Skip to Content

Curso 2021-2022

Xa estamos participando na fase nacional da Olimpíada Científica Xuvenil

Hugo Gorgojo, Ignacio Andía e Alexandre García xa están en Valencia acompañados da súa profesora Charo Fernández para participar na fase nacional da III Olimpíada Científica Xuvenil Española. Comeza hoxe 11 de xullo e remata o mércores 13. As actividades desenvolveranse como se indica no programa de actividades. 
AQUÍ tedes máis imaxes dos participantes. 

Moita sorte para os nosos rapaces!

Viaxe de fin de curso ao norte de Portugal de 1º de Bacharelato

22 alumnos/as de 1º de Bacharelato do IES Perdouro de Burela realizaron unha viaxe lingüística e cultural de tres días polo norte de Portugal. 

Día 1, 27/06/2022: Valença, Braga, Dume

 A expedición saía de Burela ás 8h15 do luns 27 de xuño dirección Portugal. Nada máis pasar por encima do río Miño, puidemos ver as murallas da fortaleza de Valença do Minho de arquitectura militar gótica e barroca, a fortaleza máis importante do país. Aí fixemos a primeira das paradas. Paseamos e gravamos un pequeno directo onde Noa e Lin fixeron de cronistas. A cidade vella ten forma de estrela, unha dobre muralla de 5 quilómetros que se conserva practicamente intacta, baluartes, torres e catro portas.

Celebramos o premio de Aulas Limpas nun parque de aventura

O luns 27 de xuño o alumnado de 2º ESO B puido desfrutar dun premio ben merecido despois de manter limpa e ordenada a súa aula durante todo o curso. 

Percorreron os circuítos do parque de aventuras localizado en San Roque, en Viveiro. Os máis rápidos e ousados foron quen de rematar os catro circuítos do parque cruzando complicadas pontes e deslizándose en divertidas tirolinas. 

Podedes ver as fotos AQUÍ

Visita a Lugo do alumnado de Cultura clásica e Latín

O pasado 10 de xuño, os alumnos de Cultura Clásica e Latín, acompañados das profesoras Efigenia e Sonia, fixeron unha saída a Lugo para visitar diferentes museos: o Centro Arqueolóxico San Roque –onde vimos restos de tumbas de época romana-, a Casa dos Mosaicos –na que comprobamos como era unha domus romana-, a Sala de Exposicións Porta Miñá –onde vimos distintos restos arqueolóxicos sobre o Lugo romano– e o Museo Provincial –no que nos fixeron un percorrido polas salas máis interesantes como, por exemplo, a sala de Sargadelos ou a sala de ourivaría, na que puidemos contemplar o noso Torque de Burela. Tamén paseamos por parte da muralla e polo centro da cidade e contemplamos as distintas recreacións da época romana de Lugo a través da festa do Arde Lucus. 
 
Foi un día entretido e moi divertido!
 
Efigenia Maseda e Sonia Rey
 
Podedes acceder ás fotos AQUÍ
 

Premio Aulas Limpas: a Aula Magnífica foi a de 2º ESO B

Neste curso 2021-22 o grupo que mantivo máis ordenada e limpa a súa aula foi 2º ESO B. 

Conseguiu: 

  • manter o chan, o encerado e o mobiliario limpos, 
  • os caixóns das mesas e os andeis da aula ordenados,
  • o ordenador, o proxector e as luces apagadas ao final da xornada, 
  • as cadeiras subidas a última hora, 
  • o taboleiro da clase organizado. 
Daba gusto entrar na aula; estaba todo impecable. 
 
Polo voso traballo constante ao longo do curso conseguistes a puntuación máis alta e teredes o voso premio o luns 27 de xuño. Vades pasar unha xornada lúdica ao parque de aventuras de San Roque en Viveiro. Parabéns! Esperamos que o pasedes moi ben! 
 
Felicitamos a 3º ESO A, 2º ESO A e 3º ESO B, que tamén o fixeron xenial!
 
Moitas grazas aos titores e profesorado que fixeron que Aulas Limpas servira para que os rapaces se preocuparan por manter a orde e a limpeza. 

E conseguimos as mil grúas!


Parabéns, equipazo do Perdouro!!

Moitas grazas a todo o alumnado, profesorado e persoal non docente que colaborou para conseguir facer mil grúas de papel!

A proposta partiu de Sergio, representante do alumnado no Consello Escolar. E puxémonos mans á obra. Ao principio tiñamos que ir vendo un videotitorial, pero fomos collendo soltura e conseguimos facer 

MÁIS DE 1000!

Esperamos que o desexo se cumpra! Esperamos que gañe a esperanza!

Fixémolo por esa persoa que loita e quere saír adiante e, con este xesto, queremos animar tamén ao resto do noso alumnado que ten algún familiar cunha enfermidade grave. Aquí estamos para escoitalos, para ter en conta as súas emocións e para apoialos no que poidamos. 

Agora, tócavos descansar. Que sexades moi felices no verán!!

Podedes ver máis fotos AQUÍ

Acto de presentación de Maruxía 28 e entrega de premios da A. C. Os Matos

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 28 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.

Hoxe, 21 de xuño, celébrase o 40 aniversario do día europeo da música mais tamén celebramos a nosa festa anual das letras: a presentación da revista escolar Maruxía. Para abrir e clausurar o acto, Gabriela, Nerea, Roi e Samuel, músicos de 4º de ESO, deleitáronnos cunha actuación musical da súa elección.  A continuación, Simón Chao, Paula López M. e Félix Pérez, alumnado de 4º de ESO TIC, conduciron o acto e encargáronse de explicar como tiveron que traballar en equipo para poder sacar adiante unha nova edición da revista. Nela recóllense unha mostra das actividades e traballos realizados polos reporteiros do Perdouro así como os premios do XV Concurso de relato curto e poesía e do XIII Concurso de imaxe convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos".

Asistiron ao acto Mª José Pardiñas, directora do centro educativo; Karina Parga, Presidenta da A.C. Os Matos; Antón Niñe, presidente honorífico, e Natalia Irimia, coordinadora do EDLG. 
 
Felicitamos aos gañadores do concurso de portada de Maruxía: Jairo Vivero Varela  de 1º de ESO (portada) e Ana Lestao Ben de 2º ESO (contraportada)

Accede á reportaxe AQUÍ.

 

 
Revista Maruxía en PDF aquí.

Presentación dos resultados do programa "Educando para a sostibilidade"

Onte, luns 20 de xuño de 2022, presentáronse no centro os resulados do programa "Educando para a Sostibilidade’ que a Vicerrectoría de Infraestruturas e Sustentabilidade da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu este curso 2021-22 co patrocinio de Fundación Alcoa, ampliando a súa cobertura a centros educativos da Mariña lucense. 

No acto, ao que asistiron alumnos e persoal docente, interviñeron o director da Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, Manuel Soto Castiñeira; o director da planta de aluminio de San Ciprián, Manuel Fernández Alonso en representación de Alcoa e Fundación Alcoa, e a directora do IES, María José Pardiñas. 

Durante o curso 2021-2022, o programa ‘Educando para a sostibilidade’ excedeu os límites do campus universitario coa organización de 15 novos talleres en 6 centros educativos no marco do proxecto 'Mariña Ambiental UDC - Fundación Alcoa'. Grazas a unha dotación económica de Fundación Alcoa de 49.800 dólares, os ciclos contaron con máis de 400 beneficiarios directos dos centros CEIP Castro de Ouro (Alfoz), CEIP Cervo (Cervo), CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo), CPR Plurilingüe Martínez Otero (Foz), IES Enrique Murais (A Pontenova) e IES Perdouro (Burela). 

Os talleres, eminentemente prácticos, baseáronse nun triplo eixo estratéxico para a xestión sostible dos residuos, a auga e a enerxía. Ademais, o asesoramento científico e técnico do programa, así como o apoio económico, permitiron a implicación especial de tres centros: o IES Enrique Muruais, que instalará un sistema de recollida selectiva de residuos intracentro; o CPR Plurilingüe Martínez Otero, que mellorará unha zona de compostaxe e un proxecto sobre eficiencia enerxética preexistentes; e o IES Perdouro, que implantará unha zona de compostaxe xunto a equipos complementarios para que toda a comunidade educativa poida practicar a recollida selectiva de residuos orgánicos e producir un abono de alta calidade. 

Pódese acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

Proxecto interdisciplinar: Construbot_Comeza a partida!

O alumnado de 4º da ESO confeccionou uns taboleiros de xogo construíndo e programando un robot dende cero así como as estratexias do xogo. 
O alumnado de Tecnoloxía encargouse do deseño, impresión, programación, cableado dos robots. 
 
O alumnado de Francés ideou as estratexias dalgúns taboleiros retando o robot a desprazarse polo taboleiro, a parar diante dun obstáculo e mesmo a bailar cando o xogo llo requiría. As tarxetas dos xogos están redactadas en varios idiomas: galego, castelán e francés.
 
Seguindo co traballo interdisciplinar, en Matemáticas, en Bioloxía, en Xeografía e en TIC, axudaron na creación das misións dos taboleiros para avaliar os coñecementos nestes campos. O departamento de Lingua Galega colaborou na revisión lingüística.

Foron moitos días de traballo en equipo con reparto de tarefas e respectando os prazos para que finalmente todo saíra listo para a súa divulgación na I Feira Tecnocienciarte do IES Perdouro celebrada nos días 14 e 15 de xuño. Foi todo un éxito. Pasaron polas mesas de xogo o alumnado de ESO e de 6º de primaria e foron quenes - non sempre - de completar o xogo.

Se queres ver o proceso, accede aquí á reportaxe fotográfica. 

Artigo publicado na Revista escolar Maruxía 28.

Coñece a FP da Mariña

O luns 20 de xuño de 10:00 a 14:00h celébranse unhas xornadas en Ribadeo para dar a coñecer a oferta educativa de Formación Profesional na Mariña. 

 

Consulta o díptico para ver o programa da mañá e os centros participantes

O IES Perdouro asistirá con mostras de todas as súas familias profesionais. 

Parabéns polo 100 % de aprobados nas ABAU

Un ano máis o 100% do alumnado de 2º de Bacharelato que realizou a proba para acceder á universidade logrou superala con éxito. 

Todo o equipo de profesorado se mostrou moi satisfeito porque ademais do anterior, unha das nosas alumnas, Eva Blanco Ferreiro, asistirá ao acto de recoñecemento aos mellores expedientes de Galicia. Á parte disto, sete persoas de entre o noso alumnado obtiveron cualificacións superiores ao 12. 

Como centro, estamos 2.177 puntos por encima da media de Galicia na fase Xeral. 

Queremos felicitar publicamente o noso alumnado e o noso profesorado polo esforzo realizado este curso para obter estes meritorios resultados.

Maruxía 28 lista para a súa impresión

O equipo de maquetación de Maruxía composto polo alumnado de 4º de ESO TIC e liderado por Natalia Irimia rematou o número 28 da revista. Xa está na imprenta tras a revisión feita coa axuda do alumnado de Comunicación do Ciclo Medio de Xestión Administrativa.

A biblioteca acollerá o acto de presentación de revista escolar así como a entrega de premios dos certames literarios e de imaxe da A.C. os Matos, o vindeiro Martes 21 de xuño ás 10:10h na biblioteca.

Iª edición de Tecnocienciarte: grazas pola vosa participación

Acabou a primeira edición de Tecnocienciarte e queremos agradecervos o voso esforzo. 

O papel do numeroso alumando que explicou o seu traballo aos compañeiros estivo á altura. Expuxeron con moita claridade os seus proxectos e pensamos que os visitantes se divertiron e aprenderon. 

Cremos que foi unha boa experiencia e que é moi positivo para todos os departamentos poder sacar fóra da aula o resultado do seu labor durante o curso. O profesorado expositor acertou plenamente nos poñentes, sobre todo nalgúns, e o resto de profes tamén fixeron unha gran tarefa vixiando os grupos e repartíndoos para que todo funcionase sen acumulacións nas mesas. 

Intentaremos repetir a experiencia e mellorala tendo en conta as suxestións que fostes facendo. 

Podedes ver imaxes destes días AQUÍ.  

Visita do alumnado de 6º de EP do CEIP Virxe do Carme

O mércores 15 de xuño visitounos o alumnado de 6º de EP do CEIP Virxe do Carme. Foi recibido na biblioteca pola directora, Mª José Pardiñas, e polo xefe de estudos, Toni Galdo. Tiveron oportunidade de ver as instalacións do centro e de pasar por Tecnocienciarte, feira de tecnoloxía, ciencia e arte, que se celebrou estes días no IES Perdouro. Alí puideron conversar co alumnado da ESO e de Ciclos Formativos que lles explicaron os proxectos nos que estiveron traballando neste curso. 

Esperamos que lles gustara o centro e que desfrutaran moito da visita!

Podedes ver máis fotos AQUÍ

  

Parabéns polo 2º premio en Generación ECO

O IES Perdouro é merecedor do segundo premio de Generación ECO de Galicia, tras responder aos nove retos que a entidade sen ánimo de lucro Ecovidrio colgou na súa páxina web. Segundo os seus datos, o IES Perdouro é un 74,46 % eficiente, fomos quen de evitar a emisión de 7529,16 Kg de CO2 e aforramos 2629,91 litros de auga, o que permitiu ese segundo posto con 395 puntos. Este premio foi posible grazas á implicación de todo o instituto, xa que os diferentes Departamentos e o alumnado de ESO, Bach, FP Básica e Ciclos puxeron o seu gran de area de moi diversas maneiras: 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut