Zoe Fernández premiada no Certame artístico Cousas

O pasado 21 de xuño entregáronse os premios do I Certame artístico Cousas que organizou o IES Félix Muriel de Rianxo e alí acudiu a alumna do noso centro, Zoe Fernández Piñeiro, para recoller o seu galardón. Un mes antes, cando se fallaron os premios, xa anunciamos aquí a nova.

Deixámosvos agora a obra artística de Zoe que, ao igual que as Cousas de Castelao, ten debuxo e mais texto.


Reproducimos o texto para que se poida ler ben:

Aínda recordo aqueles paseos por aquel camiño que me levaba
á liberdade. Ao solpor, cando os últimos raios de luz chegaban á miña cara e se
reflectían nos meus ollos. Os pasos lentos, case rítmicos das miñas pernas
deixaban a herba esmagullada. A miña vista, apreciaba unha paisaxe, para min,
fantasiosa.

Observábanse montañas, e montañas, aquilo, non parecía ter
fin. Tamén recordaba o sol agochándose por detrás delas, dándolle unha cor
alaranxada ao ceo, e dando paso á noite. Aínda máis cara diante, campos cheos
de vacas, ovellas, cultivos, todo o que os meus ollos querían apreciar. As
árbores alzábanse ao meu paso, carballos, piñeiros, aciñeiras, e por fin,
escoitando o son da auga dun río que fluía aos meus pés, estaba o paraíso. O
banco. O meu marabilloso banco. Desta vez, baleiro.

Zoe Fernández Piñeiro (1º ESO)