A solicitude do Instituto do Milladoiro para tomar parte nos Contratos-Programa 2015/2016 da Consellería de Educación foi aceptada. O obxectivo desta iniciativa é acadar a equidade e a excelencia na educación, desenvolvendo as capacidades de todo o alumnado conforme as súas posibilidades e circunstancias.
As dúas actuacións aprobadas son o Programa de Reforzo, Orientación e Apoio (PROA) e o de Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros. Neste curso 15/16 o PROA está destinado a dous grupos. O alumnado de 1º e 2º ESO (10 persoas) con desfase curricular significativo terá clases luns e mércores de 16:30 a 18:30 h. A primeira hora estará dedicada ao Ámbito científico-matemático; e de 17:30 a 18:30 será a quenda do Ámbito socio-lingüístico. O segundo grupo (10 persoas) está formado por alumnado de 3º ESO con materias pendentes de 1º e 2º da ESO e alumnado de 3º e 4º ESO con desfase curricular significativo ou necesidades de inmersión lingüística. As súas clases serán luns e mércores de 16:30 a 18:30 h. O Ámbito socio-lingüístico será impartido de 16:30 a 17:30; o Ámbito científico-matemático será de 17:30 a 18:30 h. A profesora Sara Riveira será a responsable do Ámbito científico-matemático. O socio-lingüístico estará ao coidado da profesora Belén Couto. O Programa de Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros ten como obxectivos apoiar o traballo de Habilidades Sociais, introducir a mediación escolar e a cibermentoría como estratexias eficaces na resolución de conflitos e potenciar o procedemento conciliado como unha vía alternativa ao inicio de expedientes disciplinarios, entre outros. |
|||