Normalización Lingüística
Na Onda do Mella 3: Especial 25 de Novembro (25/11/2022)
Enviado por kikestevez o Ven, 25/11/2022 - 14:03
Chega o "Especial 25 N"!!!
Abride as orellas porque a emisora do noso centro, Na Onda do Mella, vén de publicar o seu último programa: "Especial 25 N", para esta xornada de loita contra as violencias machistas.
No terceiro episodio do programa editorial da nosa radio, o alumnado do IES Ricardo Mella trae un traballo ben reivindicativo para esta xornada. Dirixido e presentado por Marta e Santiago, alumnado de 2º BACH H, este programa vén cargado de moita poesía e diferentes textos relacionados co día de hoxe, e cos que combater a violencia machista aínda presente por desgraza na nosa sociedade. Para comezar, escoitaremos versos de Lucía Aldao recitados por alumnado de 2º BACH H, mentres que, na segunda parte, serán os poemas de Rosalía de Castro os que poderemos escoitar das voces do alumnado de 4º ESO. Ademais, non só a poesía estará presente, senón que tamén terán cabida as historias de mulleres bravas, como a de Finita Gay, cantante que tivo que retomar a súa carreira tras anos de negacións. Para rematar, escoitaremos alumnado de CAE recitando versos de Sesé Mateo, poeta chapelá asasinada pola súa parella en 2017, nun crime de violencia de xénero.
Agardamos que vos guste o programa e que ao fin chegue o tan arelado remate das violencias contra a muller!!
Podedes escoitalo en: https://www.ivoox.com/na-onda-do-mella-3-especial-25-de-audios-mp3_rf_96916899_1.html
#NaondadoMella #25N #EDLGMella #Igualdade #Poesíaengalego #LucíaAldao #RosalíadeCastro #SeséMateo #FinitaGay
Participación do IES Ricardo Mella no III Certame Provincial de Regueifas
Enviado por kikestevez o Sáb, 19/11/2022 - 10:18O pasado venres 18/11/2022 unha delegación do IES Ricardo Mella participou no III Certame Provincial de Regueifas, nun acto celebrado no Centro Cultural de Valadares. O alumnado representante do noso centro (3º e 4º ESO) chegou a este evento final despois de recibir dous obradoiros sobre esta arte improvisatoria galega. No evento final, o equipo do Mella realizou unha participación moi destacada, pois todos e todas subiron ao escenario e botaron as súas coplas diante dun auditorio cheo de xente. Desta volta non conseguimos o pase a semifinais, pero non pasa nada, pois o importante, coma sempre, é participar!
Desde o EDLG queremos dar especiais parabéns a todo o alumnado participante no Certame e tamén ao resto de compañeiras e compañeiros, que apoiaron desde a bancada en todo momento e que tiveron un comportamento exemplar. Medre a regueifa no IES Ricardo Mella!
Premios dos Concursos de Conxuros e Microrrelatos
Enviado por kikestevez o Sáb, 19/11/2022 - 10:00Xa temos gañadorxs dos concursos!!!
Nestes últimos días rematou o prazo de admisión de textos para os concursos de conxuros e microrrelatos, e fíxose entrega dos agasallos aos textos premiados. Nesta ocasión, os textos vencedores no concurso de conxuros foron o de Matías (1º ESO) e o de María (2º ESO). No tocante ao concurso de microrrelatos, a gañadora resultou Marta Ocampo (2º BACH), co seu texto "Frankenstein e a moura". Partillamos por aquí os textos gañadores nestes concursos e unha foto dos gañadores no concurso de conxuros... Somos un instituto de artistas!!
Chega "Linguas Coradas", o novo programa Na Onda do Mella!!!
Enviado por kikestevez o Dom, 06/11/2022 - 19:48Na Onda do Mella, a emisora do noso IES, segue a dar que falar este curso, pois o alumnado de 1º ESO A do IES Ricardo Mella chega cun novo programa chamado "Linguas Coradas", que se achegará á diversidade lingüística do territorio ibérico, europeo e mundial... de aí o nome do programa, Linguas Coradas, pois temos linguas de todas as cores!!!
Neste primeiro episodio de Linguas Coradas, o alumnado de 1º ESO A dá un repaso ás diferentes linguas oficiais da Península Ibérica: https://www.ivoox.com/linguas-coradas-1-as-linguas-da-peninsula-iberica-audios-mp3_rf_95551587_1.html
Non o perdades!! #LinguasCoradas #DiversidadeLingüística #Galego #Éuscaro #Catalán #Aranés #Mirandés #Portugués #Castelán #NaOndadoMella
Concursos para o Samaín 2022
Enviado por kikestevez o Dom, 23/10/2022 - 16:39Volven o Samaín e mais o Magosto ao IES Ricardo Mella!
Neste curso 2022-2023 volve unha das celebracións máis senlleiras no noso IES, o Magosto. E para ir quentando motores, o EDLG xunto ao Departamento de Galego e á Biblioteca do noso centro convocan dous concursos para fomentar a creatividade do alumnado nestas datas.
En primeiro lugar, retómase o Concurso de Conxuros para festexar o Samaín / Día de Santos realizado en cursos anteriores, e que este ano estará destinado ao alumnado de 1º e 2º de ESO. Enténdese por conxuro ou esconxuro unha invocación feita para afastar os demos ou malos espíritos dun lugar ou dunha persoa. Para iso recórrese a seres sobrenaturais, naturais, persoeiros, políticos, etc. A finalidade deste Concurso é recadar conxuros para afastar todo o negativo do universo mundo...
Por outra parte, convócase tamén un Concurso de Microrrelatos Terroríficos, “Nunha Noite de Samaín…”, destinado ao alumnado de 3º e 4º de ESOe e de 1º e 2º de BACH, que deberá presentar un microrrelato orixinal, en lingua galega, cunha extensión máxima de 100 palabras e que, preferiblemente, estea ambientados na noite de Samaín/Defuntos ou desenvolva temáticas relacionadas cos seres mitolóxicos de Galicia (santa compaña, lobishomes, meigas…).
Consultade as bases e participade! Haberá agasallos terroríficos!!
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- …
- seguinte ›
- última »