Comunicación da dirección do IES do Milladoiro

En relación co coñecemento por parte da dirección do IES do Milladoiro da realización dun documento ou escrito por unha parte do alumnado, que non procede de ningún órgano do IES do Milladoiro, considérase esencial poñer en coñecemento das familias e ter en conta o seguinte:

No noso Plan de Convivencia (páxina 15, dereitos do alumnado, apartado d) aparece recollido o dereito do alumnado a participar directamente no proceso educativo cando sexa consultado pola Administración educativa, nos termos previstos no título IV da lei de Convivencia (“Participación directa das familias e dos restantes membros da comunidade educativa no ensino e no proceso educativo”). Este dereito tamén se amosa no artigo 7.1.d da Lei 4/2011 de 30 de xuño de convivencia e participación da comunidade educativa.

No titulo IV da mencionada lei, establécese o seguinte:

Artigo 31. Procedementos de consulta e participación directa no ensino.

1. Para facer efectiva a corresponsabilidade entre o profesorado e as familias na educación dos seus fillos e fillas e garantir a colaboración efectiva entre a familia e a escola, a Administración educativa poderá establecer procedementos de consulta e participación directa das familias. Estes procedementos poderán estenderse a outros membros da comunidade educativa.

2. Os procedementos previstos neste artigo terán como finalidade solicitar as preferencias individuais ou colectivas das nais e pais ou das titoras ou titores do alumnado, do propio alumnado se é maior de idade e, no seu caso, doutros membros da comunidade educativa sobre aspectos determinados da programación xeral do ensino.

3. En ningún caso poderán ser obxecto de consulta os aspectos da programación xeral do ensino regulados directamente por normas con rango de lei ou que haxan de ser regulados pola lei por disposición constitucional

Artigo 32. Principios xerais e garantías dos procedementos de consulta e participación directa.

1. Os procedementos de consulta e participación directa convocaranse por orde da persoa titular da consellería competente en materia de educación antes do inicio do curso escolar no que os resultados dos mesmos teranse en conta para a adopción das correspondentes decisións no ensino por parte da Administración educativa.

2. A orde de convocatoria haberá de publicarse no Diario Oficial de Galicia cunha antelación mínima de quince días con respecto á iniciación do procedemento e establecerá, como mínimo: a) O carácter meramente orientador ou o grao de vinculación que para a Administración educativa e os centros docentes terán os resultados do procedemento. b) As garantías que procedesen #de acordo con a finalidade e o carácter do procedemento para asegurar a protección dos datos de carácter persoal dos participantes, a autenticidade das opinións individuais emitidas e dos resultados globais e a neutralidade da Administración educativa e dos centros docentes na adopción de decisións derivadas do procedemento. c) O prazo de duración do procedemento, que non poderá ser inferior a un día natural nin superior ao período de matrícula que se estableza nas normas de admisión nos centros docentes

3. Os procedementos de consulta e participación directa poderán realizarse mediante a utilización de medios electrónicos, ben nos propios centros docentes, ben de maneira telemática, respectando as garantías establecidas na lexislación sobre acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos e na de protección de datos.

Artigo 33. Acceso das nais e pais ou das titoras ou titores ao profesorado e aos equipos directivos dos centros docentes

1. As disposicións que regulen a distribución do horario semanal individual do profesorado garantirán a dispoñibilidade do mesmo, tivese ou non a condición de titor, para a atención ás nais e pais ou ás titoras ou titores do alumnado.

2. Garantirase igualmente a dispoñibilidade dos membros dos equipos directivos dos centros docentes para a atención ás nais e pais ou ás titoras ou titores do alumnado.

3. Ao dar cumprimento ao previsto neste artigo, procurarase de maneira especial que as horas de atención ás nais e pais ou ás titoras ou titores sexan razoablemente compatibles, dentro do horario do centro, coas obrigacións laborais e familiares dos mesmos


Finalmente, dende a dirección do IES do Milladoiro lémbrase o papel e representación do alumnado. exercido pola xunta de delegados e delegadas do alumnado e a representación do alumndo no Consello Escolar