Normalización

MARATÓN DE LECTURA

O salón de Plenos do Concello de Burela encheuse de textos de Manuel María durante todo o día.
Os nosos pequenos de 1º e 2º de ESO participaron efusivamente nesta SEXTA EDICIÓN  organizada polo COLECTIVO CULTURAL BURIL.

Baixo o lema  : "Manuel María, poeta do pobo" recitaron textos tan coñecidos como "O carro", "Terra Chá", "Verbas a un irmao", ....unha hora de lectura que podedes escoitar e ver no Facebook do C.C. Buril
   

LADOALDAO

LUCÍA ALDAO E MARÍA LADO: Un espectáculo de poesía, historias e cancións para emocionar a aquelas persoas que odian a poesía. Espléndida actuación coa que conseguen darlle a volta ao discurso reaccionario da "imposición del gallego"

Un recital ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co espectador, no que este adquire, ademais, un papel activo. Nel escoitamos música, xogos, historias que rodean os poemas, momentos de reflexión e comunicación poética en estado puro

Aínda que o título do espectáculo é " Moita poesía e pouca diversión", a realidade non se corresponde exactamente con el. É verdade a primeira parte: "Moita poesía" , pero resulta perfectamente compatiblee con " Moita diversión".

Os rapaces de 3º e 4º de ESO,  así  como os de 1º de BAC ficaron encantados e con ganas de máis. Eles mesmos comentaron que a actuación se fixera curta e, sobre todo, divertida e amenísima.
   
   

CORRELINGUA 2016 EN BURELA

A praza da Mariña quedou pequena para tanta rapazada!!!!
Galego, música, baile, risos, carreiras...encheron o paseo marítimo desde A Marosa á praza da :Mariña.
Un bo número de centros de Ensino de Primaria e Secundaria desde Vioveiro a Ribadeo participaron un ano máis no Correlingua. Entre eles os nosos desde 1º da ESO a 1º de BAC. Só faltaron os de 2º de BAC por estaren cos últimos exames.
Paco Nogueiras, as actuacións de distintos centros e o grupo Zënzar desbordaron ledicia e ilusión, imprescindibles para que reverdezan as mil Primaveras coas que soñaba Don Álvaro Cunqueiro
   
   

DÍA DE ROSALÍA

   

DÍA DA PAZ

Despois de ver polos medios o drama diario de millóns de refuxiados en todo o mundo por culpa das guerras, queremos contribuír un ano máis á difusión dunha mensa xe de PAZ. É necesario parar a carreira armamentística que só favorece aos fabricantes e traficantes de armas. Queremos contribuír desde as aulas á construcción dun mundo en paz, máis feliz para todos. Porque estamos convencidos de que UN MUNDO MELLOR É POSIBLE.  NON É UN SOÑO, É A REALIDADE QUE QUEREMOS PARA OS NOSOS FILLOS!!!!

PREMIOS DAS POSTAIS DE NADAL

Como vimos facendo nos últimos tempos, un ano máis un grupo de rapac@s participou no certame de Postais de Nadal. 
As premiadas foron todas rapazas de 1º de ESO:

ANA TEIJEIRA LÓPEZ, ALBA JIMÉNEZ, CARLA GÓMEZ ,IRIA FRANCO

Un millón de grazas para tod@s @s que participaron activamente!!!!!

NEIRA VILAS

Até sempre...Xosé Neira Vilas!!!!!!
Tanta paz leves....como gloria nos deixas!!!

A maioría dos galegos coñecémolo cando facíamos a Primaria ou a Secundaria por obra e graza de Balbino e xa nunca deixamos de lelo. Aquel neno labrego co que moitos nos identificamos quedou preso para sempre no noso corazón.

Neira Vilas ensinounos a ollarnos de fronte nos nosos dous rostros: o do noso rural da posguerra e o da nosa emigración americana. Ambos coas paisaxes que coñecemos e cos personaxes tenros e defectuosos como a vida mesma. A través deles tratou de explicarnos o simple feito de vivir, sen máis; iso ao que todos intentamos dar sentido.

A súa extrema sensibilidade permitiulle devolver a dignidade ao noso mundo, tan triste e humillado durante tanto tempo que agora, ao ollarnos no espello das súas páxinas, éramos capaces de recoñecernos sen sentir vergoña, sen medo nin inseguridade; de repente, aparecemos todos endomingados e fachendosos. Case non o críamos , pero si, éramos nós!. Que ben nos sentan a tenrura e a emoción! As palabras que sempre usamos brillaban agora con outra luz!

Os que tivemos a fortuna de coñecerte, temos a obriga de eloxiarte e rendernos ante o teu exemplo de esforzo, afecto, solidariedade e a túa extrema responsabilidade con todo e con todos. Quedamos orfos de ti pero déixasnos a lembranza dos bos momentos compartidos, a túa palabra, o teu exemplo. A túa voz queda impresa para sempre na nosa memoria.

Que a terra do Ulla te acolla no seu seo xeneroso!!!!

Até sempre, Mestre! 

 

 
 

CHARLA INFORMATIVA 25 DE NOVEMBRO

Con motivo do Día contra a Violencia de Xénero, este ano tivemos o pracer de escoitar a Minda Lusquiños, Traballadora Social do centro de Saúde de Burela.

Despois de visionar varias curtametraxes, a nosa convidada expuxo moi claro os distintos tipos de violencia que se exercen, na actualidade, contra o noso xénero. Como se vai pechando o círculo de persoas até que a muller se queda soa e completamente desprotexida ante o seu agresor. Mostrou cal é a actitude que hai que manter e as posibles saídas ( que sempre hai). Rematou comentando  como se está sofisticando o acoso a través das redes sociais e cal á a postura que hai que tomar.

Unha vez más os alumnos de 2 de BAC disfrutaron dunha clase diferente. Talvez non estea no temario de ningunha das materias pero é unha unidade didáctica fudamental para a vida.

CONFERENCIA DE FRANCISCO PIÑEIRO

Un ano máis, o noso compañeiro Francisco Piñeiro deu unha lección maxistral de teatro galego contemporáneo aos rapaces de 2 de BAC.

Enlazando con tres dos temas de Literatura Galega século XX, foi facendo un percurso por todos os concellos da Mariña, desde Ourol a Ribadeo, a través de autores, actores, títulos e fotos ilustrativas do noso teatro  ao longo do século XX. Dos  Vilar Ponte a Manuel Lourenzo, pasando por Cunqueiro ou Daniel Cortezón.

É un privilexio ter no noso claustro un dos representates do noso teatro contemporáneo e, aínda por riba, poder contar con el como grande estudoso do xénero. O resultado é unha clase maxistral para todos.

Moitas grazas, Paco Piñeiro 

MAGOSTO NO MONTE CASTELO

Como xa se vén facendo nos últimos anos, unha vez máis aproveitamos a tarde do luns 16 de novembro para recuperar unha tradición ben nosa, o magosto. 

Na primeira hora, os rapaces do Ciclo de actividades Físicas e Deportivas prepararon un montón de xogos tradicionais para ir entretendo os pequenos mentres non estaban asadas as castañas. Na segunda hora, 1, 2 ,3, e 4 de ESO co seus respectivos profes, degustamos este froito do outono  tan prezado. A música tradicional axudou a facer unha tarde de luns completamente diferente. 
   
Distribuir contido