RADIO AMES ENTREVISTA O ALUMNADO DE XEOGRAFÍA DE 2º BACHARELATO SOBRE O DEBATE ELECTORAL

O debate electoral do 15 de decembro no IES do Milladoiro

2º de Bacharelato B

18.12.2015

Estes últimos días dedicamos as clases ás próximas eleccións do 20 de decembro, día no que despois de 4 anos os cidadáns maiores de 18 votaremos para elixir o presidente do Goberno. Dito cargo está representado por diferentes partidos políticos. Algúns deles, este pasado martes 15 de decembro, estiveron no noso instituto (IES do Milladoiro)  para facernos chegar aos máis novos todas as súas propostas. Os representantes foron dos partidos políticos de En Marea, Nós Candidatura Galega, Partido Popular e Partido Socialista.

 

Podemos dicir que foi como un mítin político coa diferenza de que tamén responderon ás nosas inquedanzas. Isto é algo moi importante para todos nós, posto que ao ser principiantes como votantes non temos moi claro algúns aspectos políticos, pero sobre todo, os que teñen que ver co que nos afecta, a educación.

Tratouse dun debate moi aberto no que despois de que cada partido ofrecese as propostas da súa candidatura, todos os alumnos tivemos a oportunidade de dirixirnos a eles nunha quenda de preguntas. Ás veces, durante o acto, os candidatos interrumpíronse co que os seus argumentos non quedaban claros. Por outra banda, as nosas preguntas non sempre tiveron unha contestación directa e clara, como no caso do relacionado co futuro da LOMCE e os estudantes. Respecto á pregunta sobre a Cidade da Cultura, por exemplo, houbo distintas opinión relacionando os cartos investidos nesa obra e os que faltan noutros campos.

Despois deste debate electoral, o pasado mércores 16 de decembro, Ames Radio estivo na nosa clase de 2º de Bacharelato B para amosar á poboación de Ames a nosa visión de dito debate así como as críticas e opinións persoais.

En definitiva, pensamos que foi moi interesante dedicar este tempo lectivo a este tipo de actividades porque son temas que nos afectan directa ou indirectamente a nós tanto na casa coma nos estudos. Ademais, estar informados é fundamental e pode axudarnos á hora de decidir.