Conferencia: As vantaxes lingüísticas de sermos galeg@s

     


Onte, no noso IES

AS VANTAXES LINGÜÍSTICAS DE SERMOS GALEG@S.

Conferencia de VALENTIM R. FAGIM e JOSÉ RAMOM PICHEL

 

Valentim R. Fagim (profesor de portugués na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol) e José Ramom Pichel (enxeñeiro informático e empresario de Imaxin Software) son autores dun libro moi interesante titulado O galego é unha oportunidade”, no que falan da enorme vantaxe que temos os galegos e galegas polo feito de podermos usar dúas linguas que teñen unha gran proxección internacional.

 

Os conferenciantes, dun xeito moi ameno, demostráronlle ao alumnado de segundo de bacharelato que o galego é unha lingua moi útil que nos permite comunicarnos con 250 millóns de persoas en todo o mundo (Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Cabo Verde, Guinea-Bisáu, Guinea Ecuatorial, Timor Leste, San Tomé e Príncipe, Macao…); que ten unha enorme potencialidade que non está sendo aproveitada e que nos ofrece unha clara vantaxe nun mercado laboral cada vez máis globalizado.

 

XR Pichel: A nosa lingua, como calquera lingua, é un xeito de ver o mundo, un coñecemento humano que non nos podemos permitir o luxo de perder. Mais, ademais diso, é unha lingua con unha enorme potencialidade que non está a ser aproveitada.

Como empresario no campo das TIC, penso que todos estamos en procesos de internacionalización, por causa da crise e é preciso procurar novos clientes e novos proxectos en economías emerxentes. O Brasil e a América que se expresa en español van ser lugares de preferencia. Os galegos e galegas somos as únicas persoas do mundo que temos unha competencia nos dous idiomas, polo único feito de sermos galegos. Hai que aproveitalo.

 

V. Fagim: O ensino de Portugués ou a implementación de contidos de portugués na materia de galego sería unha das maiores revolucións cognitivas, de formas de ver o mundo, de ver o local, que se poderían facer no noso sistema educativo.

 

XR Pichel: A lingua galega debe ser vista como unha riqueza e unha “fortuna histórica” e esta visión debe formar parte do sentido común da poboación pois só así garantiremos a transmisión interxeracional e aproveitaremos a vantaxe competitiva que posuímos.