O venres 27 de xaneiro foi o primeiro dos dous días nos que lle fixemos unha pequena homenaxe a Castelao no noso IES, con motivo de celebrar o seu nacemento (29 de xaneiro). Unimos esta pequena homenaxe coa terceira fase do proxecto "Ao son da paisaxe" coa que quixemos "humanizar" unha parte do noso patio, a que está atrás do pavillón. Antes, o alumnado do EDLG (Equipo de dinamización da lingua galega) de 1º e 2º ESO foi á parroquia de Ameixenda buscar varas de salgueiros, bidueiros e vimbios que logo plantamos nese espazo traseiro onde tamén colocamos a faixa coa mítica frase de Castelao, faixa que a rapazada pintou durante toda a semana previa. Abaixo podedes ver algunhas imaxes dese día. Ademais de ligar a Castelao co noso proxecto plurianual "Ao son da paisaxe", tamén o ligamos coa celebración do Día da paz na bibliteca, onde se lle fixo tamén unha pequena homenaxe. Rapazas do ENDLG leron viñetas de Castelao, tanto en contra da guerra, como en contra de calquera inxustiza, empregando como arma a retranca. Para finalizar, as irmás Dora e María Iglesias interpretaron o famoso poema de Castelao musicado (Lela): Durante os dous días dedicados a Castelao proxectáronse os dous vídeos relacionados, un sobre a súa vida e obra do rianxeiro como retranqueiro universal e outro sobre o que entendemos no EDLG que é a paz lingüística. |
|||