Un dos grupos do IES do Milladoiro participante no VII Concurso Radiofónico de Teatro Lido vén de gañar o Premio do Público na gala organizada polo Concello de Ames o día 20 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns. Lois Santiago, Hugo López e Isabella Marín, alumnos e alumna de 4º da ESO, recibiron o premio pola peza Lois e os Loisiños, e correspóndelles un agasallo en metálico ademais da satisfacción de ter o recoñecemento do público.
O concurso foi organizado polo Concello de Ames e promovido nos centros do concello polos equipos de Dinamización Lingüística. O noso centro participou cun total de sete pezas que elaboraron en grupos diversos ata vinte alumnos e alumnas. Parabéns a todos e todas elas por participaren e encher a radio municipal de teatro en galego!