo. 

Distribuir contido