O IES do Milladoiro en colaboración co Concello de Ames vai desenvolver neste curso un programa de prevención de condutas adictivas en 2º e 4º de ESO. Convócase ás familias ás seguintes reunións informativas:
Xoves, 2 de novembro: familias de 2º e 4º da ESO ás 19:00 horas Martes, 21 de novembro: familias de 4º da ESO ás 19:00 horas Martes, 28 de novembro: familias de 2º da ESO ás 19:00 horas.
O alumnado asistirá, dentro do horario escolar, a cinco sesións de traballos dirixidas pola psicóloga Belén Montesa, grazas ao apoio do Concello de Ames. Nesas cinco sesións trataranse, cunha metodoloxía participativa, cuestións como a autoestima, a tolerancia á frustración, a autonomía, a resolución de conflitos, a presión de grupo e a dependencia afectiva, a publicidade, internet e as redes sociais, os hábitos de vida saudables, o tempo libre e o ocio, o alcol, o tabaco e outros consumos. As accións que desenvolveremos neste curso non teñen un carácter puntual, senón que son cíclicas, pois comezan en 6º de Primaria e continúan en 2º e 4º da ESO. Trátase, por outra banda, dunha proposta que implica ao profesorado, ás familias -coas que se desenvolverán sesións informativas antes e despois da intervención co alumnado-, e, loxicamente, ao alumnado. Unha vez rematado o traballo de aula, elaborarase un informe de avaliación do programa para coñecemento da comunidade escolar. O IES do Milladoiro, fundamentalmente a través do Departamento de Orientación e o Plan de Acción Titorial, vén traballando dende a súa creación na prevención de condutas adictivas. Esta é, entre outras, unha das razóns polo que o Ministerio de Educación e Cultura lle concedeu ao centro o distintivo de calidade “Vida Saudable”. |
|||