Proxectos Transnacionais
Dinamizando Galicia
Enviado por Anónimo o Ven, 17/04/2015 - 05:42Proxecto DINAMIZANDO GALICIA (DIGAL)
O noso centro IES MONTE CASTELO pon en marcha un proxecto de mobilidade Eramus + denominado Dinamizando Galicia (DiGal).
O noso centro forma parte do Consorcio do proxecto que está coordinado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.
Este consorcio está formado por entidades educativas e por departamentos do goberno autonómico: tres centros educativos - o IES Lamas de Abade de Santiago, o IES A Pinguela de Monforte de Lemos e o IES Monte Castelo de Burela-; o Centro de Estudos Gastronómicos da Coruña; os centros de formación agroforestal dependentes da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes (Guísamo, Becerreá, Sergude, Ribadeo e Monforte de Lemos); e os centros de formación ocupacional e de accións formativas dependentes da Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar.
O proxecto ten como destinatarios mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que estean realizando cursos de capacitación, accións formativas e ciclos medios e que rematen no ano 2015, antes de xuño de 2016 ou que remataron en novembro ou decembro de 2014.
O obxectivo principal deste proxecto é facilitar a inserción laboral da mocidade proporcionando a posibilidade de coñecer o mercado de traballo, adquirir experiencia laboral, poder desenvolver capacidades de autonomía e independencia e ao mesmo tempo poder mellorar as habilidades lingüísticas e comunicativas nun idioma distinto ao materno.
A actividade consiste en realizar prácticas laborais non remuneradas durante 60 días nunha empresa estranxeira axeitada ao perfil profesional da persoa participante .
Os sectores aos que se dirixe o proxecto son:
- Agrícola-forestal
- Tecnolóxico
- Administrativo
- Hostaleiro
- Turístico
- Servizos básicos a comunidade (incluídos os servizos de atención a maiores, á dependencia e sociosanitario)
A iniciativa conta cun orzamento de 277.135 euros e inclúe 56 prazas para a realización de prácticas laborais en cinco países europeos entre o 2015 e 2016
Os países nos que se pode realizar a estancia (so poderá ir a un que elixe a persoa candidata):
- Italia (Arezzo)
- Portugal (Braga ou Viseu)
- Irlanda (Cork)
- República Checa (Praga)
- Francia (Burdeos)
A persoa que resulte beneficiaria da mobilidade terá cubertos todos os gastos da estancia: viaxes de ida e volta a custo real ata un máximo segundo o país elixido, aloxamento e manutención , actividades de apoio lingüístico/cultural no país de destino durante 20 horas e apoio permanente durante a estancia .
Ao regreso recibirá acreditación da experiencia laboral do período que será válida en todo o territorio nacional e europeo.
--Luns 4 de maio de 2015- Presentación doproxecto no IES Monte Castelo pola responsable deste proxecto na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta, Mª Jesús López Cernadas. Para máis información podedes contactar con ela no teléfono: 881 999 567
-- Santiago, 15 de abril de 2015.- O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou no grupo de traballo do proxecto ‘Dinamizando Galicia’ (DIGAL), aprobado ao abeiro do programa Erasmus +, acción clave 1 (mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe). O seu obxectivo é a realización de prácticas laborais en Europa.
Toda a información no enlace: http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/1715/xuventude-avanza-proxecto-dinamizando-galicia-para-desenvolvemento-practicas
11 de decembro de 2015- Os interesados en participar neste proxecto poderán asistir á reunión informativa que terá lugar no IES Monte Castelo o venres 11 de decembro para participar na convocatoria que terá lugar en marzo de 2016.
A responsable deste proxecto é Mª Jesús López Cernadas.