Skip to Content

Escolares

MEMORIA FINAL ACTIVIDADES DO CENTRO CURSO 2023-24

Memoria final das actividades realizadas no Centro ao longo do presente curso 23-24.

Fai clic na imaxe para acceder ao documento.

ACREDITACIÓN DE NIVEL EN LINGUA ESTRANXEIRA

O pasado xoves, celebramos no Paraninfo do Otero Pedrayo un pequeno acto no que fixemos entrega de diplomas a aquel alumnado que conseguiu o B1, B2 ou C1 nas probas de acreditación de nivel en lingua estranxeira (inglés ou francés) celebradas no noso centro. Parabéns a todos/todas eles/elas!
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

 

ILLAS CÍES

Como o prometido é débeda, o pasado mércores, o alumnado de 4º ESO C e 1º BAC D disfrutaba do seu merecido premio ás "Mellores coreografías da ESO e BAC": unha excursión ao paraíso natural das Cíes.
A travesía no catamarán, a ruta ata o faro na illa Norte e unha espectacular tarde de praia no areal de Rodas fixo que o día fose sobresaliente.
As Illas Cíes foron declaradas Parque Natural no 1980 e incluídas no Parque Nacional M-T das Illas Atlánticas de Galicia, creado no ano 2002, xunto a Ons, Sálvora e Cortegada.
Que riqueza natural temos neste noso país! Que sorte poder disfrutala!
 
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

8M, SCAPE ROOM POLAS MULLERES

Actividade ben bonita a que tivo esta semana o noso alumnado de 2º ESO co gallo do Día Internacional da muller: un scape room centrado nelas. Isabel Zendal, Agatha Christie, Valentina Tereshkova… foron protagonistas neste xogo de pistas (auditivas, musicais, matemáticas, de lóxica…) que lle permitiron á nosa rapazada ir abrindo cofres, “críptex”, figuras… ata chegar ao final. Xogo divertido, á vez que moi didáctico e pedagóxico. Grazas á Concellaría de Educación por ofrecérnolo.
 
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE

8M, "INSUBMISAS"

Dentro da programación do Día Internacional da Muller e grazas á Concellaría de Educación de Ourense, o alumnado de 1º BAC asistiu hoxe no Auditorio á representación teatral de Insubmisas, montaxe baseada nun texto de Jose Vaquero, inspirado na personaxe mitolóxica de Medea.
A peza xoga coa estrutura clásica do "agón", o combate verbal que vertebra as grandes traxedias da Grecia clásica, e con ela preténdese "construír unha reflexión sobre un dos mecanismos de control máis insidiosos do patriarcado: a reconstrución do relato".
Magnífica peza na que o noso alumnado se viu na obriga de pensar, de reflexionar sobre unha cuestión que latexaba de fondo: pode ser libre unha muller se a súa historia é escrita por homes?
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE

ENTROIDO

 
Remataron as comandas da nosa parella de mecos Barbie e chegou a celebración do Entroido no IES Otero Pedrayo!
Un ano máis, os amigos e amigas do Centro Interxeracional da Farixa acompañáronnos no festexo, integrándose nas comparsas de 4º ESO, participando de xurado e tamén de público. No Otero sabemos que o traballo en conxunto é o mellor antídoto contra toda esa serie de prexuízos relacionados coa idade. Un ano máis dicimos: "Fóra idadismos!"
Pero iso non foi todo... Co obxectivo de darlle a coñecer ao alumnado as figuras do noso Entroido máis tradicional, este ano visitou o centro... un FELO de Maceda! O felo percorreu as aulas do Otero Pedrayo co seu tocar de chocas, meténdose coa rapazada e chamándoa á festa; tamén nos acompañou no desfile. Grazas á Asociación de Felos da Corga da Serra por conservar e espallar esta tradición tan rica da nosa terra.
Polo demais, moita, moita música, baile e diversión:
- Batalla de coreografías de 1º BAC, cun nivelón fóra de serie. 1º BAC A, B, C, D, E e F pelexaron polo tan prezado 1º posto nun concurso de baile que nos deixou a todos coa boca aberta...
- Na ESO non baixou o listón! Un ano máis, TODOS os grupo de todos os niveis da ESO (15, nada menos!) participaron no desfile-concurso escollendo un disfraz para a clase, unha presentación e unha coreografía, con todo o que iso implica de negociación, cesións, empatía etc. Todo un éxito que se reflectiu na pista.
- E aínda quedaba unha última sorpresa: a córeo grupal de toda a ESO máis profesorado, capitaneada por Xiana Gómez, de 2º BAC. Profes e alumnos bailando, compartindo, disfrutando e tecendo lazos máis estreitos. De verdade que foi espectacular.
Dicía Anxo Cid, profe de EF, que o mantemento das dinámicas cooperativas no centro son sinónimo de boa convivencia e bo funcionamento. Así o cremos e por ese traballo en equipo apostamos e seguiremos apostando.
Grazas Anxo, grazas Eduardo Iglesias, grazas Pablo Fernández (dpto. EF) pola perfección do voso traballo.
 
 
 
 

PROSTITUCIÓN E TRATA

Onte pola tarde, tivemos no Paraninfo a última das actividades enmarcadas dentro da programación do 25N, Día contra a violencia cara a muller: unha charla sobre prostitución e trata, centrada na cidade de Ourense.
Grazas ao programa de innovación Educativa Plan Proxecta "Por 365 dÍas de respecto e igualdade" por ofrecernos este tipo de formación.
Grazas ao programa Alumar, de Cáritas, por materializalo.
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE

TEATRO INTERXERACIONAL

Dentro do Programa de innovación Inclúe-T , o Otero Pedrayo participou no grupo de teatro interxeracional, canda a Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES), o Centro interxeracional da Farixa e Carmelitas.
Gustaríanos facer un agradecemento especial a Pablo, monitor de teatro de Carmelitas, que trasladou as súas aulas ao centro interxeracional para acoller a todos os participantes.
Como punto final deste proxecto, onte puidemos gozar de "Gato negro, gato blanco", representación teatral baseada nun valor fundamental: a igualdade. Magnífico traballo!

 

 

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

MOMO

O grupo de teatro do Otero Pedrayo estreaba este luns unha adaptación do clásico de Michael Ende, Momo. Que marabilla de función! Canta traballo hai por tras! Que magnífico estivo o noso alumnado. Que sorte ten o Otero Pedrayo de poder contar coa nosa Lele, profesional brillante e persoa que desprende luz.
 
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

MOZAS NA REDE

O pasado venres, a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella e o Delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistían no Paraninfo do Otero Pedrayo á función de peche da obra teatral didáctica "Mozas na rede", a través do programa de innovación educativa Proxecta "Por 365 días de respecto e igualdade".
A sempre marabillosa Estíbaliz Veiga presentounos catro historias baseadas en feitos reais e unha quinta de autoficción, vivida por ela mesma, centradas no grooming ou ciberacoso.
Canto nos fixo reflexionar! Que formato tan acaído para chegar á rapazada! Quedamos con ganas de máis...
Agora o traballo segue nas horas de titoría. Todo é pouco.
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.
Distribuir contido


by Dr. Radut