Proxecto IdA Explorer! BBZ
Un grupo de 15 alumnos da Mittelschule de Bobingen (Baviera– Alemaña) no IES Perdouro de Burela.
Un total de 15 alumnos da Mittelschule da localidade alemana de Bobingen acompañados por dous monitores, Luisa Huiguera e Jens Hase, están de visita en Burela como parte dun programa europeo de mobilidade por intercambio IdA Explorer! entre o centro de ensinanza “IES Perdouro” de Burela e Centro de Capacitación Profesional “Berufsbildungszentrum” (BBZ) de Augsburgo. Os rapaces alemáns de idade comprendida entre os 13 e 15 anos permanecerán tres semanas (de 9 a 30 de abril) na vila, onde se aloxan coas familias galegas.
Karina Parga, Vicedirectora do IES Perdouro e encargada do Proxectos Europeos, explica que se trata dun proxecto piloto alemán cuxa finalidade é incrementar as oportunidades de estudos da xuventude. Este proxecto transnacional está respaldado polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de Alemaña e polo Fondo Social Europeo. A Vicedirectora sinala que xa leva 2 anos traballando co Centro de Capacitación Profesional Berufsbildungszentrum (BBZ) de Augsburgo, Alemaña. O convenio entre o IES Perdouro e a BBZ enmárcase no proxecto IdA EXPLORER! para fomentar o intercambio transnacional en Europa, reivindicando a importancia de coñecer outras realidades para desenvolver competencias e habilidades que faciliten unha integración cualificada e duradeira no mercado de traballo. O IES Perdouro forma parte deste proxecto xunto a 5 entidades sociais de Italia, Austria, Hungría, Polonia e Alemaña.
Un Programa Intenso
Esta acollida estivo promovida por Karina Parga, Vicedirectora, que deseñou un completo programa de actividades académicas e culturais para o goce dos rapaces na súa estadía en Galicia.
Os alumnos alemáns foron recibidos polo director do instituto, Juan Gabriel Sama Díez, quen lles explicou o programa de actividades, que combina formación académica e unha serie de obradoiros das distintas familias profesionais ofertadas polo centro: perrucaría, xestión administrativa, electrónica e mecanizado.
Ademais os rapaces participantes no encontro tamén foron recibidos o pasado martes 10 de febreiro polo tenente de Alcalde, Manuel Fernández Valle e a concelleira de Cultura e Educación, Mónica Pedre, nun acto de benvida no Salón de Plenos.
Unha axenda completa cun itinerario marcadamente empresarial por Galicia
As finalidades do proxecto Explorer son:
1) a orientación profesional dos rapaces;
2) o coñecemento da actividade empresarial da Mariña.
Durante o día seguinte á súa chegada a Burela, coñeceron a fábrica de Sargadelos e o proceso de fabricación da cerámica e visitaron do Museo do Mar de San Cibrao.
Relativo ás actividades pesqueiras, o mércores 4 de abril, realizaron unha visita ao porto e lonxa de Burela onde foron recibidos por D. José Basilio Otero Rodríguez, patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela, e por Juan Ramón Pernas que lles explicou a actividade do estaleiro Armón.
O pasado venres, visitaron as instalacións da nova fábrica de Hermida de Lourenzá. Angel Hermida explicoulles a actividade da madeira. Posteriormente a delegación xermana visitou o Museo da Faba.
O luns foron testemuñas da fabricación dun xornal na rotativa do Progreso de Lugo e coñeceron o noso patrimonio da humanidade, a muralla de Lugo.
O mércores 18, visitarán as factorías de Alcoa de San Cibrao e Vestas en Chavín.
En Burela, Santiago Santos Rey guiará o grupo de escolares na visita ás instalacións de Garsán e explicaralles o proceso de fabricación de mecanizados. Asi mesmo coñecerán o funcionamento da Cristalería Burela da man de José Casas.
Realizarán a visita á empresa de cárnicas de Río Torto O Mazo onde coñecerán de primeira man o proceso de elaboración de embutidos e derivados.
Por último, completarán o abano de actividades sectoriais, coa visita á fábrica de Coca Cola en Coruña, cidade na que se achegarán ata a Casa do Home, a Casa dos Peixes e a Torre de Hércules.