O pasado luns 24 de Octubro, o Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, D. Román Rodríguez González, acompañado do Xefe Territorial. D. Xosé Fisteos; da directora do MUPEGA, Dna. Beatriz Seco; o director do CEFORE, D. José Domínguez e a Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Dna. Judith Fernández, visitaba o Otero Pedrayo para inaugurar o noso museo, que botara a andar no ano 2009 grazas ao traballo infatigable de docentes como Conchita López, María Xosé Camba, Maíta Borrajo, Ramón Romero, Antonio Villar, Arturo Fernández ou Luis Fernández, entre outros.
No ano 2019 decidiuse sacar os fondos museísticos da sala na que se atopaban e ubicalos nos corredores e paraninfo do edificio histórico, integrándoos na súa magnífica arquitectura.
Na actualidade, é posible realizar a visita seguindo as indicacións dunha audioguía plurilingüe (galego, castelán, inglés e francés) á que se accede facilmente a través de códigos QR. Este traballo foi dirixido maxistralmente polos compañeiros de Ciencias Pilar Rodríguez e José Manuel Puente e nel colaboraron os catro departamentos de linguas do Otero Pedrayo.
A partir de agora, o museo, pertencente á rede MUPEGA, queda aberto a toda a cidadanía en horario vespertino, facendo unha reserva previa.
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE